‘Where Does a Body End?’: Unha viaxe pola discografía de Swans

Swans é unha banda cunha historia case tan sorprendente como o seu son. Cos seus comezos na primeira metade dos anos 80, a formación liderada por Michael Gira viviu varias metamorfoses ao longo das últimas décadas que Marco Porsia percorre ao longo deste extenso documental que se puido ver en Santiago de Compostela no marco da última edición do festival Curtocircuíto.

‘Where Does a Body End?’ Conta cunha historia interesante e faino a través das testemuñas axeitadas. Ademáis do propio Michael Gira, Porsia realizou entrevistas a antigos membros da banda como Jarboe, así como a outros músicos que compartiron escena e escenario con Swans como os membros de Sonic Youth, con Thurston Moore á cabeza. O documental tamén conta cunha ampla e inédita selección de materiais de arquivo como gravacións e actuacións ou fotografías coas que se ilustra todo o recorrido de Swans, dende os seus comezos ata a etapa máis actual da banda.

A película ten un bo inicio, con moito ritmo, adentrándose de maneira moi informativa nos primeiros anos da banda, quizais os máis difíciles de abordar, ao tratarse dunha etapa pouco documentada da que aínda a día de hoxe circulan numerosos rumores e lendas urbanas xurdidas das violentas e caóticas presentacións en directo de Swans, marcadas por tocar a un volume que se achegaba a ser ilegal.

Resulta moi interesante a historia de como Jarboe pasou a formar parte da banda contada pola propia artista, e mesmo vendo a carta e a fotografía que enviou a Michael Gira. Dende a súa chegada a Swans en 1985, Jarboe foi unha peza fundamental no son e no desenvolvemento artístico do proxecto musical, ata a súa disolución no ano 1997.

Tras uns comezos caóticos e abrasivos, o estilo de Swans foi vivind unha lenta primeira metamorfose que chegou ao seu cumio co disco ‘Children of God’ (1987), onde probablemente os sons agresivos do inicio da banda cunha vertente máis melódica.

Despois deste lanzamento chegou o que é probablemente o único tropezo na carreira de Swans, o álbum ‘The Burning World’(1989), un volantazo estilístico cara cancións máis próximas ao folk, con letras escuras de tintes góticos, que quizáis podería ter sido máis explorado neste documental pola súa singularidade. Durante os anos 90 Swans retomaron o estilo dos seus anteriores discos, engadindo cada vez máis elementos do post-rock.

A proposta sonora de Swans culminou no seu último disco da década, ‘Soundtracks for the Blind’, lanzado en 1996, antes da disolución da banda. Considerado por moitos o mellor traballo da banda, este documental tamén recolle en profundidade esta etapa do grupo, aínda que para isto pasase bastante por enriba dalgúns dos lanzamentos anteriores de Swans.

A última hora de ‘Where Does a Body End?’ céntrase na última etapa da banda, que comezou en 2010 coa publicación do disco ‘My Father Will Guide Me up a Rope to the Sky’. Neste tramo, o documental vólvese menos informativo, o cal pode facer que esta parte da película resulte máis densa e con menor ritmo que as anteriores, especialmente para aquelas persoas que non coñezan con profundidade estes anos do grupo.

Con todo, resulta moi interesante ver imaxes das sesións de gravación dos discos ou ensaios das xiras onde a banda prepara cancións como ‘The Knot’, unha pista de 45 minutos de duración que non se atopa presente en ningún álbum de estudio, coa que Swans abriron o seu último concerto en Galicia, na sala Capitol de Santiago de Compostela, en 2017.

‘Where Does a Body End?’ tamén presta especial atención á relación que a banda conseguiu manter cos seus fans ao longo dos últimos anos, radicalmente diferente á existente décadas antes, onde moitos dos asistentes aos seus concertos respondían de maneira agresiva ao son tan radical da música de Swans. O documental tamén inclúe algunhas breves gravacións de concertos da banda entre as que destacan momentos como a reunión con Jarboe nun concerto da banda en Atlanta en 2016 ou a colaboración con Thurston Moore en 2017 en Londres, por primeira vez no escenario xunto a Swans dende 1983.

En definitiva ‘Where Does a Body End?’ aporta un completo repaso á complexa historia dunha banda tan única como Swans a través de boas entrevistas e unha ampla escolma de material de arquivo, aínda que a súa estrutura e a súa forma de narrar, quizais demasiado xenérica, fan que non resulte especialmente chamativo para aquelas persoas que busquen unha peza audiovisual con valor propio.

Director: Marco Porsia
Guión: Marco Bresba, David Hyde, Rodney Ascher
Fotografía: Marco Porsia, Christian Storms
Música: Michael Wabro
Ano: 2019
País: Canadá
3
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.