O final de ‘Sobrenatural’ e por que é imposible facelo peor

O 13 de setembro de 2005 emitiuse na televisión estadounidense o primeiro capítulo de Sobrenatural. Daquela era unha serie de terror estraña e escura, case de culto, na que os irmáns Sam (Jared Padalecki) e Dean Winchester (Jensen Ackles) viaxaban por todos os Estados Unidos cazando monstros coma vampiros, demos, espíritos ou homes lobo. Na cuarta tempada aparece a personaxe de Castiel (Misha Collins), un anxo que sacou a Dean do inferno, e que se convertería no terceiro personaxe recorrente. En marzo de 2019, case catorce anos despois da estrea, confirmouse que a número 15 sería a derradeira tempada de Sobrenatural.

Desta vez, os Winchester enfrontábanse ao “xefe final”. Despois de descubrir que nunca foron realmente libres porque as súas vidas sempre estiveron controladas por Deus, ou Chuck (Rob Benedict) como o chaman na serie, rebélanse contra el e o seu xogo. Chuck proponse entón facer todo o posible para que os irmáns sufran e acabar co seu mundo e con todos os demais que creara.

Tamén durante esta tempada todo parecía xirar arredor dunha segunda trama: a relación entre Dean e Castiel, que foi cobrando importancia despois dunha reconciliación. E finalmente no capítulo 18 temos unha declaración moi clara, cando Castiel confesa o seu amor por Dean para salvar a súa vida e inmediatamente despois morrer, sacrificándose el polos dous. Así, confirmouse o que unha grande parte dos seguidores da serie levaba pensando dende a aparición do personaxe na serie.

E aquí é onde comeza unha campaña terrible por parte do equipo de produción da serie: nos días seguintes á emisión do capítulo evitaron facer referencias á confesión e á morte de Castiel, mentres os fans non falaban doutra cousa. Misha Collins non se despediu oficialmente do seu personaxe e ninguén do equipo deixou claro que ese era o seu final. Así, e debido a pequenos paralelismos dentro desta tempada, moitos pensaban que o personaxe volvería nos capítulos que restaban e que a parella de Dean e “Cas” remataría a serie estando xuntos.

Porén, os capítulos seguintes foron desastrosos. E non por non traer a Castiel de volta, que podería estar xustificado, senón por estar repletos de incoherencias e por un guión realmente pésimo. No capítulo 19 péchase a trama da tempada e resólvese a loita dos irmáns con Deus. Dende entón e por primeira vez, os Winchester teñen completa liberdade sobre as súas vidas e decisións. Porén, non hai en todo o capítulo o mínimo ápice de preocupación pola morte de Castiel nin algunha referencia á súa confesión, un dos personaxes principais e que compartía unha amizade de doce anos cos irmáns, e que dende logo nin está nin se lle espera, a pesar das esperanzas que o equipo da serie conseguiu estender.

A partir de entón, o máis esperable era que o último capítulo da serie se centrase en recuperar a Castiel e a Eileen (unha cazadora interpretada por Shoshannah Stern que comezara unha relación con Sam), a quen tampouco se fai referencia, a pesar do grande impacto que a súa morte tivera sobre Sam, tamén no capítulo dezaoito. E así nolo fixeron crer outra vez, pero está claro que unha conclusión tan lóxica era o último que podiamos esperar.

Pola contra, o episodio final de Sobrenatural ten o mesmo aspecto que se non tivesen pasado quince tempadas: os irmáns seguen cazando ata que Dean morre traxicamente (e dunha forma completamente estúpida, aínda por riba) e vai ao Ceo, e Sam segue coa súa vida, casa, ten un fillo e finalmente morre de vello. E todo isto podería non ser tan terrible como semella, pero é que ademais está narrado do peor xeito posible: a escena da morte de Dean é excesivamente longa, buscando recrearse na tristeza e na crueldade da situación. E con respecto a Sam, nin sequera se molestan en aclararnos con quen casa, pois a súa muller preséntase como unha escusa para ter un fillo ao que chamar como o seu irmán falecido. Con isto, Sobrenatural recupera un despectivo trato ás súas personaxes femininas que era moi habitual nas primeiras tempadas, pero semellaba que había unha vontade por solucionalo.

O personaxe de Dean sufriu durante toda a tempada pensando en que a súa vida sempre foi un xogo de Deus, e non realmente súa. E xusto cando por fin foi libre, morreu do xeito máis insípido posible, e cunha resignación polo seu “destino” que non concordan en absoluto coa marcada evolución do seu personaxe durante esta última tempada. Parece que despois de todo, Dean non merecía un final xusto nin minimamente feliz, e tiña que morrer necesariamente do xeito que máis lle traumatizou sempre.

O peor é que o desenvolvemento desta tempada, sobre todo a partir do capítulo 18, deixara a oportunidade perfecta para facer un final memorable e honrar aos seus personaxes e aos seus actores, cunha conclusión lóxica que os fans puidesen aceptar. Aínda non atopamos resposta a por que non o fixeron.

En cambio, decidiuse que os seguidores da serie quedaran coa imaxe dun dos seus personaxes máis queridos morrendo traxicamente xusto despois de saír do armario, para que non se volva facer unha soa referencia a esa confesión nin á súa morte. Con razón estase falando de queerbaiting, un termo que se refire ao reclamo de certas series que inclúen personaxes aparentemente LGTB, pero que non se confirman como tal, e teñen un final tráxico ou nunca conseguen un amor correspondido. E, neses termos, Sobrenatural leva o primeiro premio.

Máis alá deste final, estes 15 anos non foron por nada. Sobrenatural significou moito para moitas persoas, que se van quedar con todo o seu camiño e non só co final. Sempre poderemos seguir os camiños dos seus actores: Jensen Ackles únese a The Boys, o novo de Eric Kripke e Jared Padalecki protagonizará un remake de Walker, Ranger de Texas. E por suposto, sempre poderemos volver mirar a serie. Aínda que, polo de agora, non dan moitas ganas.

SOBRENATURAL T15
Creador: Eric Kripke
Guión: Andrew Dabb, Jeremy Adams
Fotografía: Serge Ladouceur
Música: Justin Kamps
Ano: 2020
País: Estados Unidos
2
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.