Watchmen: A mellor secuela da década?

Se algo caracterizou ao cine e a televisión ao longo da última década foi o gran número de secuelas, precuelas, remakes e reboots de obras pasadas que foron realizados. A nostalxia pola cultura popular dos anos 80 (e agora parece que tamén a dos 90) foi a última galiña dos ovos de ouro que atopou a industria audiovisual norteamericana para facer cartos.

Porén moitas destas novas producións foron esquecidas polo público pouco tempo de ser lanzadas ao tratarse, en boa medida, nas mesmas historias xa coñecidas envoltas nunha nova embalaxe máis brillante, cuberta de CGI. Por suposto, houbo excepcións, como podería ser Blade Runner 2049 (Denis Villeneuve, 2017), pero tratáronse de casos moi concretos. Un deles foi sen lugar a dúbidas Watchmen, a continuación do comic de Alan Moore e Dave Gibbons entre 1985 e 1986.

Durante moitos anos díxose que Watchmen era unha obra inadaptable. En 2009 Zack Snyder intentou amosar que esto non era así pero quedou a medio camiño. O contexto histórico é fundamental para entender a historia orixinal de Watchmen, tanto no plano político, a tensión nuclear causada pola Guerra Fría é un tema central na trama escrita por Alan Moore, como no do propio medio no que estaba escrita, a mediados dos 80 os comics xa eran un medio narrativo perfectamente asentado e Watchmen supuxo todo un comentario e unha crítica ao xénero dos superheroes.

Quizais por estas razón a secuela creada por Damon Lindelof en forma de serie de televisión para HBO síntese máis próxima ao texto orixinal que a adaptación filmada por Zack Snyder. Lindelof continúa a historia dos comics mediante unha trama que ten lugar no ano 2019 no universo de Watchmen e aborda temas sociais e políticos de actualidade na sociedade estadounidense actual, como o auxe do supremacismo blanco, que aínda por riba chega marcado por unha actitude victimista. Esta serie tamén chega unha década despois do nacemento do Universo Cinematográfico de Marvel que propiciou que as historias de superheroes encheran as nosas pantallas, tanto cinematográficas como de televisión.

Watchmen comeza cunha escena situada en Tulsa, Oklahoma no ano 1921, cando tivo lugar unha masacre racial na que se asasinaron preto de 300 persoas, un dos maiores crimes racistas da historia dos Estados Unidos do que unha boa parte da poboación norteamericana e do resto do mundo nunca escoitara falar ata o lanzamento desta serie. Esta introdución marca un dos centros temáticos que seguirá a serie, abordando os conflitos raciais nun presente alternativo marcado polos acontecementos do ano 1985 narrados no comic de Alan Moore. Moitos elementos desta realidade resultan estranos e sorprendentes pero outros tantos son sorprendentemente similares ao noso mundo.

Ao igual que na súa historia de orixe, esta serie volve a reflexionar sobre todo o que suporía levar unha máscara, ocultando a identidade para tomar xustiza, nunha narrativa sen idealizar. Desta volta Lindelof introduce a idea de que os enmascarados xa non sexan nin se quera persoas que tomen a iniciativa pola súa conta, senón a propia policía.

Damon Lindelof introduce novos personaxes como Angela Abar e seu alter ego Sister Night ou o misterioso Looking Glass á vez que están de volta Andrian Veidt e Laurie Blake, máis coñecidos como Ozymandias e o Espectro de Seda, entre outros. A serie narra unha historia que abarca toda a tempada pero aproveita cada capítulo para centrar o foco nalgún dos distintos personaxes, podendo coñecer mellor así as súas historias e as súas motivacións.

Lindelof tamén aproveita este enfoque por capítulos para ir desvelando a medida que avanza a trama distintos xiros de guión de maneira que non semellen artificiosos. A serie decide tratar ao espectador con respeto e non dar todo masticado dende o primeiro momento, dando pouco a pouco distintas pezas da conspiración que está a ter lugar en Tulsa neste 2019 alternativo que a partires do capítulo 5 comezan a encaixar, deixando ver a imaxe máis grande que escondían.

Watchmen é unha serie que trata con enorme respeto ao material orixinal do que bebe, pero que sabe ollar cara adiante, resultando nun producto completamente novo. Se nalgo erraban a maior parte das secuelas de obras xa pertencentes á cultura popular ao longo desta década é que as súas historias seguían ancoradas ao pasado, mentres que Watchmen é un produto que soamente pode existir e comprenderse completamente no contexto do ano 2019. Por esta razón a serie creada por Damon Lindelof reivindícase como a secuela máis relevante dos últimos dez anos. O de se é a mellor deixámolo enteiramente nas vosas mans.

Creador: Damon Lindelof
Guión: Damon Lindelof, Nick Cuse, Lila Byock, Christal Henry, Cord Jefferson, Carly Wray
Fotografía: Chris Seager, Xavier Pérez Grobet, Gregory Middleton, Andrij Parekh
Música: Trent Reznor, Atticus Ross
Ano: 2019
País: Estados Unidos
5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.