‘O demo a todas horas’: A ditadura dos 120 minutos

Sempre houbo películas de maior e menor duración, o que ocorre é que nos últimos anos a industria audiovisual cambiou por mor da incorporación dos servizos de streaming e a importancia que cobraron as series. Unha das consecuencias é que a duración estándar das películas comerciais aumentara da hora e media ata as dúas horas. Como mínimo.

E isto non é malo. O que ocorre é que unha gran parte das historias poden contarse en menos dese tempo. Polo tanto, son cada vez máis os filmes que sofren dun exceso de metraxe. Este feito non significa que non existan películas que excedan esa duración e que o fagan ben, como por exemplo The Irishman, moi criticada por ese motivo, pero si que se nota unha tendencia neste senso nos últimos anos.

PRIMEIRA PARTE

O demo a todas horas, unha das estreas máis agardadas de Netflix neste final de 2020, ten este problema como principal carta de presentación. O filme está dirixido por Antonio Campos e protagonizado por Tom Holland e Robert Pattinson, e é un thriller rural ambientado nos anos 60 e localizado no sur dos Estados Unidos.

Holland interpreta a Arvin, que crecerá nun entorno cruel onde a morte e a desgracia está á orde do día. Aquí o problema é que na primeira hora de metraxe se conta a historia dos pais do protagonista e como rematan perecendo. Este contexto non é necesario a nivel narrativo e podería solventarse con algún flashback. É máis, incluso hai flashback nesa primeira parte, o que se cae nun contexto do contexto que carece de sentido narrativo.

Ademais, esta primeira parte lastra o conxunto totalmente debido á unha construción das personaxes fallida. No filme quere facerse unha crítica aos cristiáns que se cren falsos profetas, que levan o seu fundamentallismo relixioso a tal límite que elixen renegar do camiño cristián, pero e que todos os crentes no filme están retratado dun xeito case paródico.

Son tan esaxeradas as súas accións e estrambóticos os seus desenlaces que a película saca ao espectador da mensaxe do filme. O concepto é semellante a se o actor secundario Bob protagonizase un drama. Ademais, cobre ao filme nun halo de crítica e burla totalizadora ao cristianismo. E non teño moi claro que esa sexa a intencionalidade do filme.

SEGUNDA PARTE

Na segunda parte a película mellora e pousase máis, sendo máis observacional e construíndo a súa historia aos poucos a través da súa atmosfera. Esta é creada principalmente a través da fotografía e unha dirección que afoga aos seus personaxes deixando moi pouco aire nos planos. Mostra un contexto de corrupción onde os seres humanos para medrar poden facer case calquera cousa.

Aquí destacan as interpretacións, que son o principal sustento do filme, especialmente da dun Tom Holland nun rexistro moi afastado ao habitual onde cumpre con creces. Tamén é destacable a montaxe. Sobre todo nalgúns momentos concretos nos que diferentes tramas se están a cruzar e en escenas de acción.

PREDECESORES

Cómpre falar tamén das influencias do director. Dende un principio pode verse claramente como os irmáns Cohen e Martin Scorsese son os principais referentes de Campos para elaborar o filme. Non se oculta para nada, pero constrúese pouco máis aló. Parece que as referencias se comeron o que quería contar Campos, o que é algo preocupante se temos en conta que é xa o sexto longametraxe do director estadounidense.

Outro elemento negativo é a voz en off. Este é un recurso moi insultado nos últimos anos e cualificado como algo pasado de moda e antigo. A realidade é que, como todos os recursos, se se utiliza ben non ten maior problema. O inconveniente é que no diablo a todas horas abúsase tremendamente do narrador omnisciente ata o punto de resultar realmente molesto e anticlimático.

A realidade é que O demo a todas horas é un filme que pide a gritos que se lle quite case unha hora de metraxe. É un thriller tremendamente irregular onde a fotografía e a destacada actuación de Tom Holland soamente salvan a medias unha obra con moitos problemas.

Director:Antonio Campos
Guión: Antonio Campos, Paulo Campos
Fotografía: Lol Crawley
Música: Danny Bensi, Saunder Jurriaans
Ano: 2020
País: Estados Unidos
2.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.