‘Sen tempo para morrer’: James Bond por fin sofre

Co James Bond de de Cary Joji Fukunaga comezou todo. Foi unha das primeiras grandes estreas de cinema adiadas por mor do coronavirus e poder vela significa para moitos o final dun camiño complexo. A volta do espía máis famoso do mundo vén pola porta grande, se algo se pode dicir de Sen tempo para morrer é que busca unha película de Bond grande, transcendente e con ambición. Un soprido de aire fresco á franquía cun grande peso autoral.

Porque esa é a primeira novidade, este Bond deixa atrás unha dirección efectiva pero funcional para entregarse ao estilo do seu director. Se ben se utilizan a meirande parte dos elementos clásicos de Bond, o apartado visual dende logo é único na saga, con planos con composicións moi coidadas e un selo inconfundible do director estadounidense.

Sen tempo para morrer é tamén unha aposta por un James Bond diferente. O peche de Daniel Craig como 007 é unha evolución significativa respecto a calquera momento anterior. Bond segue a ter licencia para matar, pero é consciente da propia morte e da allea. Sinte, ama e sofre e en conxunto o drama e o romanticismo triunfa sobre a trama de espías canónica. E é algo que lle senta moi ben.

Esta humanización de Bond é a súa versión máis complexa e multidimensional e aborda de fronte a contradición entre a personaxe e o mundo actual. Ademais, nesta procura da evolución combina as explosións cunha intención de transcendencia moi interesante, que por momentos pode parecer demasiado atrevida tendo en conta a gran tradición coa que conta a franquía, pero dende logo é valente.

Pero á vez que evoluciona dun xeito rotundo o tratamento das personaxes, Sen tempo para morrer presume en todo momento do imaxinario Bond. Quen dubidaba de se 007 ía estar de volta dignamente, ten dúas tazas. As clásicas persecucións en coches, os gadgets, os monólogos dos viláns… podemos dicir claramente que aquí a xente segue servindo á raíña, que ninguén se preocupe.

Tamén destaca a inclusión de personaxes novos, como o interpretado por Ana de Armas, unha axente novata que utiliza o prexuízo do espectador medio respecto aos personaxes femininos na saga para demostrar que as cousas cambiaron. Unha muller que é tan carismática que pide a berros un spin off propio.

Por suposto, hai elementos negativos. É un filme que bordea as tres horas, e aínda que sexa disfrutable, na súa segunda parte ten unha crise de ritmo bastante destacable. Soluciónase cunha parte final sobresaliente, que permite que o conxunto no resulte demasiado ferido, pero nesta ocasión a duración podería considerarse excesiva, ao igual que na súa predecesora, Spectre.

Por outra banda, hai nada máis e nada menos que dous antagonistas, pero ningún é quen de ser memorable. Sería mellor un máis coidado que dous sen sabor. Neste caso máis grande non foi mellor, e este asunto queda relegado a un segundo plano ante a importancia da carga dramática neste filme.

En todo caso, Sen tempo para morrer está a altura dos grandes títulos recentes do espía máis famoso de todos os tempos, como Casino Royale ou Skyfall e actualiza o personaxe dun xeito agardemos que irrevocable. O Bond de Fukunaga é ante todo humano e demostra que nada pode ser estático neste mundo, nin tan sequera os padriños do cine.

Dirección: Cary Joji Fukunaga
Guión: Neal Purvis, Robert Wade, Cary Joji Fukunaga, Phoebe Waller-Bridge.
Fotografía: Linus Sandgren
Música: Hans Zimmer
Ano: 2021
País: Reino Unido
3.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.