“Thor: Love and Thunder”: O universo cinematográfico de Taika Waititi

Coa estrea de ‘Os Vingadores: Endgame’, o Universo Cinematográfico de Marvel culminou un arco narrativo que foi desenvolvendo ao longo de dúas ducias de películas. A coñecida como “Saga do Infinito” fixo que os espectadores acudiran as salas de cine non só para ver unha película, senón un capítulo máis dunha das series de máis exito das últimas décadas que completou a súa tempada en 2019. Dende entón, o Universo Cinematográfico de Marvel expandiuse por primeira vez á televisión das mans de series de Disney+ ao mesmo tempo que mantén as producións cinematográficas. Porén, atópase nun momento no que semella estar perdendo seu carácter seriado.

“Thor: Love and Thunder” é unha mostra máis de esto. A cuarta entrega en solitario do deus vikingo espacial e a segunda baixo a dirección do maorí Taika Waititi é unha aventura caleidoscópica sen medo incluso de achegarse ao terreo da parodia por momentos. Se ben o cine de Marvel sempre tivo importantes doses de humor, ata o punto de que se lle criticase en ocasións que as tiña en exceso, a nova entrega de Thor distanciase da fórmula habitual de Marvel. Se ben a película conta coa presencia de numerosos personaxes xa coñecidos, como os Gardiáns da Galaxia ou a Jane Foster interpretada por Natalie Portman desta vez cun papel case co-protagonista, “Love and Thunder” non semella ter ningún interés en preparar o camiño para unha nova gran trama dentro do Universo Cinematográfico de Marvel.

Máis que calquera outra cousa, “Love and Thunder” é unha continuación de “Ragnarok”, a anterior película dirixida por Waititi sobre Thor, non tanto pola súa trama como polo seu tono, que desta volta leva un pouco máis alá. O humor absurdo segue absolutamente presente nunha cinta que o maorí leva aínda máis lonxe que a súa predecesora. Waititi non ten medo de rirse mesmo dos deuses e de facer rabiar a unha boa parte do público do cine de superheroes, especialmente aqueles que viven nas cavernas máis escuras de internet, que xa criticaron ante numerosos blockbusters o protagonismo de personaxes femininos ou LGTBI, máis presentes aínda nesta cinda to habitual.

“Thor: Love and Thunder” é ante todo unha cinta entretida e espectacular. Tal e como cabería esperar dunha produción de Marvel, os efectos especiais son abraiantes e as dúas horas de metraxe pasan verdadeiramente rápido. O reparto, encabezado polos nomes habituais conta desta vez coa presencia de Christian Bale, facendo as veces dun vilán máis humano do habitual nestas historias. Se ben non é unha gran película, que aborda algúns puntos clave da súa trama de maneira mesmo chapuceira, é divertida en todo momento, e este semella ser o principal obxectivo de Waititi en todo momento.

Con todo, ante películas como esta, “Eternals”, “Doctor Strange no Multiverso da Loucura” ou series como “Loki” cabe preguntarse cal é a dirección que está a seguir o Universo Cinematográfico de Marvel, onde cada vez máis cada produción semella ter unha identidade diferente e unha menor continuidade. Polo momento só cabe esperar para saber se cos vindeiros lanzamentos comeza a darse forma a unha nova narrativa que una todas as producións ou se cada unha delas se mantén por camiños diferentes como ata o de agora, un enfoque que no caso de DC xa está a funcionar nos últimos anos.

Dirección: Taika Waititi
Guión: Taika Waititi, Jennifer Kaytin Robinson
Fotografía: Barry Idoine
Música: Michael Giacchino
Ano: 2022
País: Estados Unidos
3
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.