‘The Falcon and The Winter Soldier’: Un paso adiante e outro atrás, Marvel Studios

Con WandaVision, Marvel Studios deu un esperanzador paso adiante. É dicir: parecía que o estudo por fin comezaba a querer facer historias que, alén de ser épicas e moi divertidas, deixaran algo de pouso ou tiveran unha trascendencia dramática ou filosófica importante. O producto inmediatamente posterior, The Falcon and The Winter Soldier (Malcolm Spellman, 2021), non só é unha enorme fuxida desa búsqueda de grandeza, ou unha volta ó Marvel máis estándar posible, senón que supón un auténtico paso atrás; un paso entretido, si, coma sempre, pero tamén, e por primeira vez neste prolífico universo, decepcionante.

Entremos en materia: logo dos eventos de Avengers: Endgame, Falcon, que fora designado por Steve Rogers para convertirse no novo Capitán América, decide rechazar e entrega o escudo ao goberno. Bucky, pola súa parte, acude a terapia para superar os seus traumas, pero a súa paz é pronto cuestionada, cando un grupo de terroristas coñecidos como os “Sen Bandeiras” reproducen o soro do supersoldado e ameazan a política internacional. Ambos superheroes vense superados pola situación, polo que acuden ó Barón Zemo, villano de Capitán América: Civil War, para que os axude, mentres que o novo Capitán América do goberno, John Walker (Wyatt Russell), súmase á acción, enturbiando todavía máis as cousas.

O cóctel, que a priori soa ben, non resiste. E un dos seus maiores problemas é o ton. Unha serie tan inspirada como WandaVision podía cambiar de rexistro -da comedia ó drama, e viceversa- varias veces nun mesmo episodio porque estaba tan ben escrita e resultaba tan estimulante que era orgánico. E nas películas dos Vengadores, aínda que non esté sempre tan conseguido, funciona porque é parte da súa identidade; unha especie de “licenza creativa” que ten sentido polas características deses filmes, que xuntan a decenas de personaxes moi diferentes entre si.

Na serie que nos ocupa non. Hai dúas rutas, a do drama-thriller sociopolítico e a da buddy movie cómica e amigable, pero a súa mestura non é satisfactoria. Eu quedaríame coa primeira, porque como comedia esta é das peores e máis aburridas do UCM; nada que ver con Ant-Man, Thor: Ragnarok ou Gardiáns da Galaxia. Pero tampouco o drama funciona, debido a esa posta en escena tan tediosa e predecible -coma di Noel Ceballos, de telefilm deportivo dos oitenta-, e a que non termina por desenvolver ningún dos temas que propón.

Vive nunha especie de terra de ninguén, entre o divertimento puro e a pretensión intelectual, que fai complicada a súa concepción. Se a temos que xuzgar comparándoa con outras aventuras sen pretensións do UCM, hainas moito mellores. A propia Capitán América: O Soldado do Inverno, referente máis cercano á serie, é máis interesante e especial. Mais se a comparamos con obras máis ‘adultas’ do xénero, esta resulta algo naif e insulsa.

Incluso cando xoga en lugares oscuros -o novo Capitán América sendo un asasino despiadado-, e intenta construir un relato máis maduro e gris, non se acerca en ningún momento ó que se pode ver nalgunhas historias de banda deseñada, ou nin sequera a series actuais como as dos Defensores de Netflix -a marabillosa Daredevil ou a irregular Jessica Jones– ou sobre todo The Boys, á que parece querer acercarse, sen demasiado éxito. Coa excepción, quizáis, da escena co escudo ensanguentado: unha das imaxes máis poderosas do UCM, aínda que sexa só polo apartado visual.

Pero o peor, realmente, non é que non existan esos temas interesantes en The Falcon and The Winter Soldier; ó contrario, están aí -a nova situación sociopolítica mundial, o patriotismo, o racismo estructural, os traumas dos superheroes, a desastrosa política exterior estadounisende…-, pero, como as súas personaxes, nunca terminan de explotar, de conxeniar, de sair dunha crisálida que só nos permite intuir como podería ser esta serie, e non tanto como é. Nin sequera ideas tan potentes como a existencia dun Capitán América de cor anterior a Steve Rogers carburan. E é unha mágoa que, a pesar do moito que parecen esforzarse, non consigan que despois de case 6 horas de metraxe teñamos máis interese por estas personaxes. Debaixo desta serie escóndese unha gran historia, pero xa non a imos ver.

Cunha interpretación entre a seriedade máis absoluta e a autoparodia, Daniel Brühl conquistou a todos os fans

O show de Zemo

Con todo, hai algunhas cuestións que fan que mereza a pena, sobre todo se es fan do universo Marvel. Empezando porque ten escenas de acción bastante boas: as dúas do primeiro episodio -o flashback de Bucky como soldado do inverno e a de Falcon voando no deserto-, por exemplo. Madripoor, unha das localizacións máis icónicas da banda deseñada marvelita, ve aquí a luz por primeira vez, e a verdade é que resulta fascinante e moi magnética. Quedamos a expensas de que expandan as súas posibilidades, quizáis grazas a certo mutante con mala baba e garras…

E os actores, penso, fan un papel máis que decente. Tanto Daniel Brühl, ese incrible Barón Zemo, que consegue crear unha personaxe ben carismática e fachendosa -para a posteridade quedan os miles de gifs e memes do seu baile-, como Sebastian Stan, que dáo todo para transmitir unha dimensión dramática moi potente que non existe como tal na serie, e que non se ve axudada para nada polo guión. Unha das mellores subtramas da serie é a súa relación co señor asiático, que ben podería ter dado unha escena catártica brutal, e non a resolución que tivo, boa pero algo banal. Anthony Mackie, en piloto automático toda a serie e a facturar; é dicir, ben, pero nada que ver cos seus compañeiros, a pesar de ser o -maior- protagonista.

E Wyatt Russell, co complicado da súa personaxe, o certo é que está bastante ben, trazando o desenvolvemento máis interesante. A súa interpretación, que pasa da contención á explosividade en cuestión de segundos, descríbenos un pasado -entre o estrés post-traumático, a guerra, etc.- turbio e complicado do que John Walker non pode escapar, e que só percibimos grazas ó seu gran papel. Quedamos, nós os espectadores, como a súa personaxe, en stand by: despois do paso atrás sempre ven un adiante. Non, Marvel Studios?

Director: Kari Skogland
Guión: Malcolm Spellman, Derek Kolstad, Michael Kastelein, Dalan Musson.
Fotografía: P.J. Dillon
Música: Henry Jackman
Ano: 2021
País: Estados Unidos
2
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.