‘O Vicio do Poder’: Unha radiografía satírica do mandato Bush

O biopic é un xénero bastante maltratado no cinema, é complicado atopar a alguén que busque esta clase de películas dun xeito constante. E non é de estrañar, a meirande parte das veces caracterízanse por ser un tipo de películas densas e aínda que sexan interesantes, moitas veces non teñen un desenvolvemento sinxelo nin fácil de dixerir.
Outra eiva que soen ter é a utilización da película para branquear a unha personalidade conflitiva, cando non tóxica. Neste grupo podemos atopar sen ir moi lonxe a O Instante máis Escuro. A película de Joe Wright serviulle a Gary Oldman para gañar o Oscar de mellor actor o ano pasado entre outros moitos premios mais relata unha historia do que pon a Winston Churchill como unha persoa intachable cun revisionismo histórico preocupante.
O Vicio do poder non é un exemplo máis. Conta a historia de Dick Cheney, o 46º vicepresidente dos Estados Unidos. Segundo ao mando de George W. Bush e, como reflicte a película, unha sorte de Henry Kissinger do século vinte e un con moita soberbia. O retrato que se fai na película en ningún momento xustifica as accións de Cheney nin as nega. Durante o tempo que estivo de no cargo, viviu o 11-S e foi responsable de ordenar a invasión de Irak ou da tortura como método de interrogatorio.
Se por algo destaca a película, dirixida impecablemente por Adam McKay, é precisamente por afastarse do biopic clásico. Introduce a sátira como elemento central da historia mais a enunciación de datos é propia dun reportaxe xornalístico. Por suposto é ficción e hai parte do filme suxeito á imaxinación, pero o proceso de documentación é moi destacable. Máis tratándose dun home tan discreto como Cheney, un dato que se nos da nada máis comezar o filme.
Outra virtude é a montaxe. Utiliza recursos nada habituais nunha película deste estilo: fotogramas de documentais, rótulos, rotura da cuarta parede por parte dun narrador con bastante mala leche ou títulos de crédito en medio da película coma se dun fillo benigno de Gaspar Noé se tratara. En definitiva un montón de ideas frescas que na meirande parte das veces serven para reforzar a sátira e que dotan á obra dunha gran personalidade.
Mención aparte merecen o equipo maquillaxe e caracterización que fan brillar aos Christian Bale, Sam Rockwell ou Amy Adams. Especialmente a Bale, que conseguiu outro cambio físico espectacular e xa van tantos que nin me da a memoria para lembralo. No seu caso, a interpretación é espectacular cunha recreación perfecta. Clava o medio sorriso de Cheney e os seus xestos ata un punto que impacta notablemente.
En canto ao puramente narrativo, McKay é valente. Se ben é certo que os episodios que narran son moi coñecidos, sería moi habitual sobre explicar o que está a acontecer mais non é o caso. Faise unha obvia contextualización pero sempre dende un punto de vista no que o espectador debe saber de que está a falar, se non ten nin idea o filme perde moito. Sen dúbida, é un aspecto a valorar positivamente. Non tomar aos espectadores por parvos é algo do que moitos directores de gran fama deberían tomar nota.
Por suposto, a película tamén ten eivas. O concepto da sátira está ben pero non funciona ás veces, tanto porque non logra chegar a un punto de provocar o seu efecto, como debido á reiteración. Por exemplo, móstrase a Bush sempre inseguro, submiso, nervioso. Algo que de por si ten moito valor e é rechamante pero non é necesario que cada vez que saia haxa un plano acentúe este feito. A idea quedou clara á cuarta vez.
O vicio do poder é unha obra diferente e valente. Presenta un enfoque novidoso no seu xénero e está moi ben executada. Ademais, fala sen morderse a lingua de todas as sombras do mandato Bush e de por que non se deben xustificar os seus actos. A intención da película é clara e a posición que se debe tomar, tamén.

O vicio do poder
Director: Adam McKay
Guión: Adam McKay
Música: Nicholas Britell
Ano: 2018
País: Estados Unidos
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.