‘Tyler Rake’, o irmán repelente de John Wick

O filme brilla nas súas escenas de acción, pero perde en todo o demais

A nova estrea de Netflix é Tyler Rake, un filme de acción producido polos irmáns Russo. Os fans de Marvel non será a única cara coñecida que verán, xa que protagoniza a película Chris Hermsworth, coñecido polo seu papel en Thor. Este interpreta a un mercenario que ten que cumprir unha misión imposible. O actor é o absoluto centro de todo o filme e cumpre moi ben, cunha interpretación moi adecuada para o que se lle esixía.

Ao igual que a saga de John Wick, está dirixida por un stuntman que da o paso á dirección, neste caso Sam Hargrave. Isto nótase nas secuencias de acción polo ben tratadas que están. Se o referente principal das películas de Chad Stahelski, son as películas de artes marciais (principalmente o cine de Hong Kong), neste caso a referenciadade clara é o cinema de serie B estadounidense. Se a algo pode lembrar este filme é a películas como Comando, onde o inimigo ten a profundidade xusta para entender que é malvado e o protagonista é unha máquina de matar.

En Tyler Rake as coreografías non importan tanto como a cantidade de mortes e a brutalidade das mesmas. Practicamente todas, son producidas partir da utilización de armas de disparos de múltiples tipos. Estas semellanzas con John Wick teñen un punto e final moi marcado co fin de diferenciarse. A todas luces é unha manobra por parte de Netflix para intentar competir polo seu público.

Nas secuencias de acción, a cámara está en perspectiva imposible a meirande parte do tempo para lograr que a morte, aínda que totalmente explícita, sexa tratada dun xeito lúdico. E a verdade é que consegue o seu obxectivo: Impactan á par que entreteñen provocando unha grande adrenalina.

DECISIÓNS CUESTIONABLES

Porén, o filme contén algunhas decisións cuestionables que lastran o conxunto. Por exemplo, unha das secuencias de acción é un falso plano secuencia de máis de dez minutos. Non hai dúbida de que é espectacular e rechamante, mais no cinema o uso dos planos ten unha razón de ser. Así como en filmes como 1917, está totalmente xustificado pola súa forma narrativa, nesta ocasión parece que o único exercicio que se fai é o de chamar a atención. Un exercicio ególatra que ademais xoga en contra da propia narración.

A pesar de ter as súas raíces no cinema de serie B, hai unha gran diferencia con este que xoga en contra do filme. Neste caso ofrécese unha razón do comportamento do protagonista, un motivo polo cal é violento e non lle importa xogarse a vida sen pensalo nin un momento. Ademais de ser totalmente cliché e caer en lugares comúns dun xeito constante, realmente corta o ritmo do filme e non aporta interese algún. Semella unha decisión politicamente correcta que o único que aporta é metraxe innecesario.

Tyler Rake cumpre sen máis. Consegue o seu obxectivo, mais o fai dun xeito mellorable. Non aporta nada novo a unha fórmula xa coñecida, e o que parece o seu grande competidor sácalle moitos metros de distancia. É irregular e o brillo das súas escenas de acción, pérdese no demais.  Se non cambia moito a cousa, Tyler será o irmán repelente de John, aínda que este lle leve catro filmes de vantaxe.

Director: Sam Hargrave
Guión: Joe Russo
Fotografía: Newton Thomas Sigel
Música: Henry Jackman, Alex Belcher
Ano: 2020
País: Estados Unidos
2.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.