‘Spider-Man: No Way Home’: a cinta de Spiderman para gobernalas a todas

É un feito: o multiverso xa está aquí. Despois dunha das campañas publicitarias máis megalómanas da historia, cun tráiler que bateu todos os récords de visitas habidos e por haber e co lanzamento de setecentos trillóns de pósters e imaxes oficiais -a cada cal máis fea que a anterior-, No Way Home, ou Sen Camiño a Casa, esperadísimo punto final da triloxía Watts/Holland, xa está nas salas de cine. E é todo un acontecemento.

Sen incorrer en spoilers e indo ao grao, a cinta da o que promete con creces. De xeito incluso inesperado, de feito, dada a ambición desmedida da proposta. Como están a sinalar outras xornalistas, Sen Camiño a Casa é un Vingadores: Endgame a escala mediana, que non pequena, no que conflúen o pasado, o presente e o futuro dun dos personaxes máis queridos da cultura popular. Nese sentido, é fanservice puro e duro, pero brutal. E a diferenza de moitas das grandes producións superheroicas -ou grandes producións en xeral-, amosa un profundo amor polos seus personaxes e polo material que trata. Grazas, entre moitas outras cousas, ás sentidas interpretacións de todo o reparto, especialmente un Tom Holland que parece ter nacido para ser este superheroe.

Por entendernos: non é unha película-altar -o termo, de Nacho Vigalondo; recolle a mitoloxía das sagas previas para construír unha nova unidade de sentido que, malia ó ousado do intento, funciona. Si é certo que, polo camiño, necesita sacrificar de cando en cando a coherencia, e deixa certas débedas en canto a como a premisa conduce ao clímax. Mais non creo que ninguén buscara iso, nesta obra en particular. As trucaxes do guión para xustificar o inxustificable dannos ben igual porque, a pesar delas, o resto da historia segue sendo colosal.

A madurez chega a todo Spiderman

De feito, parece que os encargados de ambos lados -Sony e Marvel Studios- están fartos das críticas habituais que se lle fan ao UCM e ao seu Spiderman: que se é infantil, que se depende dos demais, xa sabedes. Sen Camiño a Casa articúlase non só como resposta a estes comentarios, senón como unha verdadeira procura da xénese da personaxe, da mítica fundacional que o define, alcanzando unhas cotas tráxicas que poucos esperaban recibir a estas alturas da triloxía. Que esta cinta poida mirar cara a cara, nese eido e noutros moitos, á lendaria Spiderman 2 (2004) de Sam Raimi ou á marabillosa Into the Spider-Verse (2018) xa é un motivo de celebración.

Outro punto no que sobresae é no tocante ó cine coma espectáculo. As súas escenas de acción constitúen, esta vez si, un exercicio trepidante e satisfactorio, arranxando a que era, na miña opinión, a parte máis frouxa das dúas cintas previas, sobre todo en Lonxe de Casa (2019). Tamén a música, a cargo dun máis que correcto Michael Giacchino, é un punto fortísimo da obra, vibrando en resonancia co carácter dramático e grandilocuente da historia.

O negativo: é a segunda ou terceira ocasión na que se gasta unha bala deste calibre. Isto de lanzar películas-evento destinadas a marcar xeracións enteiras como se nada parece unha meta demasiado pretenciosa como para ser sostible de cara ao futuro. E tamén, claro, que xogando nos termos nos que xoga, á mínima que o espectador estea algo posto na actualidade marvelita, ben sabía por onde podían ir os tiros. É previsible, vaia.

Porén, en fin, a miña vea de crítico, se é que existe, esgótase aquí, pois se xa é difícil xulgar algo que che gustou moito -intentar cadrar o círculo-, aínda máis cunha película que, simplemente, non pode analizarse de feito obxectivo nin honesto. Como fan, é un regalo; é unha experiencia épica, abraiante e única. É unha cinta de Spiderman para gobernalas a todas, se me permitides a alusión. É posible que, co tempo, como sucedeu coa mesma Endgame, perda maxia e entidade como película. Non importa: estas cintas non as ves; sucédenche. E só por facernos sentir así de ben polo menos durante uns días xa mereceu a pena. Vaia se a mereceu, amigas.

Dirección: Jon Watts
Guión: Chris McKenna, Erik Sommers
Fotografía: Mauro Fiore
Música: Michael Giacchino
Ano: 2021
País: Estados Unidos
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.