‘The Batman’: o Cabaleiro Escuro máis crepuscular

En plena febre do cinema de superheroes, e inmersos tamén nunha suposta crise existencial do blockbuster, a cabalo entre a eterna nostalxia e a obrigatoriedade de crear universos interconectados ó estilo Marvel, chega unha nova adaptación de Batman. Logo das exitosas -cada unha no seu estilo- versións de Tim Burton, Christopher Nolan ou Zack Snyder, a promesa de ofrecer unha interpretación diferente do heroe á vez que se expandían dalgún xeito as posibilidades artísticas do xénero parecía, a priori, unha proposta imposible de asumir.

Non obstante, esta dificultade é rebentada desde o comezo coa que é, con diferenza, a versión máis sucia, lóbrega e descarnada tanto do heroe como do seu alter ego, Bruce Wayne, ao que da vida un Robert Pattinson perfectamente axustado ao que lle demandaba o papel. Emo, violento, desquiciado, este novo portador da capa do Cabaleiro Escuro enfróntase tamén á que é a versión máis nihilista e turbia do imaxinario de Gotham, urbe asolagada -literalmente- pola corrupción e a mala praxe política. 

Porén, se ben a cinta de Matt Reeves (Cloverfield, Amencer do Planeta dos Simios) funciona á perfección no referido á acción e á espectacularidade, tamén é certo que contén unha serie de problemas que, por comezar co malo, lastran o resultado final. Pero non adiantemos acontecementos. 

Un thriller espeso e previsible…

Moitas críticas e xornalistas sinalan o moito que bebe a película do cinema de David Fincher -especialmente de Seven e Zodiac-, afastándose así do resto de cintas do xénero. Eu non estou moi de acordo. The Batman funciona como thriller a un nivel plástico-estético, visual, e nada máis, principalmente porque todo o referido aos casos é moi elemental, ata o punto de que nin sequera importan demasiado. Por un lado, resulta refrescante que se explore esa faceta da personaxe por primeira vez en pantalla grande. Polo outro, é decepcionante que a escritura nese aspecto sexa tan mala: os enigmas non teñen enigma ningún, o proceso de investigación hai que collelo polos pelos, e as diferentes decisións que toman as personaxes carecen dun sentido real moitas veces.

O guión, de feito, é o verdadeiro punto negativo da cinta. Máis alá dalgunha que outra incoherencia ou decisión cuestionable, é incapaz de desenvolver a maioría das súas tramas con soltura, dando pé a personaxes secundarias que, malia aos grandes traballos dos seus intérpretes, terminan por ser moi planas. O Pingüín (Colin Farrell), Alfred (Andy Serkis) ou  Falcone (John Turturro) apenas din nada neste filme. Sálvanse algo máis Gordon (Jeffrey Wright) ou Catwoman (Zoë Kravitz), nas súas dinámicas con Batman, e Enigma (Paul Dano) como vilán, emulando, neste caso si, un asasino en serie perturbador. 

O único que suscita un interese forte é o propio Batman, na súa relación tortuosa co seu pasado e a súa cidade. É, de feito, a primeira cinta do morcego cun protagonista abertamente temido e rabioso, e tamén a primeira que prantexa de verdade a súa condición de friki psicópata. As alusións a Watchmen ou a Batman: Ano un están por algo, vaia, e a súa evolución constrúese precisamente en torno a ese cambio: ten que deixar ese camiño de antiheroe escuro para convertirse nun símbolo de esperanza para os habitantes de Gotham. É unha aproximación crepuscular, decadente, á materia superheroica, como en Logan, por exemplo, filme co que ben pode compartir tal etiqueta. 

Do mesmo modo, ten ousadía á hora de intentar trazar un retrato político-social de Gotham e as súas personaxes, pero o resultado final é pobre de máis, desbarrando un pouco en tal propósito. Tamén a duración é un tema a destacar: tres horas de metraxe son moitas. Nunca chega a ser aburrida, porque o pé de Reeves nunca solta o acelerador, pero sinxelamente é demasiado. 

E un blockbuster de época

Entón, se ben é certo que a película non é un bo thriller, na realidade non pasa nada, porque onde si destaca moito é como blockbuster. The Batman obrígache a adoptar unha postura: se de verdade esperas que as súas pretensións temáticas ou os seus comentarios políticos-sociais leven a algún punto, pode defraudar, porque non o fai. Porén, se a valoras como o que é, unha película de acción e, se acaso, un estudo de personaxe, vala desfrutar moitísimo, porque nese eido específico é un golpetazo na mesa absoluto, con secuencias destinadas a marcar o xénero. 

Xa sexa pola súa portentosa dirección, con pelexas ou persecucións abraiantes, ou polo excelente traballo de fotografía, creando unha Gotham retrofuturista e agónica, paréceme moi complicado que non haxa polo menos unha escena que quede nas túas retinas. Todo, desde os decorados das rúas aos traxes ou vehiculos, é xenial. O mesmo sucede coa música: a banda sonora de Michael Giacchino é descomunal. Ten quizais o mellor tema que se fixo nunca para Batman, un feito nada desde desdeñable, tendo en conta os compositores -Danny Elfman, Hans Zimmer, James Newton Howard- que fixeron os anteriores, e o seu uso é brillante ó longo da metraxe. 

Zoë Kravitz interpreta a Catwoman neste novo filme de Batman.

Estes elementos fan que o filme se desfaga do seu legado, que atope un camiño propio, afastado doutras historias superheroicas no tono e tamén na factura xeral -na calidade media dos seus recursos, que rozan o excelso-, pero pouco máis. É máis extrema e diferente incluso que as naturalistas cintas de Nolan, máis vangardista en certo sentido: pero é cinema de acción ao fin e ao cabo. Motivo polo cal, por certo, a min gustoume moito. Abarcar demasiado pode levar a errar demasiado, como sucedeu, pero tamén é loable a valentía por optar por esta senda e percorrela ata o final, sen traizoar o espírito da historia nin facer demasiadas concesións ó fan service

En definitiva, The Batman é unha película moi mellorable, irregular e chea de defectos que, con todo, cumpríu coas desmedidas expectativas que se proxectaron sobre ela. Demostra que o cine de acción, como ocorreu con Dune, poder ser ambicioso e complexo. E pode ter sentado, ademais, as bases para unha triloxía ou franquía -xa hai varios spin-offs anunciados- propia co potencial, perfeccionando certas cousas, de ser a mellor de todas as versións cinematográficas de Batman, coa súa aparición máis crepuscular ata o momento. Que xa é abondo. Hai Battinson para rato. 

Dirección: Matt Reeves
Guión: Matt Reeves, Peter Craig
Fotografía: Greig Fraser
Música: Michael Giacchino
Ano: 2022
País: Estados Unidos
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.