‘Venom: Haberá Matanza’: a comedia romántica máis violenta do ano

Cunha máis que polémica e conflitiva primeira entrega, Venom: Haberá Matanza, secuela da primeira franquía do futuro Spiderverso de Sony, chega ás pantallas do mundo para dar máis do mesmo que ofreceu alá por -que lonxe parece xa- 2018. Para ben e para mal. O simbionte escuro, interpretado na súa parte humana por un Tom Hardy cada vez máis namorado do papel, ten que enfrontarse nesta ocasión a Carnage, outro simbionte que, como o seu nome indica, promete dar moita guerra.

Se algo bo se pode dicir desta película é que leva o concepto de ir ao grao ao paroxismo. É unha cinta curta (hora e media canónica) que fai o que ten que facer sen recheos e que entretén moito polo camiño. Nese sentido, como adiantábamos, é unha digna sucesora da primeira. É un decente entretemento lixeiro que esaxera as mesmas virtudes e defectos da anterior, pero probablemente mellor, xa que parece entender que gustou e que non en Venom.

Polo tanto, esquecédevos de violencia gráfica ou gore, de calquera clase de seriedade ou dunha busca de profundidade. Non: é un exercicio de cinema de Serie B -hipervitaminado e cun presuposto altísimo, iso si- desenfadado, naif e estúpido, case auto-paródico, pero feito con certo agarimo e cun toque de humor peculiar, moi centrado no aspecto máis netamente físico e na interacción de Tom Hardy cos obxectos que o rodean e co propio Venom, que sempre perfora a súa cabeza cos seus comentarios salvaxes.

O mesmo humor de colegas está presente nesta secuela, pero moito máis pronunciado. Mirádeos: só lles falta darse un bico.

De feito, como moitas outras xornalistas e críticas están a comentar, nesa exploración dos arquetipos da buddy movie, Venom: Haberá Matanza vai tan lonxe que mesmo parece adaptar os esquemas prototípicos, e isto, xúroo, non é ironía nin unha coña, dunha comedia romántica ao uso. O simbionte e Eddie Brock, na súa relación alieníxena-invasor reformado e ser humano, pasan polas fases de pelexa, reconciliación e… ¿amor? desa clase de historias, dando un resultado que, canto menos, produce unha sensación no espectador entre o estupor e a estrañeza difícil de explicar. Pero tamén é divertido, claro. E todo isto sucede mentres, pola outra parte, un desapiadado asasino en serie consegue o seu propio simbionte.

As estrafalarias aventuras do protector letal

A outra gran vía da cinta narra, de xeito máis ou menos solvente, a historia de Cletus Kasady, un asasino en serie internado desde a nenez en Ravencroft, o equivalente ao Asilo Arkham do universo Marvel. Somos testemuña así doutra historia de amor: a que une a Cletus (un máis que correcto, dadas as circunstancias, Woody Harrelson) e a Shriek (Naomie Harris), unha mutante -si, como ledes- tan maníaca coma el.

Como era de supoñer, ambos foxen, desatando unha matanza que, alén dun par de escenas de acción potentes, supón a parte máis desalentadora da película. Éo porque, máis alá dos intentos de Woody Harrelson de darlle algo de sentido e forza ao personaxe, o certo é que termina por ser un vilán de chiste. Non terminan por quedar claros os seus motivos, e moito menos os do seu simbionte, que apenas pronuncia palabra algunha e non hai por onde collelo se pretendemos facer unha análise seria.

Para mencionar tantas veces a palabra matanza, o certo é que o que fai non é para tanto. Hai violencia, si, pero moi destilada, e ningunha das atrocidades acometidas son ensinadas en cámara. E, aínda que se entendan os motivos de que sexa así -non transgredir a clasificación de +13-, o feito de ver a un bicharraco brutal como este Carnage esnaquizar a decenas de persoas sen que se vexa unha soa pinga de sangue é algo decepcionante.

O salvaxe deseño de Carnage prometía un maior número de cadáveres e vísceras.

Isto é unha verdadeira mágoa, porque se Venom xa é case desde o propio deseño “amigable” e neutral, Carnage resulta co seu aspecto feroz e brutal moitísimo máis terrorífico que o seu compañeiro alien. Coas posibilidades, desaproveitadas, que iso implica. Con todo, polo menos depara un clímax final bastante funcional, cunha pelexa entre ambos simbiontes nunha catedral que non só mellora enormemente o CGI da cinta previa -aquí distínguese ben todo o que pasa a pesar do caos tentacular-, senón que tamén fará as delicias de calquera fan do cine de superheroes. Ou supermonstruos, non sei.

En definitiva, é unha película entretida, que non quere ser tomada en serio en ningún momento, e que ofrece algunhas escenas de acción -e de romance, supoño- ben executadas que fan que nos preguntemos que podería ser desta personaxe se estivera acompañada ou noutro universo. Pero non vos preocupedes: sen destripar a xa absolutamente destripada e comentada escena postcréditos, ten pinta de que imos ter Venom para rato. E a tope con iso, oe.

Dirección:Andy Serkis
Guión: Kelly Marcel e Tom Hardy
Fotografía: Robert Richardson>
Música: Marco Beltrami>
Ano: 2021
País: Estados Unidos
2.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.