‘Viúva Negra’: tarde, mal e arrastro

Once anos despois da súa estrea na gran pantalla, e nove despois da primeira película grupal da saga, Vengadores, a Viúva Negra, unha das heroínas máis importantes do Universo Marvel, ten por fin a súa película, estreada simultáneamente en cines e en Disney+ co Acceso Premium. E o certo é que Marvel Studios, que acaba de marabillarnos con Loki, estanos afacendo en tempos recentes a darnos unha de cal e outra de area; nunca se sabe moi ben cal é a peor, pero Viúva Negra, sen dúbida, é da mala.

Vaiamos por partes. En contraposición coas series coetáneas de Disney+, que están a profundizar con abraiantes resultados na psicoloxía e as emocións dos personaxes, Viúva Negra, que prometía darnos esa visión particular da heroína interpretada por Scarlett Johansson, é unha cinta de acción que apenas profundiza en nada. Iso non sería un problema se esta película non chegase tan tarde como o fai. Ou se non tivésemos a expectativa de que nos falasen da personaxe como se fose a primeira vez, e con certo agarimo. Pero non é así.

Primeiro, porque como película de acción de Marvel é bastante estándar, incluso espesa en algúns momentos. Si, está ben, ten boas escenas de acción e divirte, pero xa. Non destaca como blockbuster. E logo, e peor, porque fracasa no seu intento de transmitir emocións pola protagonista. Realmente, nin o intenta. E iso fai que me pregunte unha cousa: por que non explorar as orixes da personaxe ou os seus sentimentos e traumas de verdade?

Por establecer comparacións, esta película ten o espírito de Capitán América: Soldado de Inverno ou Iron Man 2: parece unha secuela, e semella que a Víuva xa está máis que introducida e xa a coñecemos -que si-, pero é que eses personaxes si tiveron a súa orixe en pantalla. Podemos discutir se é inxusto ou non que Viúva Negra, como Ollo de Halcón, non tivera a súa correspondente película -alerta spoiler: un pouquiño si-, pero, aínda así, non sei por que non a fixeron agora.

Podían ambientala no pasado, narrar como coñeceu a Clint Barton, como foi cando era unha asasina e se redimiu, o seu pasado, etc., e que simplemente houbese que ver a cinta antes na cronoloxía. Quero dicir; é o que se vai a facer ca de Eternos, o que se fixo con Capitana Marvel ou co Capi no seu momento… Entendo que primou o feito de poder conectala co que está por vir, o mirar cara ao futuro -por iso está Yelena, por iso a escena postcréditos-, pero penso que tanto a actriz como a personaxe merecían bastante máis que isto.

Un paso atrás

Viúva Negra chega tarde, mal e arrastro para unha heroína que, despois do seu desenlace hai dous anos, nunca chegou a ter o recoñecemento que merecía dentro do grupo. E vendo que Wanda, Vision, Loki e probablemente moitos outros o están tendo ou o terán no futuro, simplemente non o comprendo. Polo menos ten a súa película, cousa que o Hulk de Mark Ruffalo ou Jeremy Renner non poden dicir. Que xa é algo.

Sei que todo isto que digo é xulgar a película polo que eu quería que fora, non polo que é, pero é que, realmente, é iso: unha cinta de acción descafeinada. Para os estándares de calidade do estudo, é frouxa. Non a peor, pero por aí anda. E, máis preocupante, fai moi evidentes os problemas da fórmula Marvel, que mostran sinais de esgotamento. Por exemplo, no tema das interpretacións: logo de ver como as series están permitindo que os actores se expresen por fin, ver tan encorsetadas a intérpretes da talla de Scarlett Johansson ou Rachel Weisz, nunha historia que precisaba boas actuacións, resulta estomagante.

Yelena Belova (Florence Pugh) e a súa relación con Natasha é o mellor da película

Dóeme dicir cousas tan malas desta cinta e do UCM porque, creo que ben se me nota, son moi fan, pero démoslle ao César o que é do César: levan dous castañazos importantes seguidos, entre isto e Falcon and The Winter Soldier. Pode que tres, se contamos Spiderman: Far From Home. Que quedan camuflados polo éxito de Wandavision e Loki, dúas das súas mellores historias, si; pero castañazos ao fin e ao cabo.

Pero quedémonos, en definitiva, con algo bo: polo menos é entretida, ten bastante acción, e é unha película empoderante e reivindicativa do feminismo ata certo punto. Tamén ten bos toques de humor, especialmente a través da personaxe de David Harbour, o Gardián Vermello. E bueno, Florence Pugh, que ten todas as papeletas para suplir a Scarlett Johansson a partir de agora, é moi boa actriz e, ademais de facelo ben nesta película -a que mellor está de todo o reparto-, promete dar unha gran versión da superheroína. Veremos que nos depara o seu futuro.

Dirección: Cate Shortland
Guión: Eric Pearson, Jac Schaeffer, Ned Benson
Fotografía:Gabriel Beristain
Música: Lorne Balfe
Ano: 2021
País: Estados Unidos
2
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.