‘O xuízo dos 7 de Chicago’: Sorkin é máis que un guionista

Aaron Sorkin é un deses escritores que nunca tivo medo a repetir a mesma fórmula. Os enxeñosos e áxiles diálogos están presentes en toda a súa obra, sendo capaces de dotar du ritmo vertixinoso a calquera situación. Parte da crítica sempre destacou o seu estilo, mentres que outros o criticaban por ser pouco realista (se ben o cine de Hollywood nunca se caracterizou por selo), pero se hai algo claro a día de hoxe é que Sorkin é probablemente o guionista máis conocido da actualidade para o gran público.

Pero o escritor estadounidense é máis que un guionista. En 2017 estreouse como director coa película ‘Molly’s Game’, e agora repite con ‘O xuízo dos 7 de Chicago’. Se no seu debut o traballo de Sorkin era correcto, a realización quedaba algo por debaixo dalgunhas obras anteriores nas que Sorkin colaborou con grandes cineastas. Porén, nesta nova película o seu estilo semella moito máis definido e non hai ningunha escena na que non quede claro o enfoque co que quere filmar, dando como resultado un produto capaz de mirar á cara as mellores películas escritas por Sorkin.

O filme adéntrase nos anos 60 para narrar un xuízo contra sete activistas que participaron nunha manifestación en contra da Guerra de Vietnam durante a Convención Nacional Demócrata de 1968. Como acontece a pasar neste tipo de películas, a maior parte da acción ten lugar nunha mesma habitación, a sala dos xulgados, unha constante que pode dotar de monotonía á acción se non se planifican ben as escenas, e Sorkin solventa sen problemas este obstáculo, dotando dun grande dinamismo á película.

A última obra de Sorkin tamén conta cunha gran carga política. Se ben a historia conta a persecución a activistas antibelicistas, o director non se centra tanto na guerra de Vietnam, un tema abordado xa en innumerables ocasións polo cinema de Hollywood, senón na defensa da liberdade de expresión. Como é habitual, neste tipo de producións, elixiuse unha historia, que a pesar do seu dramatismo, permite deixar oco ao optimismo. 

Con todo, hai que recoñecer que Sorkin vai algo máis lonxe do habitual, amosando unha problemática sistémica por parte do goberno dos Estados Unidos. E sen ser un tema central da película, o autor tamén deixa claro o fortísimo racismo presente na sociedade americana, principalmente a través do personaxe de Bobby Seale, lider do partido das Panteiras Negras, interpretado por Yahya Abdul-Mateen II.

O filme conta cun claro vilán, o xuiz Julius Hoffman, moi ben interpretado por Frank Langella, mentres que o personaxe de Joseph Gordon-Levitt, como fiscal do caso, pasa máis desapercibido, sen grande peso na trama máis que para amosar unha cara máis amable do sistema. O bando dos protagonistas é todavía máis coral, onde destacan sorprendentemente Mark Rylance como abogado defensor e Sacha Baron Cohen como Abbie Hoffman. Ademáis, Eddy Redmaine aproveita este filme para amosar que tamén pode actuar sen tantos histrionismos.

‘O xuízo dos 7 de Chicago’ é unha película entretida e con ritmo, a pesares da súa duración cunha marcada mensaxe política na que Sorkin trata de amosar a persecución institucional aos movementos de esquerdas nos Estados Unidos a través de xuízos nos que o director non oculta que existía unha motivación claramente política. Tamén se atopa moi presente a cuestión da brutalidade policial, a través da que Sorkin consegue quizáis o maior éxito do filme, facer que unha historia de 1968 resulte completamente actual e relevante neste convulso 2020.

Director: Aaron Sorkin
Guión: Aaron Sorkin
Fotografía: Phedon Papamichael
Música: Daniel Pemberton
Ano: 2020
País: EEUU
3.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.