Wandavision, o primeiro proxecto de Marvel Studios en chegar a Disney+ dos moitos que están por vir, acaba de rematar. E faino pechando por todo o alto a que pode ser unha das mellores historias desta inesgotable fonte de aventuras e desventuras superheroicas que é o UCM. As vivencias de Wanda Maximoff e Visión en Westview, localización icónica onde as haxa, pasarán á historia deste universo como o exemplo palmario do que estes relatos poden chegar a dicir. Ou ben, como insinuación do que o UCM podería ser e non é, para desgracia duns poucos e alegría doutros moitos. E viceversa.
Entremos en contexto: a serie preséntanos, nun exercicio metatextual de primeiro nivel, outra serie en formato sitcom -ou máis ben, sitcoms- na que dúas personaxes, os propios Wanda e Visión, viven con tranquilidade nunha apacible e común vila, intentando ocultar os seus superpoderes. Nós, coma espectadores, vemos como distintas décadas e ambientacións se suceden coma por arte de maxia, e como as súas vidas permanecen tranquilas, sen alteracións, vivindo sucesos estereotípicos desa clase de relatos.
Pero algo vai mal. Co devir dos episodios, comezan a verse as costuras dun micro-universo que, sabemos, formou a propia Wanda cos seus poderes. E é que, logo dos eventos de Avengers: Endgame (Anthony e Joseph Russo, 2019), como era de esperar dadas as circunstancias, Maximoff -Bruxa Escarlata para as amigas- pasa por unha profunda crise emocional que lle fai perder o control.
E que lle fai encerrar a toda unha cidade, cos seus habitantes enfeitizados, no paraíso televisivo que leva concebindo dende a infancia, pechándose sobre sí mesma para soportar a súa dor. Como non podía ser doutra forma, pronto diversos equipos da organización S.W.O.R.D. se despregan para acordoar a zona, que toma a forma dun hexágono vermello colosal, e comezan a facer intentos de entrar e contactar con Wanda.
Se ben a forma en que está caracterizado este mundo, e todas as referencias e detalles obsesivos que contén son xeniais, o certo é que o mellor da serie, a ninguén se lle escapa, é o seu guión, escrito por Jac Schaeffer (Capitana Marvel, Black Widow). Este destaca tanto, en parte, polo rupturista que é co propio universo do que provén.
Dun xeito moi autoconsciente e intelixente, a trama vai colocando sinais nos primeiros capítulos de que non só nada está ben, senón que ademáis o que estamos a ver é a representación da angustia existencial dunha persoa que está farta de que outros controlen a súa vida. Farta de sufrir. De perder todo o que lle importa. “Que é a pena, senón amor perseverando…?”, pregúntase a Visión na que é posiblemente a mellor conversa, tanto a nivel interpretativo -enormes, xigantes, Paul Bettany e Elizabeth Olsen- coma de guión, de todo o UCM.
En palabras do xornalista e escritor Jorge Carrión: “Wandavision coloca aos superheroes no espello tráxico da súa materia ficcional.” É dicir: estrutúrase coma resposta á pregunta de que pasaría se, por unha vez, as personaxes deste universo tomaran conciencia dos seus actos, e do triste e dura que a súa vida é no fondo, especialmente no caso de Wanda. De aí Westview e a sitcom coma forma de vida, que se transforma na idea/mensaxe central da serie: a ficción como refuxio espiritual fronte á adversidade.
Como lugar no que todo está ben e non poden ferirnos ou asustarnos. Unha mensaxe que, casualidade ou non, describe moito as nosas vidas actuais: para moitos de nós, a ficción, sen importar a súa vertinte, está a ser unha das armas máis poderosas para combatir a pandemia e os confinamentos. E que ben pode explicar por que esta serie está a ser un dos fenómenos televisivos máis importantes do momento.
