Amaro Ferreiro leva moitos anos facendo cancións. Sempre recompilou todo o que compuxo dende mozo, pero non foi ata 2007 cando el mesmo comezou a poñer voz á súa propia música. Aínda que xa van trece anos desde que o pequeno dos Ferreiro comezou o seu camiño en solitario, foi nestes tres últimos cando Amaro deixou o seu papel secundario habitual para converterse nun personaxe protagonista con trama propia.
A verdade é que o frenético dos últimos catro anos da súa carreira sorprendería a calquera: traballou e xirou nos dous últimos traballos do seu irmán Iván, Casa e Cena recalentada (disco homenaxe aos vigueses Golpes Bajos) e, pola súa banda, produciu Hijos del Mediterráneo en colaboración con renomeados artistas de todo o Estado para recrear o icónico álbum de Joan Manuel Serrat, sacando ademais agora un álbum propio. Ao preguntarlle por este ritmo tan excepcional, Amaro conta que o enfocou con total normalidade: “Curiosamente cando estás ao cen por cen e dedícaste en corpo e alma ao que che gusta, o tempo en vez de esgotarse multiplícase. A verdade é que non sinto que fose sufocante, vivino con moita naturalidade e desfrute. Traballei coa calma necesaria para cada proxecto e todo saíu bastante ben”.
«Agora son consciente de que ningunha canción é suficiente para explicar a ninguén»
As cancións de Amaro falan del, das cousas que lle pasan ou daquelas que non quere esquecer. Nese sentido, cre que o seu traballo tamén acadou unha nova madureza, que se materializa nesta terceira entrega do seu traballo en solitario: “Antes ao mellor volcábao todo nunha canción, e esa canción era toda a miña personalidade nese momento, aínda que sempre me asustou iso. Agora son consciente de que ningunha canción é suficiente para explicar a ninguén, e por iso fixen este disco. Ao final, creo que as cancións teñen que falar dun mesmo no momento no que as fai”.
O compositor da popular Turnedo preséntanos desta vez Personajes Secundarios, un álbum moito máis completo e cohesionado ca os seus anteriores, e segundo el mesmo di, “unha forma máis fiable de quen é Amaro Ferreiro”.
Detrás deste título escóndese toda unha idea a través da cal Amaro fala por el mesmo como non o fixera ata agora. “Ás veces cando escribo sobre min mesmo fágoo falando dende terceiras persoas, e dinme de conta de que o fío condutor de todas as cancións que fixera era ese”. Ademais, este concepto pode entenderse dende dúas bandas: “Eu son un personaxe secundario facendo un disco, poñéndome diante, pero rodeeime de personaxes principais nas súas vidas que se volveron secundarios para que eu faga o meu disco. É un xogo de espellos que creo que ten moitos significados, non só un”.

Amaro non sempre soubo que quería dedicarse á música. Estudou a carreira de Dereito, e sempre se imaxinou máis coma un avogado cunha guitarra debaixo do escritorio. As influencias que o levaron a facer o que fai hoxe pódense agrupar nun triángulo composto pola música, a banda deseñada e o cine. Dese trío rematou dedicándose á primeira, aínda que el non o considera xusto así: “A música paréceme unha palabra moi grande. Creo que me dedico ao oficio de facer cancións, é o xénero que eu traballo e é moi aberto, con moitas posibilidades.” Desfruta tamén cando os seus seguidores se ven identificados coas súas letras, escoitando a cada un deles interpretalas ao seu xeito: “Iso é unha das características que me gustan de moitas cancións, que funcionan coma un paisaxe para que cada un poña a súa historia”, conta referíndose ao seu sinxelo Desesperadamente, tamén banda sonora para o filme Litus de Dani de la Orden.
«Creo que ser secundario é unha honra para min na vida de moitas persoas»
Para contar quen é realmente Amaro Ferreiro é necesario admitir a especial relevancia do álbum que vén de publicar. Arredor da idea de Personajes Secundarios móvese unha completa declaración de intencións. Amaro Ferreiro sempre acompañou a Iván no seu propio relato, onde el era o propio protagonista, mentres que o seu irmán pequeno adoptou un papel secundario, aínda sendo o compositor dalgúns dos seus temas máis coñecidos. Por iso, el mesmo vese identificado nese título: “Hai moitas maneiras de sentirse un personaxe secundario, e si, sentinme así moitas veces. Ás veces sentino sen que me atormentase en absoluto, sendo un personaxe secundario a moita honra, e outras veces na miña vida sentinme secundario moi a desgusto”.
Esta idea pasa por buscar eliminar o sentido pexorativo que ten a palabra “secundario”, e outorgarlles a estas persoas a importancia que teñen non só nas historias, senón tamén nas nosas propias vidas. “Penso en moitas persoas nas que eu serei un personaxe secundario nas súas vidas, e xa me parece moito. Creo que ser secundario é unha honra para min na vida de moitas persoas. Nestes días de confinamento, tamén nos damos de conta da importancia dos nosos secundarios, cos que ao mellor quedabamos a tomar unha caña ou tiñamos unha conversa unha vez á semana. Eses secundarios son moi importantes, e cando non están as nosas vidas vense mermadas e moito máis baleiras”.
Dende a súa residencia en Madrid, na que está a pasar a corentena, o autor conta que está empregando estes días para reflexionar. E non só sobre a volta á normalidade, senón tamén pensando naquilo que non quere que volva pasar: “Creo que esta vida do 2020 e dos anos anteriores era demasiado rápida. Non me gustaría que isto terminase e volver ao mundo que deixamos, senón que me gustaría houbese algún cambio e que nos poñamos en serio a pensar que o noso modelo económico é moi malo para nós mesmos e para o planeta”.
“¿Cómo continúa esto?”, comeza cantando Amaro en 24H, o tema que abre Personajes Secundarios. Co precedente que vén de sentar, presentándose a si mesmo e elaborando un álbum producido e cohesionado como non o fixera ata agora no seu propio nome, el mesmo respondeu a esta pregunta. O seu camiño continúa do xeito máis maduro e prometedor posible, aínda tendo en conta o extenso da súa carreira. Un camiño no que aínda que volva xogar un papel secundario, Amaro Ferreiro ten asegurada unha trama protagonista coa importancia principal que sempre lle correspondeu.