‘The Boys’, a serie de superheroes para quen renega do xénero

Co xénero dos superheroes vivindo a súa época dourada no cinema, a ficción The Boys de Eric Kripke veu para darlle un novo enfoque. O último traballo do creador da lonxeva Sobrenatural presenta unha realidade na que os heroes forman parte da sociedade e constitúen unha oportunidade de negocio para as multinacionais.

A orixinal de Amazon Prime, que xa entrara pisando forte no verán de 2019, destaca especialmente polo seu ton explícito, con secuencias de extrema violencia, sexo e o máis puro gore. Quizais unha proba da liberdade que a plataforma ofrece aos seus creadores.

Na serie, os superheroes traballan para a empresa Vought, disposta a facer o posible para gañar fama e poder nos Estados Unidos, ao tempo que explota comercialmente todo o que pode ás súas estrelas. En canto aos heroes, vemos unha nova faceta para o xénero: personaxes egoístas e crueis, moi lonxe dos salvadores da humanidade coma os que pretenden ser vistos.

O protagonista é Hughie (Jack Quaid), quen dende o primeiro capítulo se une a un escuadrón suicida moi particular, nunha cruzada persoal contra Vought e os propios superheroes. Pronto coñecerá a Annie ou Luz Estelar (Erin Moriarty), quen acaba de entrar nos Sete (o equivalente da serie aos Vingadores), e que quedará desencantada ao descubrir os trapos sucios de Vought.

Se a primeira secuencia de toda a serie xa nos dá unha idea de como vai ser o seguinte (unha sanguenta e absurda morte a mans dun “súper”), na segunda tempada atopámonos co mesmo: cos protagonistas atravesando literalmente as entrañas dunha balea ou sendo estrangulados por un pene monstruoso.

Na súa segunda entrega, The Boys trata de achegarse máis persoalmente a todos os seus personaxes, por exemplo dando matices sentimentais a Carniceiro (Karl Urban), o prototipo de tipo duro, e amosando a parte corrupta da inocente Luz Estelar. Destaca en especial a introdución de Stormfront (Aya Cash) nos Sete, unha personaxe cuxa historia suporá un xiro fundamental para a trama e que dará sentido a toda a natureza de Vought.

Porén, alén do seu selo persoal de gore, humor negro e escenas que requiren da etiqueta de aviso parental en cada capítulo, The Boys trata de transmitir unha crítica ao abuso de poder en todas as súas formas e mesmo ao fascismo que se esconde detrás dos intereses das multinacionais. Tamén inclúe temas de actualidade coma o racismo ou os abusos sexuais.

En definitiva, unha produción que nun primeiro intre pode parecer mesmo de serie B, remata sendo unha acertada e entretida sátira sobre o capitalismo e unha sociedade necesitada de referentes, con escenas brutais que deixan sen palabras case en cada capítulo. E todo iso grazas á conxunción de momentos de acción con secuencias propias de superproducións, un elenco brillante –entre os que destaca Antony Starr no papel de Patriota-, crítica social de actualidade e xiros na trama moi acertados, que fan sentir ao espectador que entre tanta sangue, algo do que está mirando ten sentido.

Na segunda temporada mantense este espírito ao tempo que se produce un cambio con respecto á primeira, pero a mellor: profundízase moito máis no pasado e personalidade de cada personaxe, e entendemos mellor as súas motivacións e o argumento. Por outra banda, si que esperaríamos un mellor desenvolvemento da trama, que en ocasións se centra demasiado en enfrontamentos puntuais, e semella que non se traballa realmente no argumento central ata os dous últimos capítulos. Ademais, o personaxe de Patriota presentouse dende o principio coma un antagonista moi prometedor, e decepciona que sexa o personaxe con menor evolución ata agora, a pesar das importantes novidades na súa trama persoal.

Con todo, o final da segunda temporada soubo pechar as tramas principais da mesma ao tempo que engadiu un novo e sorprendente xiro argumental dos que falabamos, e que abre moitas preguntas para unha terceira temporada que xa estamos esperando. 

Director: Joe Mantello
Guión: Garth Ennis, Eric Kripke, Craig Rosenberg, Rebecca Sonnenshine
Fotografía: Jeremy Benning, Dylan Macleod, Evans Brown, Jeff Cutter
Música: Christopher Lennertz
Ano: 2019-2020
País: Estados Unidos
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.