Puñais pola espalda: Unha partida de Cluedo nos Estados Unidos de 2019

Rian Johnson non era un director moi coñecido cando foi contratado por Disney para escribir e dirixir o Episodio VIII de Star Wars. O realizador norteamericano firmara un par de películas intersantes como Looper (2012) ou Brick (2005) e fora o responsable de dirixir o famoso capítulo da mosca na serie Breaking Bad, emitido en 2010. A pesares de todo, Rian Johnson seguía a ser un nome relativamente descoñecido para o grande público antes do lanzamento do filme máis divisivo da saga das galaxias.

Na miña opinión Star Wars: Os últimos Jedi é unha película con eivas. Lonxe das críticas pouco fundadas dos fans máis nostálxicos que recriminaban a Johnson non comprender a saga para a que estaba escribindo, o Episodio VIII da Guerra das Galaxias amosaba problemas de coherencia na súa propia narrativa interna, debido en boa medida a un guión que por momentos semellaba ter claro cara onde debía conducir a trama da película.

Por esta razón tiña bastante curiosidade por ver Puñais pola espalda, o novo filme de Rian Johnson, que desta vez tamén se encargou de escribir a película. E debo de recoñecer que este novo traballo do director estadounidense resultoume moito máis satisfactorio. Puñais pola espalda triunfa especialmente pola coidada construcción da súa historia, que parte de referentes moi claros ao mesmo tempo que sabe distanciarse deles en calquera momento, e pola maneira na que se introduce o comentario político na trama.

A premisa da película é moi sinxela, o recoñecido novelista de misterio Harlan Thronbey (Christopher Plummer) aparece morto na súa mansión xusto despois da festa de celebración do seu 85 aniversario, na que estivo presente toda a súa familia, que automáticamente pasan a ser sospeitosos nun caso investigado pola policía e o detective privado Benoit Blanc (Daniel Craig).

Rian Johnson introduce ao espectador nesta especie de Cluedo cinematográfico inspirado polas historias de Agatha Christie a través dunha coidada ambientación que consegue dotar a mansión de Harlan Thronbey, localización na que está filmada a maior parte da película, dun extra de misterio.

A Rian Johnson non lle preocupa ser especialmente obvio ou pouco sutil, o cal nesta película é un acerto. Unha das imaxes máis memorables do filme é esa silla na que se sentan os familiares de Harlan Thronbey mentres Benoit Blanc lles fai preguntas, situada xusto diante dunha especie de escultura conformada por coitelos de todo tipo que semellan apuntar cara o corpo de cada un dos interrogados, como se se tratase dunha versión máis ameazante do trono de ferro de Xogo de Tronos.

Rian Johnson aproveita esta historia de misterio para criticar á nova burguesía e poñer sobre a mesa o tema do racismo nos Estados Unidos. Toda a familia de Harlan Thronbey busca aproveitarse dunha maneira ou doutra da fortuna que xeraron as súas novelas, o director procura amosalos ata certo punto como uns parásitos, a uns dunha maneira máis caricaturesca e a outros de xeito máis realista.

A contraposición chega por parte da enfermeira que coida a Harlan Thronbey, interpretada por Ana de Armas, unha inmigrante latinoamericana que teme que a investigación deste asasinato poña en perigo a situación da súa nai, que se atopa de maneira irregular no país. As interaccións entre o personaxe de Ana de Armas e outros personaxes como o interpretado por Don Johnson aportan esa reflexión sobre os comportamentos racistas máis evidentes e tamén aqueles que pasan máis desapercibidos a día de hoxe.

A conxunción de todos os elementos que conforman Puñais pola espalda resulta satisfactoria dende o comezo ata o final da película, dando como resultado unha obra entretida, que sabe facer rir ao espectador á vez que aborda temáticas serias e que bebe de referentes narrativos moi claros pero non amosa medo de romper coas convencións do xénero.

Dirección: Rian Johnson
Guión: Rian Johnson
Fotografía: Steve Yedlin
Música: Nathan Johnson
Ano: 2019
País: Estados Unidos
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.