‘Soul’: Pixar con edulcorante

Pixar mola, creo que iso é algo indiscutible. Ao igual que tamén mola matar nazis xogando ao Wolfestein, o Podcast Reload de Anait Games ou as películas de Austin Powers (isto último con certa carga de conciencia). Pero Pixar mola está ben visto que mole, polo tanto son deses filmes marabillosos que chegan tanto ao público xeral como á crítica especializada. Porque ao final todos somos humanos, que é ao que apelan todas as súas películas. Menos Carlos Boyero, supoño.

Se hai algo que caracteriza ao estudio é tratar temas complexos sen medo. Sempre, por suposto, cunha imaxinación tremenda e intentando innovar dun xeito ou de outro. É habitual o debate de se Pixar fai películas para nenos ou non -como se a animación se restrinxira a un público infantil- mais o logro comercial de Pixar é o de facer filmes que como pai podes levar ao teu fillo e que disfrute, e ti facelo aínda máis. Porque os nenos non pagan entrada por si mesmos. Ou subscripción. Ou o que sexa.

Soul, o novo filme do estudio, era un gran reto. Tratar a vida e a morte afastados da mitoloxía de Coco e nun universo narrativo semellante ao de Inside Out. Isto último non é casualidade xa que Peter Docter, director de Soul, tamén o é de Inside Out. E é natural que un se queira inspirar nunha das mellores películas do estudio, ata aí todo ben.

E de novo, Docter demostra por que é a máxima cara visible do estudo (escándalos de terceiros aparte). O filme fai un exercicio de imaxinación espectacular respecto ao mundo das almas, como está relacionado con máis alá e na creación nun universo ultrerior, mais apartado de relixión, o cal penso que foi unha decisión sabia tendo en conta o delicado do tema.

Fora do universo fantástico, o que nos conta a película é a historia dun profesor de música con alma de musico de jazz. A historia terrenal, ao contrario que a fantástica, cae en moitos máis tropos. Mais a primeira parte do filme é salientable. Amparado nunha fantástica animación, unha dirección notable e unha banda sonora que aínda que en ningún caso é mala, dada a temática podería estar mellor, non nos imos enganar.

Pero a segunda metade do filme é decepcionante, sobre todo polo guión. A resolución no conflito é precipitado, non se toma o tempo necesario para que o espectador canalice o que está pasando e polo tanto non logra emocionar. Case se pode dicir que Soul carece de alma. E iso é pecado cando nos estamos a referir a Pixar. E fora de Pixar tamén, para que mentir.

Pero dende o meu punto de vista, o seu maior problema é o final. Soul traiciónase a si mesma cun deux ex machina que xa non é que sexa cutre, e que cambia a mensaxe do filme dun xeito brutal. Ao longo de todo o filme estase a normalizar procesos tan complexos como nacer e morrer. Todo é lei de vida. Era moi valioso que un filme accesible a todos os públicos normalizase a morte como algo lóxico e non necesariamente traumático. Pero non, foron covardes. Non quererían causar un problema ético aos pais que pagan as entradas. Ou a subscripción. Ou o que sexa.

Director: Pete Docter, Kemp Powers
Guión: Pete Docter, Mike Jones, Kemp Powers
Fotografía: Animación, Matt Aspbury
Música: Trent Reznor, Atticus Ross, Jonathan Batiste
Ano: 2020
País: Estados Unidos
3
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.