‘O axente Topo’: Equipado contra a soidade

Todos temos puntos débiles á hora de afrontar unha película. Evidentemente hai diversidade por cuestión como os gustos, experiencia cinematográfica ou coñecementos, pero non me refiro a iso. Eu, por exemplo, por temas persoais afronto dun xeito diferente as películas sobre enfermidades e sobre a vellez. Cústame establecer os límites entre o espectador e o crítico. Dúas beiras que deben ter pontes que as comuniquen, pero que teñen que ter unha certa separación.

E O axente Topo tócame no sensible tanto polo tema que trata como por como o trata. Este documental chileno dirixido por Maite Alberdi, establece unha premisa realmente interesante. A filla dunha usuaria dunha residencia de anciáns está preocupada por como tratan á súa nai no lugar, polo que contacta a unha axencia de detectives para investigar o asunto. Esta decide contratar a unha persoa para que faga de axente infiltrado. Por suposto, debe ter unha idade suficiente para pasar por un residente no centro.

Entón temos a un James Bond de 84 anos que aprende a usar as novas tecnoloxías para o traballo con todos os códigos dunha película de espías, os gadgets especiais, códigos na montaxe, banda sonora acorde. Unha situación realmente divertida que xa de por si funcionaria pero que se dota moi rápido de profundidade.

En primeiro lugar, porque é un documental. Ás cámaras existen. Hai permiso para gravar na residencia de anciáns e as persoas que alí viven reaccionan á súa presencia. Ademais a propia transformación do protagonista para o traballo é real. Tómase a investigación en serio, tan en serio que o relato transcende ao agardado.

Porque, aos poucos, coñecemos ás persoas que viven aí. Maioritariamente mulleres. Maioritariamente soas despois de criar a unha familia. E aí está a cuestión. Na procura da muller que ten que investigar, o protagonista descubre a personalidade das demais. E o que podería ser unha sorte de Operación Domus VI, transfórmase nun relato tan humanista como duro.

Porque a soidade é o tema central da película. Mulleres que piden saír á rúa coa esperanza de vivir un pouco máis libres, casos nos que a dirección inventa chamadas de supostos familiares porque non estes non se dignan a velos, xente con problemas de memoria que xa nin lembra as caras dos seus netos, poesías que quedan afogadas nunha cama.

Como dicía ao principio, esta película tocoume tanto por dentro que son consciente que non son tan obxectivo como debería. Pero prometo que cada bágoa derramada vendo o tramo final do filme é a mostra do moito que me gustou. O axente Topo transmite tanta verdade e tanta sensibilidade que creo que podo afirmar que quen non se emocione con ela está morta por dentro. E se chegaches ata aquí, faime o favor, chama aos teus avós se o tes. Ou aos teus pais. E sobre todo, cóidaos se eles o fixeron contigo. Non me sexas imbécil.

Dirección: Maite Alberdi
Guión: Maite Alberdi
Fotografía: Pablo Valdés
Música: Vincent van Warmerdam
Ano: 2020
País: Chile
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.