‘The Tomorrow War’: A ciencia salvaranos a todos

O domingo pasado foi o final da Eurocopa entre Italia e Inglaterra, millóns de persoas viron o partido. Que pasaría se en medio do choque aparecesen persoas dicindo que veñen do futuro, que estamos en guerra contra uns extraterrestres e que a cidadanía do presente debe facer servizo militar cara esa época para que a humanidade non se extinga? Probablemente os ingleses seguirían bebendo cervexa en cus alleos, pero para o resto das persoas sería un golpe tremendo.

Iso é o que presenta The Tomorrow War, unha desas películas pensadas para vender entradas nas salas de cine. Unha película de acción, toques de ciencia ficción sen ser moi complexa, alivios cómicos cando a cousa se pon crúa e Chris Pratt como protagonista. E non puido ser, non houbo estrea. A covid veu polo medio e rematou saíndo en Amazon Prime Video.

E non é algo malo para nada, pero si que ao visualizar o filme un dos primeiros elementos dos que un se da conta, é que segue a estela da meirande parte de blockbusters do século vinte e un. O seu fin primeiro é o de ser accesible para un grande público e logo todo o demais. Isto non fai insatisfactoria a película nin moito menos, pero si que cae en numerosos lugares comúns por este motivo. Dito o cal, vese claramente que detrás de The Tomorrow War hai boas mans.

En concreto as de Chris McKay, o seu director. Un dos responsables da LEGO películae destacado polas súas obras de animación, cambia completamente de rexistro nesta ocasión. E convirte o que podería ser un produto xenérico nun filme con certa personalidade.

No que noutro lugar sería unha action movie de dúas horas aproveitando o orzamento, nesta ocasión dáse tempo a presentar aos personaxes a establecer os temas a tratar e a unha primeira secuencia en territorio hostil que é puro suspense. Durante moito tempo, os extraterrestres non se ven, son unha ameaza invisible, só sabemos que son monstruosos ata que simplemente, atacan.

E nesta ocasión non é como no Tiburón de Steven Spielberg, que se utilizaba esta técnica para que o monstro non se vira por mor das limitacións técnicas. En The Tomorrow War os efectos especiais son fantásticos, o deseño dos inimigos tamén e non hai medo a botar músculo visual cando toca. De feito, a segunda parte do filme é pura acción bastante espectacular no visual.

Polo medio, está o fondo dramático do protagonista, que aínda que se sinte certamente fresco por mor de como se utiliza a viaxe no tempo para narralo, remata tendo un camiño e unha resolución xa moi vista. Do mesmo xeito que un terzo final que tira demasiado da comedia para intentar avanzar cara a final do filme, e penso que non en todos os casos voluntaria.

Outro elemento pouco habitual neste tipo de longametraxes é que realmente é unha película antibelicista. Isto contradise coa espectacularidade das secuencias de acción, pero é algo que entendo que entran nos lugares comúns dunha película deste estilo. Pero realmente, o que se intenta evitar en todo momento é que a guerra do futuro ocorra. Ademais, amósanse dun xeito tanxible as consecuencias da mesma coma se fora un eco de Vietnam para os Estados Unidos.

E finalmente quen soluciona todo é a ciencia. E é un elemento que conduce todo o filme, lograr unha solución científica para un conflito que pode rematar coa especie humana. Evidentemente se colles a lupa da ciencia ficción queda coxa, pero para un blockbuster é unha aproximación o suficientemente interesante para destacalo.

The Tomorrow War é un filme que está limitado pola súas propias características, pero que esconde boas ideas ben executadas. Existe un esforzo por intentar diferenciarse e hai elementos pouco habituais nun blockbuster. Evidentemente é unha película que non soporta unha análise pormenorizada, pero que no seu conxunto funciona o suficiente para destacar entre outros filmes similares.

Dirección: Chris McKay
Guión: Zach Dean
Fotografía: Larry Fong
Música: Lorne Balfe
Ano: 2021
País: España
3
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.