‘O Incendio’: As aparencias (non) enganan

O pasado 19 de maio, aterrou en Filmin a miniserie británica O Incendio. Seguindo unha estrutura cada vez máis clásica nas miniseries inglesas (4 capítulos de 45 minutos), secunda a xa máis que coñecida estratexia do pobo onde nada é o que semella e ninguén é quen di ser. Unha vez máis, o mesmo punto de partida: unha vila pequena con familias normais que levan vidas normais –neste caso situada nunha bucólica Escocia– onde de súpeto se producen unha serie de mortes.

Un grupo de nenos cantando nun coro un tanto tétrico non é un comezo que outorgue un bo augurio. Nos primeiros minutos da serie altérnanse imaxes dunha pequena festa coas chamas dun brutal incendio no interior dunha vivenda. A pesar do intento de que o espectador non sexa quen de deducir dende o primeiro momento quen ten a responsabilidade, non é difícil descubrir a realidade cun par de olladas e un pouco de concentración. Un final moito menos inesperado do que se cabe pensar dun thriller.

Dúas familias amigas: hobbies, excursións e algunhas confidencias compartidas. Un médico de familia, Tom  Kendrick, interpretado polo coñecido David  Tennant e a súa muller, profesora na escola, Kate (Anna  Madeley), viven coas súas tres fillas nunha grande e bonita casa -outro clásico de familia idílica-. Os seus mellores amigos Jess (Cush  Jumbo), compañeira de traballo de Kate, e Steve (Matthew  McNulty), un policía da vila, cun pouco máis do mesmo. Unha noite, despois da xa citada festa, a casa dos Kendrick comeza a arder. Steve é dos primeiros en chegar –claro, viven enfronte– só Tom sobrevive, aínda que permanece en coma. A traxedia arrasa, nunca mellor dito, ao pobo. Os informes forenses revelan que os Kendrick foron inxectados con algo esa mesma noite, aí comeza a investigación.

Ao longo da serie, os flashbacks convértense nun recurso habitual a medida que os segredos van vendo a luz e a trama avanza, o que permite ao espectador montar o seu propio crebacabezas. Desta forma, céntranse máis no drama e na vítima que no propio asasinato, quedando relegado a un segundo plano en diversas ocasións.

Quizais o mellor thriller sexa o reparto. Os catro personaxes principais, conseguen darlle á serie unha volta, aínda nos momentos máis vagos e nas escenas máis lentas da historia. Valen máis polo que expresa o seu silencio que polo que din. Os nenos non chegan a ter o protagonismo que se merecen nesta historia.

Un cluedo elegante, no que a conclusión non é o máis interesante, senón os dramas internos dos personaxes. Unha evolución limpa dos feitos, sen demasiadas sorpresas. Unha serie correcta que non aporta nada novo.

Creadora: Daisy Coulam
Guión: Daisy Coulam
Fotografía: Neus Ollé
Música: Natalie Holt
Ano: 2020
País: Reino Unido
3