‘Uncharted’: en terra de ninguén

Adaptar ao cine unha das sagas máis grandes e recoñecidas dos últimos anos en videoxogos non parece unha tarefa doada. Porén, Sony, que coa creación de Sony Playstation Productions avisa a navegantes do que nos depara nun futuro próximo, xoga a súa primeira carta coa súper estrela do momento, Tom Holland, e este Uncharted; un filme tan festivo e espectacular coma, no fondo, carente de emoción. 

Un pouco de contexto: a saga Uncharted, non é isto ningún spoiler, destacou precisamente por levar ao videoxogo o espírito do blockbuster de aventuras, con referentes como Indiana Jones ou Tomb Raider dentro do seu propio medio. Quizais por iso, por esa ligazón entre linguaxes que definía á franquía desde os seus inicios, ten moito sentido o éxito, polo menos no referido á espectacularidade, desta adaptación a cargo de Ruben Fleischer (Benvidos a Zombieland, Venom). A cinta afástase o suficiente do visto nos videoxogos e é capaz de abraiar coas súas escenas de acción.

Non obstante, é no referido ao que sucede entre secuencia e secuencia onde atopamos os erros. Por un lado, amosa unha desidia esaxerada polos seus personaxes -miña nai, que viláns- e a súa coherencia. Se ben é certo que pouco importa iso nesta clase de filmes, as consecuentes conveniencias de guión e as decisións sen sentido que toman certos personaxes ás veces, sumadas a unha posta en escena totalmente plana cando non hai tiros de por medio, non fan máis que restar ao conxunto.

Pero, polo outro lado, e aínda peor, ese desinterese xeral á hora de profundar nos protagonistas fai que sexa case imposible sentir algo de empatía por eles. Non deberíamos establecer comparacións tan á lixeira, mais, penso, era aí onde destacaban tanto os videoxogos, que alén da acción conseguían involucrar moito mellor na trama aos xogadores, así como convertían a Nathan Drake, Sully e compañía nun grupo icónico polo que sentiamos agarimo moi pronto.

A química entre os integrantes do trío protagonista -Tom Holland, Sophia Ali e Mark Wahlberg- é unha das mellores partes da cinta.

Malia que hai decisións ousadas e acertos medianos, como facer que as relacións entre as personaxes e as súas orixes sexan distintas, os bos diálogos ou incluso o propio reparto, moi criticado desde as primeiras fases da produción -inxustamente, pois cumpren os tres con solvencia-, a cousa non termina de arrincar. Falando en prata: a cinta non ten nin a metade de corazón que a súa orixe nas consolas.

Lonxe, tamén, dos seus referentes máis inmediatos no cine de aventuras -a citada Indiana Jones, A Momia ou ata a recente Jungle Cruise-, Uncharted atópase nunha encrucillada. Por situarnos: estaría ao lado da última Tomb Raider ou de Detective Pikachu. Adaptacións de videoxogos que non son grandísimas películas, pero tampouco os trompazos terribles aos que nos tiña acostumados o xénero. Terra de ninguén, vaia. 

En calquera caso, se ides vela coas expectativas xustas pasaredes un bo rato. Que xa é. Pero con esta saga podería facerse un pouco máis. Os elementos estaban aí, hai cousas que si funcionan, mais o resultado, de momento, é só pasable. Con todo, máis alá da pequena decepción inicial, considero que senta un bo precedente de cara a futuras secuelas e franquías. Esperemos que nelas se cumpra a mítica máxima da saga: a grandeza nace de pequenos comezos.

Dirección: Ruben Fleischer
Guión: Matt Holloway, Arthur Marcum, Rafe Judkins
Fotografía: Chung Chung-hoon
Música: Ramin Djawadi
Ano: 2022
País: Estados Unidos
2.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.