The Sound of Metal

‘Sound of Metal’: A que soa o silencio?

Estás nunha sala escura, rodeado dunha masa de xente que vos aclaman a ti e a túa parella Lou, que está diante cantando ao teu mesmo compás. A adrenalina invade o teu corpo e as pingas de suor saltan, reflexando a luz dos focos, enriba dos pratos cada vez que os tocas. A canción vai in crescendo, o teu corpo está a punto de chegar ao límite e, de repente: silencio. O son da túa batería e o ruído do público son substituídos por ruído branco. Benvidos á historia de Ruben.

Os músicos están afeitos a ser expostos a elevados niveis de decibelios que chegan a ser prexudiciais para a súa saúde. Segundo un estudio realizado polo OPAM (Observatorio de Prevención Auditiva para os Músicos), calcúlase que o 50% dos músicos acaban presentando algún problema auditivo e, dentro dese porcentaxe, un 17% terminan necesitando audiófonos. De feito, é bastante común que terminen desenrolando tinnitus. Esta afección consiste na percepción de ruídos que non existen, senón que son producidos pola mente da propia persoa. Son moitos os exemplos de artistas que sufriron perda de audición: Phil Collins, Sting, Lars Ulrich… e tamén é o caso de Ruben, protagonista de Sound of Metal.

Esta perda de audición cambia por completo a vida de Ruben, que xa non pode tocar a batería e, polo tanto, perde o seu traballo e o seu maior hobby. De súpeto, atópase nun mundo no que non se pode comunicar, así que decide, regañando os dentes, formar parte dunha comunidade de xordos na que perde por completo o contacto co exterior (nin móbil, nin coche nin internet) e Lou vaise, deixándoo so.

A gran baza que xoga Sound of Metal é, precisamente, o son. Consegue ser un filme especialmente inmersivo ao mostrarnos non soamente o que escoita Ruben, que vai dende unha mestura de voces incomprensibles ata o ruído branco, senón tamén o que escoitaría se non tivera problemas de oído. Así, móstranos un punto de vista imposible, unha realidade que os personaxes non perciben e que soamente se pode aportar ao crear a película.

Grazas a esta técnica, compartimos a confusión dunha persoa que deixa de oír os sons que coñece perfectamente e que sinte cando, nada máis chegar á comunidade, non entende nada do que din os seus compañeiros ao non coñecer o linguaxe de signos, que tampouco é subtitulado para o espectador.

Vivimos, xunto a Ruben, a adaptación a un mundo que de súpeto móstrase distinto e adquire outro ritmo. Por unha parte, deixa de oír o son da natureza, as follas movéndose polo vento e o chiar dos paxaros, pero aprende a escoitar doutra forma: unha mesa chea de xente, que a nós móstrasenos coma unha zarangallada de xestos e raídos contra a mesa, en realidade é un conxunto de conversacións que están tendo de maneira simultánea e que non sería posible se se estiveran comunicando coa voz.

Ao final, Ruben aprende a desfrutar do silencio das pequenas cousas ás que antes non prestaba atención. No ir e vir da cidade xa non existe o ruído dos coches, da campá da igrexa nin das discusións axeas, só queda a beleza da arquitectura, a interacción humana e a luz que se cola a través das ramas dunha árbore.  Sound Of Metal pon en valor ao son, o gran esquecido cando falamos da linguaxe cinematográfica, e consegue situarse entre as mellores cintas deste ano 2020.

Director: Darius Marder
Guión: Darius Marder, Abraham Marder
Fotografía: Daniel Bouquet
Música: Nicolas Becker, Abraham Marder
Ano: 2019
País: Estados Unidos
5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.