‘Pullman’: Conversacións íntimas con ‘The Florida Project’

A pesar da gran influencia das referencias, o filme logra artellar un discurso propio

Hai ocasións nos que o cinema nos axuda a ver mellor. Porque máis aló das propias categorías, é verdade que o contexto dos filmes ás veces son máis relevantes que as historias que contan. Máis alá das diferencias entre a ficción e non ficción ou entre o cinema documental e o etnográfica, hai obras que son máis que a suma das súas partes. Dende o meu punto de vista unha delas foi The Florida Project.

Na longametraxe de Sean Baker do 2017 móstrase como uns nenos viven dun xeito moi complicado. Nun grupo de apartamentos habitan unhas familias cunhas condicións económicas terribles. Os  personaxes do filme compórtanse dun xeito cuestionable por mor das súas condicións materiais, pero en ningún momento son malvados. Todo isto é visto a través do punto de vista dos nenos. Cos ollos da inocencia, de quen comprende o que está a vivir pero o convirte nun xogo para facelo máis sinxelo.

UN DISCURSO PROPIO ENTRE A REFERENCIA

E aquí entra Pullman. Nela móstrase outros apartamentos onde viven persoas de baixo nivel económico. Esta vez estamos en Mallorca, unha cidade pensada para o turismo de borracheira e que en moitas ocasións esquece ás persoas máis vulnerables. O primeiro longametraxe de Toni Bestard conversa con The Florida Project cara a cara e en algunha ocasión abusa da referencialidade, mais é quen de construír un discurso propio.

Unha das grandes diferencias que se poden ver entre as dúas obras é na estética. Se no filme de Baker as cores vivas tiñan un grande protagonismo, a posta en escena de Pullman é austera e acércase máis a non ficción que a calquera outra cousa. A pesar de que o que quere dicir é semellante o ton é algo diferente, menos fantasioso. As personaxes son máis grises. Aínda que se xoga co fin da infancia e hai momentos moi bonitos que saen deste punto, nótase dende o primeiro momento que o amargor é maior.

PRODUTO OU MENSAXE?

Ademais, dáselle unha importancia enorme á cidade. Á Mallorca máis aló dos hoteis e as revistas que os nenos visitan. Se ben a viaxe dos protagonistas en certos casos se sinte forzada xa que soamente se atopan con elementos negativos nos que se acentúa a súa mirada infantil, é un bo resumo dunha realidade existente. Aquí é onde conversa a historia ficcionada coa mensaxe que se quere transmitir. E se ben o produto pode verse afectado, o seu valor é innegable.

En Pullman os pallasos non teñen un sorriso, os viaxeiros non son alegres e as praias non son lugares para relaxarse. Un dos grandes personaxes de The Florida Project era o interpretado por Willem Dafoe, un salvavidas, un anxo da garda terreal. Neste caso esa figura non existe como tal, os nenos soamente se teñen a eles mesmos e a unha unidade familiar que non os trata mal, pero é tan feble como un taboleiro de madeira. A pesar disto, a mensaxe do filme -aínda que amargo- é positivo e esperanzador. Aínda que todo o mundo se esqueza das persoas máis vulnerables, se se axudan entre si poden chegar sen problemas de volta a casa.

Director: Toni Bestard
Guión: Toni Bestard, Arturo Ruiz
Fotografía:Edu Biurrun
Música:Tolo Prats
Ano: 2019
País: España
3
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.