‘Space Force’: Misión fallida

Antes de profundar en nada, cómpre avisar ao lector de que se chegou a establecer algún interese con Space Force polas persoas a cargo da súa creación e produción, debe intentar deixar de lado todas as súas expectativas. Porque un proxecto coma este podería ter chegado a ser o gran bombazo da comedia televisiva do ano: o retorno do tándem Greg Daniels-Steve Carrell, autores da inesquecible versión estadounidense de The Office -Daniels tamén creou a igualmente brillante Parks and Recreation-. E con semellantes cumios do humor ás súas costas, custa crer que Space Force tivese saído tan mal.

Mentres que The Office e Parks and Recreation eran comedias de oficina, cuxo desenvolvemento non se baseaba na amplitude do argumento, senón na lucidez individual das personaxes e da súa interacción coas demais, Space Force parte dunha premisa argumental moito máis ambiciosa. A serie foi encargada a Daniels e Carrell co fin de retratar a nova excentricidade de Trump: cando a Forza Espacial dos Estados Unidos deixou de ser unha fantasía egocéntrica para converterse no seu novo xoguete de acción real.

Víñaselles enriba entón a tarefa de realizar unha sátira do servizo de operacións especiais estadounidense, precisando conxugar a narración de feitos moito máis intricados -tanto en número, como na relación causa-efecto- coa súa receita persoal de xerar as situacións máis delirantes das premisas máis simples. E o esforzo por conseguilo é moi evidente; ese é o problema.

O xeneral Mark Naid (Steve Carrell) cre ter cumprido o soño da súa vida: chegar a xefe da Forza Aérea. Mais finalmente acaba dirixindo a Forza Espacial, un novo servizo uniformado de pouca utilidade práctica e obxecto de risa do resto de corpos armados. Os episodios céntrase en maior medida na súa relación co científico estrela da rama, o doutor Adrian Mallory (John Malkovich), e sobre como cada misión realizada acaba fracasando, igual que o fai a serie. Menos mal que Malkovich consegue executar brillantemente un papel moi similar ao que semella desenvolver o actor na súa vida cotiá.

Con esta, outras tantas subtramas intentan compactarse con este nunha metraxe limitada de dez capítulos de media hora. A relación de Naid coa súa filla (Diana Silvers) remata por converterse no estereotípico conflito entre o pai traballador e a nena rebelde. Tamén ocupan espazo prioritario na pantalla o seu pai demente (Fred Willard, no seu último e brillante papel), o seu archi-inimigo e xefe da Forza Aérea Kick Grabaston (Noah Emmerich) ou o xefe de comunicación Fuck Tony (Ben Schwartz), entre moitos outros.

Pero sen dúbida un dos aspectos máis sangrantes de Space Force é o doloroso desaproveitamento de Lisa Kudrow no papel de Maggie, a muller de Naid. Ata tal punto que nun salto temporal nos primeiros minutos da serie esta remata en prisión e nin sequera se nos chega a explicar por que. E así transcorre toda a acción: un cúmulo de actores de primeira liña véndose obrigados a facerlle fronte a demasiado arcos argumentais, encamiñándose en demasiadas direccións que finalmente non chegan a ningunha parte.

Porén o excesivo argumento nin sequera é o principal problema de Space Force. É que para ser unha comedia repleta de gags que pretenden facer rir ao espectador, apenas consegue sacar un leve sorriso. As bromas estíranse ata o punto de incomodar, porque a vulgaridade soamente funciona cando o chiste funciona. E mentres que Michael Scott resultaba entrañable sobrepasando todos os límites do politicamente correcto, a súa versión con uniforme militar constrúese pobremente: en que momento un pai de familia extremadamente funcional podería arriscar toda unha misión millonaria para salvarlle a vida a un chimpancé?

O propósito de realizar unha sátira do exército de Estados Unidos disípase entre todo este tira e afrouxa que non chega a aterrar en ningún momento. Os grandes puntos de xiro radican sempre no ataque doutros países -India, China, Rusia- ao pobre e inxenuo Mark Naid, extrapolando todo o contido político a unha vitimización absurda e sen fondo do que sería un potencial proxecto espacial estadounidense.

Semella que, se chega a ver a luz unha segunda tempada, Space Force tomará un camiño máis sólido cara ao desenvolvemento dunha carreira espacial contra China. O cal tería sido a mellor opción argumental desde o principio, mais seguramente as bromas seguirían sen facer gracia. Polo menos Greg Daniels demostrou que a fórmula da comedia de oficina soamente pode funcionar no seu hábitat natural.

Creadores: Steve Carell, Greg Daniels
Guión: Greg Daniels, Steve Carell, Shepard Boucher, Aasia LaShay Bullock, Brent Forrester, Yael Green, Connor Hines, Lauren Houseman, Maxwell Theodore Vivian
Fotografía: Simon Chapman
Música: Carter Burwell
Ano: 2020
País: Estados Unidos
1.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.