‘The Umbrella Academy’ viaxa ao pasado para asentarse no presente

The Umbrella Academy, de Gerard Way e Gabriel Bá, gañara o Eisner alá por 2008 por unha fantástica primeira serie na que, en soamente seis números, conseguía introducirnos de cheo na vida daqueles personaxes tan pintorescos que, dalgún modo, tentaban semellar súper heroes.

Alén de que levaban máscaras, non había moito máis neles que os definira como tal: eran errantes, caóticos, e cargaban nas súas costas con tantos traumas que era difícil non velos como simples mortais nos que verse reflexados dunha maneira ou outra. Enganaban, desconfiaban e non lles importarían en absoluto teorías de se o mundo ía rematar ou non, exceptuando a ese teórico do apocalipse, Número Cinco, que cun corpo dun rapaz de oito anos, mostraba a madurez dun home xa adulto que conseguira escapar de todo o que veu despois na súa familia debido a escapar no tempo antes de que todos eles creceran nun ambiente horrible e cheo de traizóns e mentiras.

A primeira tempada da serie de televisión de The Umbrella Academy semella en moitos puntos ao que foi a primeira das tres obras que compoñen ata o de agora o mundo dos cómics: Número Cinco avanzara no tempo sen querer, chegara a un futuro no que sucedera unha apocalipse, e na que todos os seus irmáns morreran, e volvería atrás no tempo para tratar de evitalo. Se ben había diferencias debido á adaptación, non conseguía emanciparse (se ben non era necesario) daquel cómic do que proviña.

A serie resultou, vista en perspectiva, algo máis errante que o cómic: se ben semellaba un sopro de aire fresco nun xénero tan desgastado coma é o de súper heroes, perdía demasiado tempo en presentar personaxes, chegando a mostrar escenas que, tras dez episodios, remataban sendo soporíferas. Perdíase demasiado tempo presentando a psique dos personaxes, mostrándonos quen son e por que eran así. Con todo, era algo necesario, xa que non coñeciamos nada deles e precisábase chegar a tales puntos.

Procurar similitudes coa obra orixinal nesta segunda tempada é máis difícil: a trama permite avistar o contido orixinal que mostrou o camiño pero, sen complexos, crea unha fórmula orixinal que consegue sorprender. As similitudes co cómic non son máis que iso, e o produto funciona por si mesmo e permite sorprender.

Pero, o acerto sen dúbidas desta tempada, é que non só se permite emanciparse dos cómics para crear historias orixinais, senón que tamén avanza a pasos axigantados do que foi a primeira tempada: as presentacións están feitas, xa coñecemos aos protagonistas, e é hora de deixalos voar. A primeira tempada vese agora como non soporífera, pero como un paso preciso para que agora non fagan falla sobre explicacións e se dean por entendidas as maneiras nas que se comportan os personaxes. Se existe algo que se repite, farase como gag recorrente e humorístico, pero non como punto necesario para avanzar a trama.

A innovación non é necesaria: The Umbrella Academy circulará nesta segunda entrega ao redor de dúas cuestións tan vistas coma os superheróes: os viaxes no tempo (22.11.63, Doctor Who, Dark, Undone) e o asasinato de J.F. Kennedy (De novo 22.11.63, The Kennedys). Lonxe de resultar repetitivo, supón unha completa oportunidade para que os personaxes cambien: nos cinco primeiros minutos do primeiro episodio vemos como, se ben todos os personaxes da serie viaxan ao pasado, fano en diferentes anos, o cal lles permitirá desenvolver o seu carácter de maneiras diferentes e fará que o avance dende a primeira tempada sexa inmenso e permita tamén á serie tratar temáticas dispares.

Especial atención merece neste punto a personaxe de Ellen Page, que pasa de vilán na primeira tempada a principal protagonista e canle empático do público nesta segunda. Amnesias e escenarios rurais permiten ao personaxe desenvolver personalidade e empatía, creando ao redor dela unha historia romántica pura e melancólica que entenrecerá a calquera que a vexa.

Ao redor da súa personaxe, ademais, xira unha trama na que se pon á súa personaxe como unha raíña do caos e a destrución inevitable, cuns ventos similares a esa Fénix Escura dos X-Men de Chris Claremont e que nunca xamais Sony conseguiu reflexar en ningunha das súas películas con tanto tino e emoción, algo do que, para botar máis leña ao lume, carecía a propia primeira tempada da serie.

A trama principal da historia continúa a avanzar a través dese rapaz ao que chamamos Número Cinco, que continúa a ser un vello rosmón atrapado nun corpo dun neno. Ao redor del xirarán a meirande parte das escenas de acción e tamén das tramas que non teñen que ver co desenvolvemento persoal dos personaxes, senón co avance do que as une a todas. Se ben se trata do personaxe máis plano da historia (agora co permiso de Luther) debido a que por el non se buscan avances persoais, ao mesmo tempo estamos ante o personaxe máis carismático da historia.

Aproveitase aquí, tamén, para expandir a cantidade de pintorescos personaxes que servirán de principais antagonistas da historia, dotándoos todos de grandes personalidades que farán que a trama avance dunha maneira seria, pero na que tamén se verán pequenos acertos cómicos que axudan a relaxar o ton da serie. Como antagonistas, seremos capaces de ver neles auténticas ameazas para os nosos protagonistas, pero ao mesmo tempo seremos capaces de verlles puntos humorísticos e entender as súas motivacións.

Con todo, é aquí tamén onde está o maior fallo da tempada, e trátase dunha cuestión algo máis técnica: se ben The Umbrella Academy aséntase baixo unha premisa escura, a súa pretensión non é maior que a de entreter, e aínda que o consegue dunha maneira moi atinada na maioría das situacións que se nos presentan, as escenas de pura acción (que eran un gran acerto na primeira tempada) son agora nimias, curtas e apresuradas, e se ben non saen do ton que presenta a serie, resultan ás veces carentes dun valor que antes si existía.

Coma na tempada anterior, a historia remata cun gran cliffhanger que deixa ao espectador con ganas de máis. A historia, que desta vez se devora incluso máis rápido que na anterior tempada, marca un futuro interesante para as personaxes ante os acontecementos. The Umbrella Academy viaxou ao pasado para asentarse coma unha das series máis entretidas do momento.

The Umbrella Academy
Creador: Jeremy Slater
Guión: Steve Blackman, Mark Bomback, Rawson Marshall Thurber, Jeremy Slater, Sneha Koorse, Robert De Laurentiis, Ben Nedivi, Eric W. Phillips, Lauren Schmidt, Matt Wolpert (Cómic: Gerard Way, Gabriel Ba)
Fotografía: Craig Wrobleski, Neville Kidd
Ano: 2020
País: Estados Unidos
4