‘Parking’: Amor de verdade dende a verdade

A sensibilidade de Tudor Giurgiu pode verse en cada minuto da metraxe

Parking é unha sorprendente coprodución hispano-romanesa dirixida por Tudor Giurgiu. Nela cóntase como un inmigrante recentemente chegado ao Estado español vive nunha caravana nun descampado que é á par concesionario e lugar de negocios turbios. A súa labor é vixialo polas noites por 300 euros ao mes, o soldo que lle paga o seu xefe, unha desas persoas con bo fondo pero que nunca fai as cousas ben, tanto por malas decisións como por egoísmo.

Este argumento podería supoñer unha longametraxe máis dos moitos que se teñen feito sobre o drama da emigración. Se ben ese subtexto existe e reloce con forza en certos momentos do filme, Parking xoga a outra cousa. O filme é moito máis introspectivo do que podería semellar e unha cámara intimista acompañará ao protagonista, magnificamente interpretado por Mihai Smarandache, nunha viaxe pola súa significación do mundo. Ademais, a banda sonora de Julio de la Rosa, aínda que convencional, subliña sen ser invasiva os sentimentos dos personaxes.

HONESTIDADE

A película destila verdade en cada secuencia, cuns movementos de cámara que parecen respirar xunto aos personaxes á vez que os planos mostran como o que parece unha saída nunca o é para os que naceron perdedores. Isto está sostido por outras grandes actuacións como a de Belén Cuesta, unha guitarrista que o deixa todo por estar co romanés amparándose nun idealismo fútil.

Se hai algunha referencia que se ven a cabeza nesta primeira parte do filme é Jonás Trueba. Ao contrario que a meirande parte dos seus imitadores, este filme non cae nin en pomposidade nin en aburridas e hipsters narracións da normalidade na súa vertente máis vacua. Neste caso, Giurgiu colle o elemento que fai a Trueba relevante: A absoluta verdade coa que trata aos seus personaxes, e este amor máis inviable que imposible respira dun xeito semellante á Reconquista.

O director crea atmosferas o suficientemente verosímiles para entrar no xogo dos seus personaxes aínda que a situación do público sexa ben diferente. O motor deste filme é o amor. Ese inmigrante aspirante a novelista que escribe sobre o suicidio e quere ler a Bolaño en orixinal ten unhas condicións materiais moi malas, pero sofre polas mesmas razóns que a meirande parte dos humanos. Outro do valor da obra é ese: humanizar a un colectivo que parece que o seu único valor no mundo é cambiar de país.

UN FINAL MELLORABLE

Na súa parte final, o filme deixa máis que desexar coa construción dun thriller ás presas e que, se ben non deixa de ser unha consecuencia que ten todo o sentido do mundo, non está ao nivel do resto do resto da longametraxe. Non remata de ser unha película tan redonda como sería o desexable e é unha mágoa.

Parking é desas obras que a primeira vista nótase que están feitas cun cariño tremendo. Desas que queren contar unha historia propia máis aló do que se agarda delas. É un exercicio valente e sensible que vale a pena pararse a observar. Unha desas obras que se te mira aos ollos, non te solta.

Director: Tudor Giurgiu
Guión: Tudor Giurgiu, Marin Malaicu Hondrari
Fotografía: Marius Panduru
Música: Julio de la Rosa
Ano: 2019
País: Romanía
Reader Rating0 Votes
5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.