‘Zombi Child’: A película sobre os auténticos mortos en vida

Cando pensamos nunha película de zombis, tal vez o primeiro que se nos veña é que estea xa todo feito, mais tal vez esteamos a pensar isto dende unha perspectiva completamente occidentalizada máis do que nos gustaría recoñecer. Á hora de incarlle o dente a Zombi Child debemos non pensar nos George A. Romero, os Danny Boyle, os Sam Raimi e incluso os Jacques Tourneur que xa no seu día —en 1943, por concretar mellor— tentaron representar no cine eses seres terroríficos que nos mostran unha vida despois da morte nada máis que indesexable.

O cine de zombis, e na mesma película da que falamos hoxe bromean con isto, cambia continuamente e adáptase ao momento no que vivimos. Para Romero, en plena Guerra Fría, as radiacións dun satélite semellaban unha boa opción para explicar por que os mortos se erguían da súa tumba. Tempo despois, Danny Boyle —por non repetir o exemplo de Romero un par de décadas despois de A noite dos mortos viventes e un par delas antes de 28 días despois— poría o foco da crise zombi nunha epidemia vírica. Os zombis, tamén, pasaban de ser lentos a moverse rápido, dependendo do que o espectador da década precisase para estimularse.

O termo, aínda que Occidente se apoderase del, ten a súa orixe República de Haití. Falamos dun termo estreitamente relacionado coa escravitude, e ten máis que ver coa falta de dereito a opinión, coa pobreza, a denigración, e coa perda daquilo que nos debería converter en ser humanos máis que con comer cerebros. A mesma Zombi Child mostra de corrida por que un traballador zombi é, para aquel que manda, incluso mellor que un escravo ou calquera traballador asalariado: “Traballa!”, “Traballa!” serán lanzados aos mortos en vida, os cales estarán obrigados a traballar as plantacións de arroz. E farano sen ningún tipo de dereito ou pensamento,  día si e día tamén sen rechiar, conformando o soño húmido de calquera plutócrata.  

Á hora de intentar innovar no xénero, Bertrand Bonello, aínda que soe incongruente, volve aos inicios xa non do xénero, senón das lendas. Tenta irse da visión colonial e globalizada dos zombis á que poderíamos estar acostumados, e aparecen agora de novo elementos do voodoo, de Haití e de peixes globos —que supostamente, segundo escritos de dubidosa orixe debido ao coñecemento cultural dos seus autores, terían a capacidade de xerar unha toxina capaz de inducir ao zombificado nun estado de morte aparente para despois revivilo e utilizalo contra a súa vontade—, todo dende unha estrita humildade e recollendo testemuñas e historias aparentemente reais coñecidas como a dun dos principais personaxes da película, Clairvius Narcisse, para despois avanzar nunha suposta árbore xenealóxica e introducir na historia personaxes novos e ficticios sobre os que xirará outra historia no presente.

A historia do presente será moi diferente a deses zombis pobres e denigrados, nun colexio da elite francesa onde a ensinanza semella envexable e onde se priorizará a capacidade dos estudantes por chegar a conclusións propias, incentivando o crecemento persoal máis que a reprodución do sistema, e o cal a simple vista semella máis interesante e proveitoso que o que calquera escola pública dun cidadán de a pé pode ofrecer. Nesta elite destacará en negativo —mostrado por longos planos nos que Bonello tentará que te fixes ben na cor das personaxes— o brancas que, en contraposición a Mélissa Narcisse, protagonista da filme, son todas as pertencentes a dita clase social privilexiada, nunha maneira de mostrar o racismo de clase dun modo case casual, pero cheo de enerxía e importancia.

Parte do pensamento clasista verase por parte de Fanny, unha das compañeiras de Mélissa no colexio que verá como exótica a cultura da que vén a súa amiga, e verá nela un escape dos problemas da vida. Será dende unha perspectiva altiva, sen pararse a entender ou cavilar nela o máis mínimo, e dando por sentado dende un principio que as súas capacidades son suficientes como para entendela ao completo nun tempo récord.

Alén da crítica, mediante Fanny tamén se desenvolve a trama. Personalizará unha mentalidade adolescente sobre a que se manterá a película pero tamén que nos permite coñecer xa non só a ela, senón a todos os personaxes. Ao final, Bonello decide aquí continuar cunha moda, por dicilo dalgunha maneira, pola cal moitas películas —a maior parte delas europeas— tentan chegar a diversas formas da ciencia ficción utilizando como vehículo situacións ou personalidades que poderían pasarlle ou representar á xente nova, tentando —e conseguindo— chegar a públicos que no habitual xa non serían audiencia deste tipo de cousas. Entran aquí, xunto con Zombi Child, películas como a tamén francesa Crú (Julia Ducournau), Blue My Mind (Lisa Brühlmann) ou Thelma (Joachim Trier).  A mención é obrigada, pois un dos encantos que se lle pode ver a esta Zombi Child é ser tamén parte da revitalización dun xénero que semellaba esgotado.

Con todo, se ben os acertos están aí, a película ten fallos enormes que non lle permiten quedar como unha máis dun xénero con ideas, se ben non mellores, si realizadas dunha maneira máis interesante. O fallo máis grande que ten Zombi Child é que, se ben dedica un tempo necesario que semella necesario para presentar as personaxes, remata precipitándose á hora de pechar a historia, creando a sensación de que todo o que pasou con anterioridade fíxose dunha maneira demasiado pausada e deixando unha sensación agridoce e accidentada.

Afastada de ritmos frenéticos, ás veces para ben e outras para mal, Zombi Child é capaz, dunha maneira pausada, de disfrazar dramas sociais de melancolías adolescentes. As conclusións, alegrías e leccións que o filme tenta dar están aí, mais alén diso non deixará de ser unha película máis nun xénero que está a producir auténticas marabillas e, incluso dentro da filmografía do propio director, quedará detrás doutras obras deste.

Zombi Child
Creador: Bertrand Bonello
Guión: Bertrand Bonello
Música: Bertrand Bonello
Fotografía: Yves Cape
Ano: 2019
País: Francia
3.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.