‘Que pasaría se…?’: a mesma historia de sempre, en animación

Na fantástica Loki, o deus nórdico das mentiras rememorou un dos memes máis míticos da historia coa súa arroutada multiversal. O que sae desa “mestura” súa é a posibilidade de que exista Que pasaría se…?: a primeira aposta de Marvel Studios, esta vez sen escusas, polas historias de universos paralelos que tanto se estiman na banda deseñada superheroica. E aínda que é unha serie de animación, é tan canon para o UCM como calquera outra obra.

Así, esta tanda de nove episodios individuais e “autoconclusivos” pregúntase que pasaría se algo non saíra como estaba planeado na continuidade do universo Marvel: a orixe dos distintos grupos, as personalidades das personaxes, etc. A serie, porén, que ademais conta coas voces da meirande parte do elenco do Marvel live action, non é que sexa dunha gran calidade. Afeitos como estamos ultimamente a que o UCM nos dea unha de cal e outra de area, as expectativas postas nesta incursión na animación non eran moi altas. E, aínda así, logran decepcionar.

Mesma historia, distintos protagonistas

Un dos maiores problemas de Que pasaría se…? radica na súa incapacidade case absoluta para crear situacións orixinais ou verdadeiramente atractivas. Esquecédevos de high concepts que se plantexen un UCM alternativo: a maioría dos capítulos reproduce ideas parecidas ás xa vistas, da voltas aos lugares xa coñecidos. Os cambios son imperceptibles: que pasaría se esta personaxe fose outra, se esta non tivera existido ou morrera antes, etc. É dicir, que para o interesante que podería ser a premisa, para as ilimitadas posibilidades que ofrece, o certo é que é moi pouco imaxinativa.

O peor é que as ideas iniciais non están mal, e si son interesantes, pero nunca se atreven a levar ata o máximo nivel as consecuencias dos novos cambios e matices, o que finalmente fai que vexamos variacións da mesma historia, pero con diferentes protagonistas. Que morren os Vingadores? Bueno, xa haberá outros distintos. E así con todo.

Isto é grave ata o punto de que a propia serie, que parecía, polas súas características, que non tiña por que conectar con nada, que podía vivir na súa burbulla, termina subxugándose ó contexto da saga principal, traizoando o seu espírito –os capítulos autoconclusivos non o son tanto– e creando, como non, unha trama xeral co seu propio grupo de superheroes. Unha vez máis, a urxencia do UCM por conectar todo e deixar cabos soltos que explotar no futuro arruina o presente dunha obra que, máis aló desa promesa-conexión e do continuo baile de referencias, apenas ofrece nada.

O mellor capítulo supón, tamén, unha despedida póstuma ao tristemente falecido Chadwick Boseman

E é que o outro gran problema da serie, alén do guión, é a animación, que é moi normaliña -por non dicir mala- e apenas destaca en nada. Nin sequera nas escenas de acción. Ninguén pedía que se acercara ao nivel de Pixar ou Sony Pictures Animation -que nos deu unha das mellores películas do que vai de ano-, evidentemente, pero as series de animación de Star Wars, sen ir máis lonxe, están a anos luz -nunca mellor dito- en todo. Mesmo a recente Visions, que se parece en canto á premisa, é mellor.

Quizais isto é debido a que o estilo de animación opta polo hiperrealismo, por facer que os rostros e os deseños se parezan moito aos das películas, cando probablemente sería máis adecuado ou efectivo o contrario: animar sen corsés estilísticos determinados, incluso cambiando de ton e rexistro en cada capítulo. A uniformidade, tamén neste eido, xógalle unha mala pasada á serie, que ben pode ser a peor obra de todo o UCM, aí aí con The Falcon and The Winter Soldier. O multiverso, de momento, é un chasco.

Porén, non todo é tan negativo, e polo menos hai un par de capítulos que merecen algo a pena: concretamente, o 2 e o 4. Se o segundo, cun formato de autoparodia e comedia, ofrécenos unha versión reformada e amigable de Thanos e un Star Lord-Black Panther cheo de virtudes que homenaxea ao falecido Chadwick Boseman, o cuarto, sobre o que insistiu especialmente Kevin Feige, auténtico mago detrás desta franquía, presenta unha versión escura de Dr. Strange que, polo que se comenta, veremos na secuela do feiticeiro en 2022. Con iso, e cunha segunda tempada desta serie confirmada, só podemos esperar que a cousa vaia para arriba. Porque moito máis para abaixo non pode ir.

Dirección: Bryan Andrews
Guión: A. C. Bradley
Fotografía: Animación. Ryan Meinerding (xefe do equipo visual)
Música:Laura Karpman
Ano: 2021
País: Estados Unidos
2
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.