‘Run’, un arroz con cousas que provoca indiferencia

Como sería o reencontro de dous mozos da Universidade 17 anos despois? Esta é premisa sobre a que parte Run. Ambos coa súa vida feita e con todas as trazas de que vai saír mal. Esta obra creada e escrita por Vicky Jones é unha das últimas series que se poden ver en HBO. Unha obra de sete episodios de media hora de duración que se fai moi longa.

Durante os últimos anos, a mestura de xéneros no audiovisual é algo que é cada vez máis habitual. Quizais os dous nomes que se veñen á cabeza cando pensa nisto son o koreano Boon Joon-Ho e o británico Martin McDonagh, mais esta serie parece que pouco ou nada se fixa nos grandes referentes, porque a súa mestura de comedia romántica e thriller é tremendamente artificial, irregular e  contraproducente.

Run parece que nunca sabe o que quere contar, non atopa o seu ton en ningún momento. Ás veces quere asemellarse a Fleabag pero lle falta tomar riscos, máis tarde ten secuencias que poderían estar sacadas de 500 días xuntos para rematar nun thriller cunha conclusión totalmente insatisfactoria. En conclusión, é un arroz con cousas con moi pouca elegancia e sensibilidade.

CANDO OS ACTORES NON SON DABONDO

As interpretacións dos protagonistas Merrit Wever e Domhnall Gleeson son máis que aceptables. Durante boa parte da metraxe son eles quen tiran do carro coa súa química en pantalla. O problema é que os seus personaxes caen en lugares comúns dun xeito constante e non se desenvolven practicamente nada, cousa bastante impresionante se temos en conta que o 80% das secuencias son diálogos entre eles.

E este é precisamente outro dos grandes problemas da serie, os diálogos están mal escritos. Non teñen interese nin contan cousas relevantes. De feito, reafírmanse unha e outra vez en temas xa tratados sendo exasperantes e resultando tediosos. Isto é aderezado por unhas secuencias sexuais que pretenden ser transgresoras, pero que cuxo formato chega á televisión unha década tarde. En definitiva, o guión lastra á serie ata o máis fondo.

Run é desas series que mostra tan pouco que é complicado ata falar de ela. Non é que sexa o peor do ano nin moito menos, pero todo o que produce na meirande parte do tempo é rotunda indiferenza. E iso é case peor que causar desagrado. Tiña todo para triunfar e quedará como esa serie da que ninguén se lembre dentro dun mes. Unha das grandes decepcións do ano que se quedará nunha constante fuxida cara adiante.

Creadora: Vicky Jones
Guión: Vicky Jones
Fotografía: Kristin Fieldhouse, Matthew Clark
Música: Dickon Hinchliffe
Ano: 2020
País: Estados Unidos
2
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.