‘O libro de Boba Fett’: quen puidese entenderte, Star Wars

A sombra de The Mandalorian é moi alongada. A serie orquestrada por Jon Favreau e Dave Filoni está a cobrar unha relevancia capital no momento actual de Star Wars. Por un lado, estableceu uns estándares de calidade notables que, xa adiantamos, este spin-off non é capaz de replicar. Polo menos, non sen copiala descaradamente. E polo outro, está a asentar as bases para todo un universo futuro que, ata o de agora, é moi difícil de entender ou xulgar. 

Se facemos memoria, lembramos que Boba Fett remataba proclamándose coma señor do crime co cargo que sostiña o mítico Jabba o Hutt. Aí comeza esta historia, co protagonista tendo que facerse de novo un nome logo da súa “morte” e posterior resurrección. Os capítulos iniciais, a cargo de Robert Rodríguez, mostran cunha narrativa torpe onde as haxa o que sucedeu entre o Retorno do Jedi e o presente da obra. 

Máis alá do abuso excesivo dos flashbacks, a serie non está exenta de problemas. A acción está pouco traballada, por exemplo: as coreografías son moi frouxas, e prodúcense fenómenos inexplicables como persecucións a motor lentas -feito a propósito ou non, quen sabe. É dicir: o agravio comparativo coa serie irmá é demasiado esaxerado. Iso tamén é visible se comparamos aos protagonistas: pasar dun tipo con tanto carisma como Mando a outro que simplemente non o ten é duro de xestionar. 

É certo que hai certa intención por profundar neste outro pistoleiro -ata o de agora, Boba Fett era pouco máis ca un matón con catro liñas de diálogo-, dándolle máis empatía e humanidade da que podíamos esperar, pero sen chegar a lugares interesantes, en calquera caso. Velaí un dos perigos dos universos expandidos: achar que, en realidade, non había moito que explorar

De feito, estes primeiros episodios son tan confusos que nunca sabes moi ben se son terribles ou boísimos. O primeiro contacto é negativo, pero vai indo de menos a máis, e unha vez que te acostumas ás súas formas, ao seu ton moito máis pulp e irónico, fanse bastante agradábeis de ver. Ou polo menos, seríano se todo isto que estou comentando fora certo para a totalidade da obra. 

The Mandalorian 2.5

Alerta spoilers: cando Mando chega todo cambia. No momento en que Filoni e Bryce Dallas Howard -probablemente a mellor directora que pasou por Star Wars desde Rian Johnson- toman a batuta da historia, esta mellora de xeito exponencial. Non só parece: é literalmente unha serie distinta; é The Mandalorian 2.5, que facendo de ponte de cara á futura terceira tempada fará máis que pracenteira a experiencia para os fans da saga. 

Mando é moito Mando como para que alguén poida ocupar o seu lugar. 

A factura técnica dos últimos capítulos, impecable, así o permite. Porén, isto non só impugna todo o que se fixo por narrar de xeito honesto a historia individual de Boba Fett, senón que exemplifica á perfección o xa máis que claro rumbo a seguir polo universo en conxunto de aquí en adiante: nostalxia pura e dura. Incluso, con prácticas como o deep fake, de moralidade cuestionable e potencial catastrófico, nun contexto no que a cultura pop está a abusar máis que nunca do fan service

Que é entón O libro de Boba Fett? Se o verdadeiro obxectivo era desenvolver a personaxe e non encher o baleiro de tempo entre tempada e tempada de The Mandalorian sen perder subscritores polo camiño, un fracaso. Como dicía, é un ser totalmente inane, e para cando a serie substitúeo por Mando non da pena ningunha. Nos que son, con diferencia, os mellores episodios, el non sae. É insólito que suceda algo así, mais sucede.

Porén, os últimos episodios, que apelan aos fans e dan as suficientes pistas para ver cara onde irán as próximas series, rescatan o conxunto. A cambio de sacrificar a súa independencia, claro, e de volver ao mesmo de sempre. O empeño polos seus escritores en machacar unha e outra vez as mesmas ideas é inversamente proporcional ás esperanzas de ver, algún día, algo innovador nesta saga. A xogada funcionou desta vez, pero pretender que cada obra sobreviva só en base ás súas conexións coa familia Skywalker é tan aburrido como desilusionante.

Lonxe quedan xa a primeira tempada de The Mandalorian ou Os Últimos Jedi, espellismos de orixinalidade nun universo previsible que, cando quere funcionar, iso si, ofrece un resultado moi potente. É unha mágoa que, de momento, non aspire a ser un pouco máis. 

Dirección: Robert Rodríguez, Bryce Dallas Howard, Dave Filoni, Jon Favreau
Guión: Jon Favreau
Fotografía: David Klein, Dean Cundey, Paul Hughen
Música: Ludwig Göransson
Ano: 2022
País: Estados Unidos
3
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.