‘Vida Oculta’: Xesucristo entre paisaxes

Non son un gran fan do cine contemplativo. Por suposto que sei apreciar a beleza dos planos longos e admiro a sensibilidade á hora de montar unha película lenta e con coidado, pero tamén penso que todo en exceso pode chegar a ser contraproducente. E como tal, semella que Terrence Malick desfruta levando a paciencia do espectador ao límite, testando a ver canto pode aguantar este fronte unha pantalla sen que pase realmente nada.

O director sempre gostou deste tipo de cine, tampouco é para sorprendernos. É certo que nesta ocasión apostou por unha trama máis comprensible e menos simbólica que as que ten amosado en obras como A árbore da vida (que esa é outra, cando lle dá por torturarnos ao mesturar mensaxes crípticas co xa comentado), contando cun argumento bastante interesante. O filme relata a historia real de Franz Jägerstätter (August Diehl), un granxeiro austríaco que se negou rotundamente a loitar de parte dos nazis na II Guerra Mundial cando o chamaron, aínda que esa decisión implicase a súa execución. 

Cunha premisa así, un esperaría unha narración máis centrada, pero nas tres horas de metraxe que dura (rite ti do Irlandés, que polo menos se facía máis entretida), xuraría que a metade da metraxe baséase en observar preciosísimas tomas da natureza (a fotografía de Jörg Widmer é un gran punto forte, todo sexa dito), aínda que non aporten realmente nada máis alá do artístico.

Que si, que por suposto teñen o seu valor e haberá xente á que lle encante sentirse abraiada por estes fermosos paisaxes, pero creo que un comentario que lin vendo opinións por aí déixao bastante claro: “Foi o mellor documental de National Geographic que vin”. Así, a primeira hora remitiume a O que arde na súa intención de reflectir o día a día da vida labrega (sendo Tarkovski unha das grandes influencias de Oliver Laxe, non resulta estraño atopar similitudes coa obra de Malick), amosando a Franz e á súa familia traballando o campo. Todo para construír a bucólica tranquilidade do mundo rural coa intención de destruíla cando comeza a Guerra e Franz é enviado a un campo de prisioneiros pola súa insurrección. 

O filme constrúe a rutina da tranquila vida rural para que a súa interrupción sexa máis impactante.

Tematicamente, faise moito fincapé no gran amor que existe entre Franz e a súa muller Franziska (Valerie Pachner) para que nos doa ver como el é incapaz de deixar de lado os seus ideais e xurarlle lealdade a Hitler, por moito que iso implique facerlle dano a ela ao obrigala a observar, impotente, como el mesmo se encamiña á súa propia morte. Franziska non só ten que encargarse do traballo que antes facía o seu marido, senón que tamén debe aguantar o rexeitamento do resto da vila, que considera a Franz un traidor. A historia, na que apenas hai diálogos, constrúese mediante cartas -supostamente reais- que se envían mutuamente mentres el está preso, sendo o seu amor, brillantemente interpretado por ambos actores, o único apoio que lles queda nunha situación tan dura. 

Outro factor de gran peso argumental é a relixión, bastión de Franz nos días máis escuros. Os dous protagonistas eran católicos cunha gran fe en Deus, tanto é así que o propio Franz foi declarado beato por Benedicto XVI debido ao seu sacrificio. Non é difícil atopar similitudes entre o martirio de Xesucristo e o de Franz, que padeceu todo tipo de torturas e vexacións mentres agardaba ser executado. Ao igual que Xesús, as crenzas do austríaco tamén foron postas en dúbida constantemente, tanto as relixiosas (destaco aquí ao prisioneiro que se ría da súa fe, pois como ía existir un Deus que permitise tanta dor?) como as morais. Para min, a mellor escena é aquela na cal o mandatario nazi que debe xulgar se Franz merece a morte ou non lle pregunta se se cre un home mellor que os demais, se cre que os seus valores son máis correctos, coma se fose o mesmo Mesías interrogado por Poncio Pilato. Non ten prezo a súa contestación, que non vou destripar. 

Franz é un mártir, atacado por defender ás súas ideas e negarse a rendirse ante o poder. 

En conxunto, atopamos un filme longo que pode facerse esaxeradamente pesado, que non teme empregar o tempo en reiterar as mesmas ideas unha e outra vez na procura da beleza (por Deus, cantas escenas de Franz e Franziska abrazándose apaixoadamente entre cultivos credes que son necesarias para deixar claro que se queren moitísimo?), e que deixou a máis dun durmido na sala. Pero tamén supón un relato incrible sobre unha persoa que ante todo, foi fiel a si mesma. Malick retrata unha traxedia da II Guerra Mundial totalmente distinta ao que estamos acostumados, fuxindo de Holocaustos e batallas, pero igual de poderosa. 

Grazas á marabillosa actuación de Diehl, somos testemuñas da dor dun home que puxo a súa integridade por diante de todo o que era imporante para el, que non quixo participar no que considerou unha matanza carente de sentido. De alguén que por moito que lle botasen na cara que a súa vontade non significaría nada, que ninguén coñecería xamais o que lle aconteceu e que polo tanto todo o seu sufrimento sería en van, elixiu marcar a diferenza aínda que só fose por facer o que el cría correcto. O filme é un tributo a todos aqueles que coma el, cos seus actos, pequenos no esquema xeral, cambiaron a Historia. Unha homenaxe ás súas vidas ocultas. 

Director: Terrence Malick
Guión: Terrence Malick
Fotografía: Jörg Widmer
Música: James Newton Howard
Ano: 2019
País: Estados Unidos
3.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.