‘Tenet’: Complicando o simple e simplificando o complexo

Cristopher Nolan leva anos sendo un dos directores máis coñecidos do panorama mundial. É un deses escasísimos directores que pode vender unha película ao gran público só co seu nome. Esa pequena marca autoral nun mundo dominado polos remakes, secuelas tardías e demais é de agradecer, pero de onde vén esa fama do director inglés? Se ben todas as súas películas teñen un estilo marcado, con tendencia a realizar películas que dalgún modo aborden e intenten falar dalgún aspecto da psique humana, o fío común e a razón pola que resulta tan atractivo é máis sinxelo.

Trata temas que (a priori) poden parecer complexos, dunha maneira na que (aparentemente) respecta a intelixencia do espectador. Isto xera que o público sinta que está vendo algo elevado e que da que falar; aí están os infinitos debates da mil veces maldita buxaina de Orixe. Pero aínda que pareza superior, o cine de Nolan non é intelixente, só ten unha fachada de tal. E Tenet non é a excepción.

Orixe era unha película de atracos que collía brevemente a temática dos soños para aparentar ser algo máis que Ocean’s 11, e Interstellar falaba máis do amor que de como sería cruzar un buraco negro. Pola súa banda, Tenet oculta, nas súas viaxes temporais e conversacións aparentemente profundas sobre física cuántica, que é pouco máis que calquera cinta recente de 007.

Na primeira metade da película, de feito, nin se intenta introducir moito o que é a súa premisa principal e o que adorna todos os trailers: é unha cinta de espías bastante aburrida, con moito máis diálogos enrevesados adrede que tiros a través do espacio-tempo. Na segunda metade, esquece practicamente todo o que presentou ata o momento e comeza a explicar conceptos novos relacionados cos viaxes temporais; un dos puntos especialmente flacos do director.

Nolan, coma en toda a súa filmografía, non sabe explicar o que está a suceder sen parar completamente a acción para que algunha personaxe se poña a literalmente falar do que está pasando. Ademais, adornado de forma bastante cutre. Unha científica que ten que explicarlle ao protagonista como vai X; un traficante de armas que sabe de paradoxas temporais; un xeneral que, nunha misión na que cada minuto conta, non lle importa parar a narrar que pasou ata agora. É torpe e simboliza que aínda que o espectador saia do cine crendo que acaba de ver cine de alto nivel, Nolan non confía en absoluto en que o que está sentado na butaca entenda o que está pasando sen que lle mostren unha diapositiva de Powerpoint explicándoo punto por punto.

Pero vale, aceptemos que a película é máis simple do que nos queren intentar vender. Que tal funciona narrativamente? Pois peor. Salvo dúas personaxes -un deles o malo, cuxo plan o meten nunha peli Disney dos 90 e parecería ridículo-, ningunha ten motivacións persoais de ningún tipo máis alá de cumplir a misión que aborda toda a película. O protagonista -bastante ben interpretado por John David Washington na medida na que o papel o permite- non ten nin nome.

E non por un aire misterioso como Clint Eastwood na triloxía do dólar, senón porque carece de tal interese coma ser humano, que só serve coma ferramenta para que a trama avance. Poderiamos suprimir ou cambiar ao protagonista por calquera outra personaxe da trama e non pasaría nada. Se así se nos presenta a figura central da trama, o nivel do resto, obviamente, non é mellor. Non hai implicación de ningún tipo máis alá da filigrana pseudo-filosófica coa que nos van (intentar) sorprender na seguinte escena.

Con todo o comentado, Nolan aínda ten a desfachatez de intentar adornar a película dun barniz intelectualoide en momentos moi concretos e sinalados. Sobre todo de cara ao final, empeza a ser tan obvio que xa non é unha molestia máis: é a gota que colma o vaso. En medio dunha das escenas bélicas de magnitude apolíptica -pero rodada de pena e absolutamente caótica-, as personaxes comezan a falar por que si de que é o libre albedrío, de se existe realmente o destino e se viaxando ao pasado influimos nel.

Non son temas presentados en ningún momento antes, pero adórnanse coma se fosen de vital trascendencia para facer crer que a película é “algo máis”. Pero como xa digo, funciona así con todo. Coma se Nolan pensase que porque alguén diga palabras como “entropía” ou fale da paradoxa do avó, o pobre espectador, ignorante de letras sen coñecemento de física, caerá rendido ata semellante dominio do saber humano. Pero non. É o equivalente cinematográfico a repetir “Deus morreu” por ver un vídeo que explica a filosofía de Nietzsche en 5 minutos.

En resumo: Nolan non presenta en Tenet ningún exercicio de madurez tras máis de dúas décadas facendo cine. É a obra que representa a súa quintaesencia: unha película que carece de interés narrativo máis alá dos elementos “estraños” que introduce. Impecable no técnico pero mal dirixida nas escenas un pouco máis esixentes, como poden ser as de acción. E, en xeral, un produto que existe para que a xente fale del e sobrevivir máis que por méritos propios, na confianza de xerar un debate vacío que non fale de nada. A nova de Nolan, vamos.

Director: Christopher Nolan
Guión: Christopher Nolan
Música: Ludwig Göransson
Fotografía: Hoyte van Hoytema
Ano: 2020
País: Reino Unido
1
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.