‘Ratched’: A nova entrega non autorizada de American Horror Story

Atopámonos nun punto da historia da ficción televisiva no que acudir relixiosamente a ver o novo de Ryan Murphy é xa case un acto litúrxico. Polo menos dúas veces ao ano, chega algo novo do creador de ouro da televisión. E a galiña, desta vez, está sendo ben rendibilizada por Netflix. Se contamos desde maio, cando estabamos comezando a desconfinarnos, ata o día de hoxe, o xigante do streaming estreou tres produtos de Murphy: a -catastrófica- Hollywood, a -irregular- segunda tempada de The Politician e, agora, a gran esperada Ratched.

A produtividade de Murphy é tal que a lóxica chama a poñer en dúbida a súa involucración nos proxectos que levan o seu nome. Mais Ratched non dá lugar a incertezas: a marca do mega-produtor atópase a plena vista por todos lados. Desde a elección dun selecto reparto pragado dos seus rostros fetiche e encabezado pola súa favoritísima Sarah Paulson, ata a elegantísima estética que abrangue fotografía, música, vestiario e maquillaxe.

E como non, realizando un impactante contraste colocando as situacións máis grotescas e sanguentas nos escenarios máis glamorosos que caben no marco. Porque intentaron vendernos Ratched como unha precuela da novela de Ken Kesey -e posterior adaptación cinematográfica de Milos Forman- Alguén voou sobre o niño do cuco. Pero a todas luces é, intencionada ou accidentalmente, a substituta ideal para a décima tempada de American Horror Story que non puido chegar a FX este ano.

RECABANDO NAS RAÍCES DUNHA PERSONAXE INESQUECIBLE

A serie sitúanos en 1947, quince anos antes dos eventos acontecidos na historia orixinal. A premisa semella un intento de explicar a crueldade templaria, case inhumana, da enfermeira Mildred Ratched, capturada para sempre na memoria popular grazas á inquebrantablemente sólida e oscarizada interpretación de Louise Fletcher. Sarah Paulson toma o rol protagónico con forza, materializando unha personaxe manipuladora que non ten reparos en facer calquera cousa con tal de conseguir os seus obxectivos, mais que a ratos tamén se amosa como un anxo da misericordia.

Ratched ten todo baixo control, e triunfa rapidamente no seu desexo de traballar no hospital psiquiátrico de Lucia. Cedo descubriremos que a súa tesón por conseguir o posto ten coma fin salvar ao seu irmán adoptivo Edmund (Finn Wittrock) da pena de morte. Este atópase illado na bodega do centro -intencionadamente acondicionada ao máis puro estilo d’O silencio dos cordeiros-, á espera de que o declaren apto ou non para ir a xuízo por ter masacrado a tres curas.

Con este arco argumental serviríanos para poder comezar a explicar as razóns polas que Mildred Ratched se acabaría convertendo nun monstro: unha infancia atormentada vagando entre casas de acollida, repleta de agresións físicas e abusos sexuais. Mais a serie opta por introducir un bo pulso de tramas e sub-tramas que van turnándose a importancia ao longo desta primeira tempada.

LIANDO A MADEIXA

Temos ao dirixente do hospital, o doutor Hanover (Jon Jon Briones), fuxindo dun turbio pasado que lle podería custar a vida -cunha espléndida Sharon Stone polo medio-. Unha historia de amor entre Edmund e a enfermeira Dolly (Alice Englert), ferramenta para facer avanzar a serie de xeito máis postizo que natural. O tema LGBT recorrente nos traballos de Murphy, personalizado nunha relación amorosa entre Ratched e Gwendolyn Briggs (Cynthia Nixon), contrastando coa patoloxización da homosexualidade entre os muros do psiquiátrico.

O barullo argumental é redundante, e non permite dar descanso ao espectador, que se atopará observando punto de xiro tras punto de xiro. As tramas mestúranse e solápanse, case nunha loita por ver cal será a máis efectiva para reter o interese da audiencia. Coma se os guionistas tivesen comezado o proceso creativo cunha chuvia de ideas e decidisen condensar todas en tan só oito capítulos.

De todas, a que mellor se salva é o conflito antagónico entre Ratched e a enfermeira Betsy Bucket, interpretada solidamente por Judy Davis, a única capaz de roubarlle a pantalla a Sarah Paulson. Unha das maiores capacidades de Ryan Murphy é a de crear rivalidades extremadamente efectivas entre mulleres de armas tomar, e a contenda Paulson vs. Davis é quen de facerlle competencia á Jessica Lange vs. Susan Sarandon de Feud ou á MJ Rodriguez vs. Dominique Jackson de Pose.

Ratched formula diversas cuestións fundamentais, pero remata por contrariarse á hora de respondelas. A premisa nace dunha fundamental: os monstros nacen sendo monstros ou transfórmase no tempo? Mais a medida que avanzan os capítulos, deixa de practicarse a maiéutica, e os trastornos mentais xa non son obxecto de estudo e comprensión, senón unha ferramenta para provocar as situacións máis psicopáticas e sanguinolentas. O mellor exemplo, un trastorno da personalidade múltiple, materializado mediante a paciente Charlotte Wells (Sophie Okonedo), que comeza coma un exercicio de compaixón e remata demonizándose ata converterse no detonante máis sórdido.

Máis alá do meticulosamente argallado contraste entre elegancia e horror, Ratched crea outro accidentalmente. Unha estética -que abrangue fotografía, vestiario, arte e iluminación- tan satisfactoria de observar que choca de fronte cun constante enturbamento da nosa atención, do que é culpable un guión que se desparrama por todas partes e remata salpicándonos na cara. Tampouco axuda unha banda sonora que, constituíndo unha boa plasmación orquestral das emocións que acontecen en pantalla, semella non cesar nunca e a un volume ampliado en exceso.

Ratched ten os seus momentos, pero remata funcionando máis como unha arma aturdidora que unha analxésica. Terminantemente, supón outra obra macabra de Ryan Murphy que emprega as mesmas fórmulas retorcidas que American Horror Story; se cadra, as das mellores tempadas da serie antolóxica. Non existe mellor termo para describila que “opulencia”, sen miramentos nin restricións. O que non se pode negar é que é un bo entretemento.

Creadores: Ryan Murphy, Evan Romansky
Guión: Ryan Murphy, Evan Romansky
Fotografía: Simon Dennis
Música: Mac Quayle
Ano: 2020
País: Estados Unidos
2.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.