‘Shiva Baby’: Xa ninguén chama por teléfono

Odio as aglomeracións familiares. Ollo, non falo de reunións, senón de aglomeracións. Odio que esa persoa que di ser a túa tía terceira comenta que medraches moito dende que non te ve (efectivamente, era un bebé, menos mal que son máis alto). Odio dar explicacións sobre a miña vida ao que son en realidade descoñecidos. En definitiva, actuar nun contexto supostamente íntimo coma se estivese traballando.

E igual por iso conecto tanto coa protagonista de Shiva Baby. Danielle é unha rapaza que debe ir a un funeral xudeu. Alí atoparase á súa ex que non contaba con ver, a toda unha familia que non lle para de dicir que debe comer máis e a un home que representa o primeiro xiro interesante da historia que non vou desvelar.

Shiva Baby é unha comedia, unha comedia baseada no esperpento e o absurdo, pero dende logo unha comedia con todas as da lei. E non lle importa en ocasións rebozarse na súa condición. Iso si, entra en numerosas ocasións no terreo do humor negro e cunha habilidade respecto a ritmos bastante sorprendentes.

En ocasións, utiliza elementos de terror para narrar a súa historia. Unha composición asfixiante, a cadencia dos planos, a música e incluso o ton. Porque para Danielle esa experiencia é pouco menos que unha experiencia dese tipo. Neste punto entra unha notable dirección de Emma Seligman, un elemento destacable se se ten en conta que é a súa primeira longametraxe

E aquí hai algo que ten bastante mérito. Shiva Baby está baseada na curtametraxe homónima da misma directora. En moitas ocasións, isto de expandir curtas é complicado, sae mal ou simplemente é que non é unha idea adecuada para levala adiante. Neste caso xa non é que non sexa así, é que se demostra unha contención extrema na montaxe contando a súa historia exactamente no tempo preciso. E nun tempo onde as películas tenden a durar moito máis do debido sempre é unha boa nova.

Son consciente tamén de que Shiva Baby ten moito de xeracional. Seguramente aceptarás os actos da protagonista se viviches un contexto o suficientemente semellante como para comprendela. Teño a mesma sensación que cando vin Babyteeth de Shannon Murphy. E isto entronca coa mellor secuencia da película, unha reconciliación amorosa utilizando códigos actuais como poucas vin de momento no cine.

Porque xa ninguén chama por teléfono, nin ninguén contesta ás reaccións das stories de Instagram. E non pasa nada, son códigos que poden causar malentendidos, pero que existen. E que se mostren no cine sen recalcar a existencia das redes sociais coma un mantra é realmente estimulante. Igual de estimulante que Shiva Baby, unha experiencia intensa, por momentos incómoda, pero de infinita satisfacción.

Dirección: Emma Seligman
Guión: Emma Seligman
Fotografía: Maria Rusche
Música: Ariel Marx
Ano: 2020
País: Estados Unidos
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.