Bieto Romero: “A xente non adoita a pagar pola música, como tampouco a comprar libros”

Luar na Lubre é un dos grupos máis importantes da historia galega, contando xa con 18 traballos baixo as costas de moitos dos seus integrantes. Voces como Rosa Cedrón, Sara Vidal, Paula Rey ou Irma Macías puxeron a letras a ritmos folk feitos con Galicia no corazón. Inesquecibles son xa para moitos obras como Plenilunio, Cabo do Mundo ou Saudade, cuxo son revolucionou á banda e demostrou que tiñan moito que ensinar, así como moitas etiquetas que romper.

Falamos con Bieito Romero, cara máis coñecida da banda, sobre o novo disco do grupo, Vieiras e Vieiros. Historias de peregrinos, así como tamén nos da a súa visión do pasado, presente e futuro da banda e da música galega.

34 anos dende que se formou Luar na Lubre. O espírito segue a ser o mesmo?

O espírito é similar. Cambiamos, porque son moitos anos enriba. Antes eramos adolescentes e co paso do tempo vas cambiando, madurando e facendo cousas distintas. Iso é o cambio máis significativo. A idea que tiñamos de facer música naqueles anos oitenta é moi similar, aínda cos cambios.

Toda a vida se asociou a Luar na Lubre á tradición, pero obras como Plenilunio teñen pouco de tradicional e moito de revolucionario. Custa incluso agora abandoar a etiqueta?

A xente confunde moito o termo. Ten ten dendencia a etiquetar, e as etiquetas despois quedan. Nós facemos música folk, que é un estilo musical relativamente moderno. Comezou a ter importancia nos anos sesenta e dentro disto estamos na corrente do folk chamada “celta”. Isto é unha estética. Aquí chegou ao finais dos anos setenta, coa morte de Franco, e a partir de aí creouse un xeito de facer música en Galicia que funcionou moi ben, permitindo á música galega acadar unhas cotas de internacionalización nunca antes pensadas. E nese estilo continuamos. Mantémonos un pouco nestas pautas. Non nos gustan as etiquetas, pero ao mesmo tempo gústanos que a xente nos poña nome. É enriquecedor poder ter unha gama ampla de denominacións e que despois cada un escolla a que máis lle pareza.

O folk chega un pouquiño antes que o rock and roll. Esta música está fortemente inspirada na música tradicional, pero non a facemos. A música tradicional é de transmisión oral e cunha estrutura xenuinamente propia: unhas gaitas, unhas pandereteiras… A partir de aí, o resto é reinterpretación e reelaboración. En calquera caso, non nos molesta. Gústanos, pero hai que saber distinguilo.

Hai sempre un concepto máis ou menos claro detrás das obras de Luar na Lubre. Que podemos esperar do novo álbum?

Gústanos traballar sobre temáticas ou pautas que marcaban unha forma de traballo. Non tirabamos por tirar. Houbo traballos que foron absolutamente temáticos, como Saudade, que trataba a emigración ás Américas, ou Ribeira Sacra coa relación coa comarca… Nós, para este que ven agora, que é Vieiras e Vieiros. Historias de peregrinos traballamos conceptualmente non sobre os Camiños de Santiago, porque hai moitos, pero si un pouco sobre a parte humana destes. Sobre os peregrinos. Quixemos recompilar catorce historias relacionadas cos peregrinos.

Chamámoslle Vieiras e Vieiros polo símbolo do apóstolo Santiago, e por isto tamén do peregrino, e tamén por ser o símbolo máis representativo do Camiño de Santiago, e veñen facendo eses vieiros que conforman os diferentes camiños que conforman o Camiño de Santiago.

No voso novo tema, Benvido, cantades aos peregriños unha benvida a Galicia cun certo cariño máxico. Tampouco é novo, e de feito vénseme á mente “Hai un paraíso”. Que é Galicia para vos?

