‘Ollo de Falcón’: nostalxia e futuro na festa de Nadal do UCM

Todo comezou con Endgame. Ou deberíamos dicir que rematou? En calquera caso, non falamos da obra que nos ocupa, esta nova Ollo de Falcón, que tamén, senón da patoloxía que afecta a todo o UCM desde a saída da última cinta dos Vingadores, da cal esta recente entrega, vía Disney+, non é máis ca un novo síntoma. Porque se por algo se caracteriza esta serie é por ser outro exemplo máis do complicado que lle está sendo á Marvel Studios de 2021 trazar un novo rumbo a seguir.

Collamos aire. Logo da súa cruzada como asasino brutal e a súa posterior redención, Clint Barton (Jeremy Renner) sofre as consecuencias de toda unha vida loitando cando Kate Bishop (Hailee Steinfeld) aparece na súa vida para levalo a unha última aventura antes do retiro. Afastándose das tropelías galácticas e multiversais, Ollo de Falcón fai aterrar a nave do UCM nas rúas de Nova York, esas que tantos éxitos lle teñen proporcionado á compañía, para que ambos arqueiros confronten ás mafias da Gran Mazá.

Esta baixada descomunal de escala séntalle xenial a unha serie que, por norma xeral, funciona ben como o entretemento lixeiro que pretende ser. Sumándolle ás doses de acción rueira un ton moito máis cómico e desenfado, festas de Nadal mediante, a serie postúlase como un dos acertos do UCM neste particular ano. Pero eu non podo evitar concibila como unha vitoria pírrica.

Trascender o pasado

Ollo de Falcón, cos seus puntos fortes e febles, ofrece un resultado ambivalente: por un lado, a nivel de guión e construción das personaxes case todo encaixa. Os chistes e diálogos son bos, e a relación entre ambos heroes é orgánica e entrañable. É dicir: a diferenza da apatía total que lastraba cintas como Eternals, aquí as protagonistas teñen un mínimo de carisma e impórtanlle ao espectador. Grazas, entre outras cousas, ás decentes interpretacións de Jeremy Renner e Hailee Steinfeld.

A química entre as dúas personaxes principais é un dos mellores puntos da serie.

Porén o desenvolvemento da trama en si, a consecución dos diferentes puntos da historia, é pouco satisfactorio. En primeiro lugar, a serie naufraga á hora de trasladar a linguaxe audiovisual eses bos aspectos, principalmente porque a posta en escena volve a ser, como no caso de The Falcon and The Winter Soldier, do máis xenérica e eslamiada posible. Apenas hai inspiración nas súas imaxes, nin sequera nas consabidas escenas de acción, cousa que da certa rabia, tendo en conta os fortes piares -os tebeos de Matt Fraction e David Aja- nos que se sustenta.

E en segundo lugar, a un nivel máis profundo, fai patente o que xa era latente desde fai bastante tempo: á fase 4 do UCM estalle resultando moi difícil sobrevivir por si mesma, sen as constantes chiscadelas ao pasado ou as preguiceiras promesas dun futuro mellor. A serie carece de razón de ser sen ambas cousas. Mais este universo, que xa demostrou que a innovación é factible coas xeniais Wandavision e Loki, segue aferrándose a ese pasado recoñecible.

Polo camiño quedan algunhas obras a medio carburar, entre a nostalxia e o futuro, que poden cumprir, como é o caso, pero que deixan claro o difícil que é poñer a maquinaria de novo a funcionar. Problema, por certo, que tamén ten No Way Home, aínda que nese caso poidamos perdoalo. Trascender esa gloria devandita, desprenderse do pasado, é difícil. Como dicíamos, todo comezou con Endgame.

Con todo, Ollo de Falcón polo menos é moi entretida. Que xa é suficiente, supoño. Se hai que escoller entre algunhas das decepcións de este ano antes mencionadas e aventuras lixeiras e sen pretensións como esta serie, eu teño clara a miña elección. Só queda confiar, e esperar que despois deste exercicio de transición, como fan sempre, os Vingadores volvan máis fortes que nunca.

Dirección: Jonathan Igla, Bert & Bertie, Rhys Thomas
Guión: Jonathan Igla
Fotografía: Eric Steelberg, Jim Whitaker
Música: Christophe Beck
Ano: 2021
País: Estados Unidos
2.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.