‘Reboiras. Acción e corazón’, unha oportunidade perdida

Non hai dúbida de que Reboiras. Acción e corazón é un proxecto dos que provocan cóxegas no bandullo. Un documental sobre un dos nomes máis importantes do marxismo galego do século vinte é algo interesante á par que necesario. Tanto por un exercicio de memoria histórica como a nivel reivindicativo. É unha desas obras que deben existir no heteroxéneo contexto do cinema galego.

Ademais, non cabe dúbida de que é unha oportunidade. Unha oportunidade de, en primeiro lugar, reivindicar unha figura importante, coñecer novos datos sobre a súa persoa e analizar o seu legado. Como todas as figuras pasadas, o nome de Moncho Reboiras remata por converterse en totalizador e é moi sinxelo caer na liturxia á hora de reivindicalo. Entre outras cousas, porque non son tan comúns os documentos para o grande público sobre a súa figura. Polo menos ata a publicación deste filme.

Esta obra tamén é unha oportunidade de expandir a figura de Moncho Reboiras, polo que se pode entender, unha das máximas preocupacións dos autores do filme. Un documental sobre Reboiras de calidade sería perfecto para expandir a mensaxe. Máis aínda se tivera un percorrido polo circuíto de festivais. Así a obra chegaría a un público fóra do limitado público interno que adoita consumir esta clase de filmes sen ter que investir nun plan de distribución enorme.

DECEPCIÓN

Mais Reboiras. Acción e corazón ten un resultado canto menos negativo. En primeiro lugar, porque carece dunha proposta ambiciosa. Con isto non falo a nivel de orzamentario, senón dunha aposta a nivel formal. Óptase por unha clásica fórmula talking head mesturada con unhas secuencias de ficción que recrean os últimos momentos da vida de Moncho Reboiras. Neste senso lembra a Vigo 1972, o filme de Roi Cagiao aínda que neste caso arriscábase máis a nivel estilístico

E que no cine galego temos unha grande escolma de documentais. Por suposto uns máis experimentais que outros. Por outra banda, a figura de Moncho Reboiras da para moito, pero se se decide facer algo clásico, ten que facerse ben. Neste sentido, un grande exemplo dos últimos anos podería ser A batalla descoñecida, o documental de Paula Cons sobre as minas de volframio galegas.

O NIVEL AUDIOVISUAL

Este filme non supera o mínimo esixible a nivel audiovisual. Hai entrevistas gravadas ben, mentres que hai outras que non o están. Hai erros tan diversos como erros eventuais de iluminación, diferencias tanxibles na mestura do son, unha montaxe moi mellorable ou unha deficitaria composición dalgúns dos planos.

Resulta realmente incomprensible como no resultado final da obra haxa este tipo de grallas. Non chega a niveis técnicos tan paupérrimos como Os mundos de Xosé Luís Méndez Ferrín, (outra grande oportunidade perdida), mais cómpre esixir unha maior calidade no audiovisual. Os filmes que lembran a xente importante para Galicia deben ser igual de importantes. Ou cando menos, deben carecer de erros flagrantes,

ESTRUTURA

A nivel estrutural, o documental narra a vida de Reboiras amparándose en testemuñas de familia e compañeiros de loita. Recóllese dende o seu nacemento ata o seu finamento en Ferrol en 1975. Pola contra, bótase de menos un pouco máis de análise sobre o que sucedeu tras a morte do protagonista do documental e os motivos para reivindicalo hoxe máis aló dunha importancia histórica.

En definitiva, o resultado de Reboiras. Acción e corazón é unha mágoa. Unha grande parte da potencialidade que posuía o proxecto pérdese polo camiño. Un filme para ver estes días nos que se cumpren 45 anos da morte de Moncho Reboiras (e calquera outro día do ano), pero que soamente visualizarán os xa convencidos.

Reboiras. Acción e corazón
Director: Alberte Mera
Guión: Alberte Mera
Música: Álex Salgueiro, Marcos Paino
Fotografía: José Aragunde
Ano: 2020
País: Galicia
1.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.