Woody Allen recíclase en ‘Rifkin’s Festival’

Dada a estrambótica situación que nos tocou vivir, e que semella empeorar por momentos a situación da industria en xeral e a cinematográfica en particular, resulta reconfortante que sexa Woody Allen quen, un ano máis, nos congregue a todos ante a gran pantalla.

O director neoiorquino volve utilizar as súas películas coma unha terapia, esta vez de maneira máis literal xa que sitúa ao espectador coma o seu psicólogo, nun encontro que pretende ser máis persoal. Woody Allen, que adoita filmar cartas de amor a determinadas cidades, decántase esta vez pola de San Sebastián mentres se está levando a cabo o festival de cine anual.

Cunha música xoguetona e unha fotografía a cargo de Vittorio Storaro, con quen xa traballara na súa anterior película A Rainy Day in New York (2019) e en Café Society (2016), válese do relato para darnos un paseo pola cidade vasca, que se volve practicamente a coprotagonista do filme. Se ben é certo que Allen cumple coa súa función de guía turístico, tamén o é que hai unha excesiva presencia de Storaro, quen pinta gran parte do tempo con brocha gorda un suposto atardecer cor mel que se torna excesivamente artificial durante gran parte do tempo e que, cando non é así, o compensa cunha sobresaturación que dana a vista.

O relato non é algo realmente innovador xa que repite, salvando as distancias, a fórmula de Midnight in Paris (2011): un home saído do mundo do cine que está en proceso de escribir o seu primeiro libro viaxa a unha cidade estranxeira coa súa muller. En certos momentos da viaxe o protagonista, Wallace Shawn, ten unha especie de fantasía pola que establece unha estraña relación cos artistas máis famosos do século pasado.

O que na película de 2011 era unha interacción física con escritores e pintores, desta vez convértese en continuas referencias a grandes directores como Bergman, Fellini, Buñuel, Godard ou Orson Welles que serven en certa medida para contar os problemas do protagonista pero que realmente valen ao director para cumprir a súa fantasía cinéfila de recrear, e homenaxear, as súas maiores influencias.

A viaxe de Mort, o protagonista, continuando coas comparaciones con Midnight in Paris, arrefría aínda máis a relación coa súa muller, quen lle abandona a favor dun aclamado (e novo) cineasta. E é que Rifkin’s Festival é un compendio das grandes preocupacións e temas recorrentes da filmografía de Allen: mentres a súa muller e o cineasta, encarnación satírica da pedantería, pasan tempo xuntos, Mort intenta unha relación cunha muller moito máis nova que non consegue funcionar en ningún momento (e menos mal, porque é totalmente inverosímil). Ao mesmo tempo, Mort, que é en todo momento a representación do director, transmite o seu medo á morte. É un home vello que non é capaz de gozar dun festival de cine como antano e que teme non poder volver a desfrutar do cine nunca máis.

Sexamos claros: Rifkin’s Festival non forma parte das grandes películas de Woody Allen. Da a sensación de que, despois de tanto tempo, confórmase con facer cine só polo pracer que obtén diso. Woody Allen é como o avó que nunca tiven, e que nos reúne todos os anos entorno a súa cheminea para contarnos unha das súas historias, e debemos desfrutalo mentres dure.

Director: Woody Allen
Guión: Woody Allen
Fotografía: Vittorio Storaro
Música: Stephane Wrembel
Ano: 2020
País: Estados Unidos
3
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.