Para salvar á democracia é necesario unha ‘Asemblea’

Unha comedia orixinal e frenética que constitúe un bo debut para Alex Montoya

Se hai algo no que parece que todo o mundo está de acordo é que a vida posterior á corentena vai ser moi diferente á que vivimos antes dela. Nestas semanas pódense ler por todas as esquinas das redes sociais son unha cazola de teorías, algunhas con máis fundamentos que outras, claro está. E o futuro do audiovisual está por enriba da mesa, por suposto.

Estreas planeadas para abril retrasadas incluso un ano, rodaxes parados e os exhibidores sen saber se vai ser rendible abrir aínda que remate a corentena polas probables limitacións de aforo. Entre esta incerteza, parece que existe algo de luz para algúns proxectos como Asemblea, o primeiro longametraxe do catalán Alex Montoya que viu a través de Filmin a oportunidade de ser histórico: A primeira película do Estado español que cancela a súa estrea en salas para facelo directamente nunha plataforma dixital. E pode que non sexa a derradeira.

COMEDIA CRÍTICA

A premisa de Asemblea é sinxela pero non por iso menos orixinal: Preséntasenos a un grupo de persoas nunha asemblea dunha delegación dunha agrupación política en principio progresista (aínda que nunca se nos desvela cal é o seu obxectivo, pódese intuír). Esta xuntanza en principio é un trámite, mais vaise poñendo trabas entre personaxes as ata o punto de que se discute ata polo máis mínimo detalle facendo imposible tomar decisións.

A película mostra dun xeito directo o difícil que é pactar ata cando é imperativo facelo. E faino cun código de comedia moi ameno que se sinte moi fresco. Dende un punto de vista abstracto, o filme trata a dificultade de entenderse aínda que se teña o mesmo fin. Porén, no concreto desvélase como unha crítica ao burocratismo e á falta de debate dentro dalgunhas organizacións políticas, caendo constantemente en significantes baleiros e onde as bases pouco teñen que facer salvo secundar os designios dos organismos superiores.

Esta sorte de Fronte Popular de Xudea é un proxecto sen contido político onde os seus integrantes pouco teñen que ver entre si. Están unidos unicamente por loitar contra un inimigo sen nome que os supera. A súa reunión está repleta de situacións xenuinamente graciosas que a calquera farán rir construídas a través de diálogos moi destacables, un ritmo embaladísimo e unhas interpretacións polo xeral a un moi bo nivel.

ADAPTACIÓN TEATRAL

É unha adaptación dunha obra de teatro e nótase. O filme desenvólvese practicamente  nunha única localización, onde se usa o fora de foco como alivio e a posta de escena podería ser a dunha obra en directo. Isto non é negativo, mais bótase en falta un pouco de ambición a nivel formal a pesar do bo uso da pantalla dividida nun momento concreto. Un exemplo dun mellor aproveitamento deste aspecto pódese ver na galega Eroski Paraíso, que sen renunciar ás súas raíces é capaz de facer un exercicio profundamente cinematográfico.

Asamblea é un debut na longametraxe que demostra que Álex Montoya terá moito que dicir os próximos anos. Demostra tamén que cun baixo orzamento poden facerse obras salientables e frescas. Non se sabe que fai falta para salvar a democracia, se os cinemas pecharán (aínda que agardemos que non), se a nosa vida despois do coronavirus será moi diferente á que coñeciamos antes ou se todo seguirá como sempre pero un pouco máis pobres. O que é seguro é que mañá as asembleas seguirán facéndose por Skype e que esta película estará en Internet.

Director: Álex Montoya
Guión: Jaume Pérez
Fotografía:Guillem Oliver
Ano: 2018
País: España
Reader Rating2 Votes
3
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.