‘Os derradeiros días do crime’, un reflexo deste lamentable 2020

Esta estrea de Netflix é unha película fallida que se sofre co seu visionado

Este 2020 está a ser un ano estraño e non especialmente bo. Por mor da pandemia global moitísimos empregos no eido cultural están en perigo. En concreto no audiovisual, unha morea de proxectos retrasáronse, outros están a medias e outros cantos están intentando sobrevivir precariamente. Os que lograron estrearse ademais, polo xeral, non cumpriron a expectativa de calidade.

Os derradeiros días do crime é un orixinal de Netflix que confirma a tendencia deste ano: Ser totalmente esquecible. Iso si, propón unha premisa interesante: a criminalidade subiu tanto en Estados Unidos que un autoritario goberno vese na “obriga” de aprobar unha sinal electromagnética que impedirá á poboación cometer delitos lavándolles o cerebro.

Esta distopía é o marco no que acontece o filme. A nivel político é iso, un simple contexto que non profunda en ningures e que pode lerse como unha crítica tibia ao presidente Donald Trump, mais nunca meténdose máis do debido. Este filme vacila entre o filme de acción e o de gansgteres sen facer nada adecuado con ningún e non intenta nada que non se vira.

PROBLEMAS POR TODOS LADOS

En primeiro lugar, o maior problema que ten é a súa duración e estrutura. Esta historia podería contarse nunha hora menos do que esta, pero estira a goma de mascar ata o intolerable. Especialmente negativa pode considerarse a primeira hora de película, que ten un claro problema de ritmo e de secuencias totalmente prescindibles.

Os diálogos están mal escritos e na dirección son rodados do mesmo xeito plano. Os personaxes son clichés con patas e a meirande parte das súas interpretacións están sobreactuadas. A conclusión é que ao espectador non lle importa ningún dos que saen en pantalla e nin moito menos ponse no seu lugar nin é partícipe nas súas pretensións.

As secuencias de acción, que supostamente son o forte do filme, teñen unha apariencia directamente cutre. A meirande parte delas están mal realizadas. Especialmente, unha secuencia de persecución en coche que semella montada por un afeccionado e certo momento onde se pon un filtro vermello para subliñar a ira do protagonista.

ERROS SORPRENDENTES

Se ben é verdade que nun filme destas características poden concederse certas licenzas en materia de guión, Os derradeiros días do crime traspasa todas as liñas posibles. Ademais, hai erros no raccord inconcibibles, chegando a estar un personaxe gravemente ferido de bala na seguinte secuencia estar coma se fora unha pequena mancadela.

Outro lastre é a fotografía, especialmente en materia de iluminación. Ademais de non ter continuidade, é simplemente ineficaz. Busca emular filmes de ciencia ficción co fin de subliñar que é unha distopía para quedarse á metade. Finalmente, hai dúas secuencias en especial que é incomprensible que saíran no corte final.

Os derradeiros días do crime é unha das peores películas do ano, mais non a peor, o que di moi pouco deste 2020 tan triste. Tamén en materia audiovisual. Iso si, é unha película que en circunstancias de estreas normais quedaría no completo esquecemento porque é un absoluto desastre. Un suplicio demasiado longo complexo incluso de terminar.

Dirección: Olivier Megaton
Guión: Karl Gajduse
Música:The Limiñanas, David Menke
Fotografía:Daniel Aranyo
Ano: 2020
País: Estados Unidos
1