‘Verán do 85’: Le petite mort

Hai veces que os pósters enganan. Cando ves o de Verán do 85, entras á sala de cine pensando que o que vas ver a continuación é unha feel-good movie ao estilo de Call me by your name: un adolescente que namora dun home maior e viven un idilio de verán nun lugar de fábula. Se ben é certo que comparten certas ideas, a película de François Ozon desmárcase rapidamente desta tendencia.

De feito, busca tanto afastarse desta temática que o fai xa na primeira escena, na que Alexis, o protagonista. rompe a cuarta parede para dirixirse ao espectador dende a comisaría de policía e comeza a falarnos dun dos eixos centrais da película: a Morte (así, en maiúscula). É así como Ozon engade unha certa sensación de thriller ao que en principio é unha historia de amor canónica.

A historia cóntase de maneira retrospectiva, de forma que xa sabemos o final (alguén morreu), e pouco a pouco móstranse os sucesos. Nárranse coa voz en off de Alexis, que se ve alentado por un profesor a escribir o ocorrido, de forma que se poida expresar con maior facilidade.

Así, Ozon reproduce unha idea que desenvolveu con maior profundidade en Na casa (2012). Ambas películas comparten certa admiración polo exercicio literario como forma de expresión e polo labor dos mestres, ou polo menos daqueles que se implican cos seus alumnos, cos que son certamente exixentes. Neste caso os seus escritos non están dirixidos ao profesor, senón que falan do seu noivo, David.

Alexis, que se mudou a un pequeno e fermoso pobo da costa de Normandía, sofre un naufraxio do que se salva gracias á axuda doutro chico. Así da comezo a relación entre eles dous, que veremos como evolucionará pouco a pouco. É nestes momentos nos que Verán do 85 síntese máis en sintonía coa película de Guadagnino.

En ambos casos encontramos unha relación cunha diferencia de idade que, se ben non é moi pronunciada, na adolescencia faise notar. David sitúase coma unha sorte de mentor para Alexis. Parece ter as ideas claras de cara ao futuro, xa que ten un traballo asegurado, mentres que Alexis non sabe que facer. Desta forma establécese unha relación estival que só dura seis semanas nas que o protagonista explorará a súa sexualidade e aprenderá a divertirse en momentos tan memorables como o paseo en moto, que predice o final, ou a escena da discoteca.

Tras vivir esta idílica historia, o monólogo inicial prepáranos para o que será o segundo eixo temático da película: a morte, que Ozon aborda dunha forma máis interesante. Verán do 85 non é soamente unha película sobre un amor de verán, nin sequera sobre o complicado dunha relación homosexual hai unhas décadas. O último filme de François Ozon fala das emocións máis amplas e profundas, da intensidade do amor e do difícil que é asumir a morte dun ser querido. Con ela non soamente termina a vida do defunto, tamén vaise unha parte dos seus seres queridos: a identidade de Alexis cambiou, e con ela o seu nome; agora chámase Álex.

Dirección: François Ozon
Guión: François Ozon
Fotografía: Hichame Alaouié
Música: Jean-Benoît Dunckel
Ano: 2020
País: Francia
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.