‘Paquita Salas’, parodia na cultura do cameo

Os Javis son unhas das figuras máis divisivas do panorama cultural estatal, xurdindo coma iconas pop fai uns anos e, da mesma maneira que foron gañando fama, as polémicas arredor do seu traballo, da súa labor e das súas opinións non fixeron máis que poñelos no candeleiro cada certo tempo. Pero ben, que cousas fixeron dentro da súa labor de direción para acadar esta posición? Comezaron o seu dúo creativo con a obra de teatro A Chamada, feita en 2013, e que acadou un status de éxito continuo tras a estrea da súa versión cinematográfica no ano 2017, sendo nomeados ao Goya á mellor dirección novel. Máis aló da súa polémica labor coma mestres en Operación Triunfo, que por suposto os publicitou aínda máis, o produto do que imos falar hoxe é Paquita Salas.

Esta serie de formato curto, rodada coma se fose un falso documental comezou en Flooxer en 2016, foi adquirida en 2017 por Netflix e a súa xa terceira temporada estreouse a primeiros de mes. Paquita Salas recolle o que poden chegar a ser os Javis no audiovisual, un estilo certamente propio, que reúne historias e reflexións arredor do mundo do fama e do artisteo en xeral, normalmente nun ton cómico, procurando sempre que as tramas sexan o máis tolas posibles, ao mesmo tempo que van profundizando nos personaxes e, sobre todo, na representante de actrices sobre a que recae o título da serie.

Brays Efe trasvístese para encarnar maxistralmente a Paquita Salas, sobre a que recaen os tópicos e estereotipos máis castizos sobre o que sería unha “señora de pueblo vida a máis” no mundillo famoso español, unha especie de colaboradora cutre de Sálvame (uníndome ao estereotipo para que poidades facervos unha imaxe mental) que representa(ba) a actrices, pero que non se da adaptado ao mundo actual, onde mandan as redes sociais e Internet. Por suposto, está rodeada dunha serie de secundarios que intentan ser o máis extremos posibles, destacando sobre todo Belén Cuesta como Magüi, a secretaria inocente, patosa e bondadosa que sirve de contrapunto a Paquita.

Parte da clave do éxito reside no ben que están os actores e atrices da serie, dentro dunha direción moi laxa, onde as escenas semellan case improvisadas, o reparto lúcese para facer rir aos espectadores ao mesmo tempo que transparentan o ben que o están a pasar na propia rodaxe. Sobre todo falando da primeira tempada, xa que co paso do tempo, o nivel de produción e profesionalización aumentou, pechando cada vez máis as tramas, os personaxes e tendo cameos cada vez máis potentes.

Os cameos son unha parte importantísima da serie, xa que define esa mistura continua entre realidade e ficción na que se moven continuamente. Sacan moito partido dos que xa forman parte dun “Universo Javis” (Brays Efe, Belén Cuesta, Macarena García ou Anna Castillo), pero o tema dos cameos autorreferenciais é moi extremo. Podemos pasar de ver nun episodio a Terelu Campos a que apareza Josh Hutcherson no seguinte, e con toda a naturalidade do mundo. Moreas de personaxes famosos pasan diante dos nosos ollos, facendo de si mesmos, nun estilo autoparódico moi marcado (a propia Macarena García, aludindo incluso a súa relación fallida con Leiva; Belinda Washington, Lidia San José…)

Porque sobre todo nesta última tempada, Paquita Salas madurou. Xa non ten a frescura e sorpresa do inicio, a a comedia absurda e paródica deixa paso cada vez máis á emoción e a narrativas de carácter motivacional. Porque Paquita fálanos de persoas que están fodidas, enlamadas nun mundo sórdido como é o da fama, desde unha perspectiva quizais algo hipócrita, se temos en conta quen está detrás da serie, pero que nos deixa momentos tan potentes como [coidado co spoiler, que é xigantesco] a Anna Allen, aquela actriz a que lle pillaran unha vida en Hollywood falsa, facendo na serie de actriz protagonista nunha película sobre unha rapaza ex-representada por Paquita que parodia o que lle pasara na realidade a Allen. Complexo, non? Capas e capas de interrelación entre realidade e ficción.

Paquita Salas gaña nestes momentos, canto máis sabes da retahíla de famosos que saen na pantalla, máis crece, a realidade ancora á ficción, que máis aló dos momentos entre as protagonistas non ten unha estabilidade narrativa e creativa, senón que sufre altibaixos continuos, con momentos de xenialidade e outros cutres e casposos ata a saciedade. Pero, de certa maneira, a carreira de moitos actores e actrices é así, non?

Paquita Salas
Creadores: Os Javis
Guión: Os Javis, Brays Efe
Tempada: 3
Fotografía: David Echevarría Muñoz, Fran Ríos
Música: Manu Guix
Ano: 2019
País: España
3
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.