‘Rapeira aos 40’: Radha Blank triunfa na procura da creatividade

Adoito esquecemos que detrás dos produtos audiovisuais existen moitos máis alén dos actores ou o director. Nas series televisivas, esta situación acentúase. Imaxinámonos unha mesa de guionistas que argallan o seguinte episodio mediante unha chuvia de ideas colectiva. E si é certo; o potencial creativo dos libretistas desaparece frecuentemente, ou cando menos se obvia, en medio dun sistema de produción en cadea. Nós, como espectadores, contribuímos ignorando os títulos de crédito mediante o botón “ver seguinte capítulo”.

A experiencia de Rapeira aos 40 sérvenos de toma de conciencia. Antes de que Radha Blank conseguise producir a súa ópera prima, escrita, dirixida e protagonizada por ela mesma, pasou anos rondando por créditos de guión. Agora, aos 44 anos, recibe a atención do Festival de Sundance, onde colleitou o máximo premio á Dirección o pasado febreiro; e tamén de Netflix, quen decidiu mercar os dereitos de distribución dunha película independente entre moitas e levala a todo o mundo.

Rapeira aos 40 apóiase en parte nas experiencias autobiográficas de Blank. Ou máis ben, nas súas frustracións: as dunha muller que, chegada á idade media, non consegue satisfacer as súas pretensións de éxito creativo. Radha Blank interprétase co seu propio nome, mais na ficción, realiza o papel dunha escritora de teatro que fora unha promesa hai un década, limitada agora a profesora de instituto. Rozando a corentena, comeza a procurar a súa propia voz nunha obsesión da adolescencia: o rap.

Entran tamén en xogo cuestións de raza e xénero, pois como artista negra, o seu papel dentro da escena dramática da súa Nova Iorque nativa vese ben acotado polos habituais peixes gordos da industria. Pastores dun público obxectivo que demandan produtos edulcorados con cuestións multirraciais e superficiais, utopicamente unificadores das contradicións causadas pola xentrificación e o neurotismo da vida na metrópole.

Deste xeito, Radha loita por atopar o seu potencial artístico escribindo rap, ao tempo que ve a súa obra de teatro Harlem Ave. convertida nun entretemento barato off-Broadway de sábado noite. O espectáculo dramático tórnase un éxito de público; o rap, un éxito persoal. Mais a reflexión construída en Rapeira aos 40 acerta evitándose levar polos estereotipos argumentais de Hollywood: a película non remata con Radha sendo a nova Lauryn Hill, senón simplemente sentíndose realizada e decidida a continuar un camiño modesto.

O título do filme supón unha chiscadela á ópera prima con tintes autobiográficos doutro autor de comedia: Virxe aos 40, de Judd Appatow. Desta tamén herda unha duración da metraxe que se pode considerar excesiva para o que pretende contar. Mais aínda que en Rapeira aos 40 atopamos moitas secuencias innecesarias para a progresión do guión, a brillantez humorística de Blank consegue encher cada unha delas.

Tamén poderiamos cuestionar a solidez dramática das dúas personaxes secundarias: o seu mellor amigo Archie (Peter Y. Kim) como arquetipo de axente homosexual e racializado, e o seu produtor musical D. (Oswin Benjamin), cuxa actitude enigmática e superficial serve unicamente para dar pé a unha constante tensión sexual. Pero, en última instancia, Rapeira aos 40 é un one-woman-show, e a figuración duns apoios tan triviais funciona como ferramenta para enfatizar o poder narrativo e expresivo da súa protagonista. Blank non perde o tempo en construír arcos profundos dos que a rodean, pois o propósito é outro.

En Rapeira aos 40, Radha Blank constrúe a súa mensaxe cunha liviandade formal extremadamente efectiva, chea de fugas humorísticas que escorrentan o risco de caer na pretenciosidade ou na autoflaxelación. Tamén supón un pracer estético, filmada nun modesto branco e negro de 35mm claramente influenciado por, unha vez máis, outra ópera prima: Nola Darling de Spike Lee -cuxa adaptación televisiva para Netflix, curiosamente, foi guionizada por Blank-. Todo empaquetado nunha preciosa ofrenda á música negra, adornada cunha banda sonora de luxo que conta con temas de A Tribe Called Quest, Queen Latifah, Quincy Jones e incluso RuPaul.

Director: Radha Blank
Guión: Radha Blank
Fotografía: Eric Branco
Ano: 2020
País: Estados Unidos
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.