Única na súa especie
Alén do guión, o certo é que Wandavision é unha obra singular no contexto do UCM. En primeiro lugar, polas súas referencias e influencias. Evidentemente, a historia está inspirada nos cómics de Marvel, pero este autoconfinamento de Wanda en Westview bebe incluso máis dos arquetipos da comedia televisiva norteamericana: Modern Family, Malcolm, O Show de Dick Van Dyke… E, do mesmo modo, colle cousas doutras obras de ciencia ficción como Anhilation (Alex Garland, 2018), establecendo un paralelismo entre o hexágono e a zona que absorbe e muta todo o que toca na película, O Show de Truman (Peter Weir, 1998) ou mesmo, aínda que pareza imposible, The Leftovers (Damon Lindelof, 2014-2017), cunha escena portentosa, a da volta á vida de Monica Rambeau no hospital, que emula o caos e o desconcerto absolutos da lendaria escena inicial da serie de HBO.

A isto temos que sumarlle un traballo de todos os departamentos de produción impecable. Do vestiario e a banda sonora ao deseño dos escenarios, a serie ten dende o primeiro momento unha aura especial que a diferencia moito das películas predecesoras. Pero tamén a dirección -a cargo de Matt Shakman: meritazo seu o de dirixir todos os episodios da serie, tendo en conta os múltiples rexistros cos que xoga- e a interpretación a fan sobresaír moito.
Katrhyn Hann está xenial como antagonista, e o dúo estelar Elizabeth Olsen-Paul Bettany brilla a un nivel estratosférico, demostrando que pode haber interpretacións de altísima calidade nun xénero no que se valoran tan pouco como é o das aventuras e acción.
Con todo, hai algúns aspectos “negativos” ou non tan xeniais da serie que merece a pena comentar. Por exemplo: aínda que en termos xerais todo o que sucede fóra de Westview está ben, palidece se o comparamos co que sucede dentro. Do mesmo modo, a serie no seu conxunto funciona moito mellor canto máis se distancia do Universo Marvel; cando é capaz de manter o foco en Wanda e Visión, que non por nada son os protagonistas da historia, e dúas personaxes, despois de terminada a serie, que merecen o seu especial recoñecemento entre os superheroes cinematográficos do momento.
Porén, a subtrama de S.W.O.R.D., que é importante a nivel argumental porque funciona coma nexo para conectar e entender os distintos puntos da trama, é moito máis formulaica e previsible. E, tamén, bastante menos lúcida e creativa a nivel visual. É UCM estándar; está ben conseguido e é moi entretido, pero careca da alma, a complexidade e a ambición metatextual e intelectual das peripecias da estraña parella no interior de Westview. Feito que é aplicable tamén ao capítulo final.
Non é malo, nin moitísimo menos; é moi épico e bonito. Pero a serie, como todo truco de maxia, unha vez explicada, perde parte da súa esencia. Falando en prata: neste caso, para min, foi máis importante o camiño que a meta en si, aínda que esta estivera á altura. Máis se temos en conta que -por sorte- aínda queda Bruxa Escarlata para rato, e a personaxe todavía ten moito que ofrecer.
En definitiva, esta obra é a confirmación de que Marvel Studios, ademáis de deseñar aventuras formalmente perfectas -ás veces, quizáis demasiado-, é capaz de construir argumentos complexos e profundos, con algo importante que dicir. Espellos, como o de Wandavision, que devolven un reflexo dobremente tráxico: en primeiro lugar, por ofrecernos unha das historias máis conmovedoras e emocionais do titán marvelita de Disney.
E despois porque, coñecendo o modo de traballar da compañía, o certo é que non deberíamos esperar que poidan conseguir outra vez, adscribíndose aos formatos populares que demandan as plataformas de suscripción ou a propia Disney, un produto tan innovador, fresco e propositivo como o que acabamos de presenciar, a pesar dos seus escasos erros puntuais. Polo menos, non cun impacto tan grande. Sempre nos quedará, claro, facer como Wanda, e volver a empezar.

Guión: Jac Schaeffer, Gretchen Enders, Peter Cameron, Bobak Esfarjani, Chuck Hayward
Fotografía: Jess Hall
Música: Christophe Beck, Alex Kovacs
Ano: 2021
País: EEUU