Galicia é a nosa patria. É o noso lugar, onde nacimos, onde nos criamos, onde nos deron de mamar. Onde nos deron agarimos. É o lugar no que sentimos o pulso da Terra. Galicia é Galicia. É certo que é un lugar máxico, exclusivo en Europa por moitas cuestións, probablemente un dos lugares máis antigos desta, onde aínda se conservan cousas que moitas cousas que noutros sitios desapareceron, polas circunstancias que fosen.

Centrarnos en Galicia ten sentido porque é o que mamamos dende pequeniños, porque é o que palpamos, e porque cada vez que investigas un pouco sempre saen cousas apaixonantes. Isto é unha percepción propia. Cada membro do grupo terá unha versión propia con diferentes matices, pero en calquera caso o motivo e a razón de existir de Luar na Lubre pasan por Galicia.

Neste novo tema, específicamente, cantades a Galicia como “A terra dos que non saben se suben ou se baixan”, entre outras. Son os tópicos algo real para vós ou, seguindo o tópico tamén eu, trátase de retranca?

Nós sabemos se subimos ou baixamos, os que non o fan son os peregrinos. Non hai nada que explicar sobre isto a ninguén, aínda que non nos vaian entender. Se non nos entenden teñen un problema, porque nós témolo claro.

É certo que é un tópico, pero eu creo que é unha arma de defensa moi interesante. Debemos poñelo en valor. Convertémolo en tópico cando o denostamos, pero cando se utilizamos positivamente pode funcionar.  

Como xorde a colaboración con Miguel Ríos?

Miguel Ríos é unha persoa que admiramos dende sempre. É un deses músicos icónicos, que perduran co tempo. Coñézoo de vai tempo e coincido moito con el en Madrid. Falamos de colaborar, e aquí estamos.

Tal vez sexa coincidencia, pero a medida que se avanza na vosa discografía atopamos que a voz é cada vez unha peza máis protagonista nas vosas composicións.

Non hai nada intencionado. Ou depende. Nos primeiros tres discos a voz era moi secundaria. Estaba aí, era importante, pero non tiña o protagonismo que adquiríu xa en Plenilunio, que é o cuarto disco de dezanove. Agora a voz está no sesenta, ou setenta por cento da nosa música. A maioría dos temas son cantados.

A cuestión vocal, e sobre todo feminina, que é o que traballamos nós, aínda que tamén colaboramos con homes, sempre nos gustou. Gustábanos como encaixaban determinadas voces femininas dentro da nosa música.

Depende un pouco do disco. Non hai unha pauta. Non hai nada feito neste sentido. Gústanos moito a música instrumental tamén, e funciona moi ben en directo, e queremos combinar as dúas formas de facer música.

As voces que foron pasando por Luar na Lubre aportaron sempre algo importantísimo, e dependendo da temática hai temas que teñen que ser cantados e outros que teñen que ser doutra maneira.

Rosa Cedrón continúa a ser prácticamente sempre citada como a vosa ex vocalista, e ata o de agora ningunha outra durou tanto na banda coma ela. Que significou para Luar na Lubre a súa marcha da banda?

As separacións sempre doen, pero foi algo que non tivo transcendencia para nós. Despois de Rosa entrou Sara e nós continuamos exactamente igual. É sempre a cuestión das comparacións, pero é que iso é inevitable. Sara conseguiu gañarse á xente, e nós seguimos tocando con total normalidade e o noso público non se resentiu.

É certo, efectivamente, que foi un punto de inflexión. Coincidiu coa versión de Son do Ar de Mike Olfield, gravamos cunha compañía importante de música, e sobre todo facendo un tipo de música que gustaba. Rosa decidiu facer o seu propio proxecto en solitario e nós co noso.

Cambia a forma de traballar cando cambian os músicos?

Nós temos o noso xeito de facer as cousas. Sexa unha vocalista, un violinista ou un guitarrista. Chama máis a atención coas vocalistas porque son máis visibles, supoño. En calquera caso, aquí temos unhas formas de facer as cousas e os músicos teñen que adaptarse a elas. Podes cambiar pequenas cousas.

Creo que se Luar na Lubre continúa é porque ten un xeito de traballar determinado e son valoradas polo público, e ese é o valor que nós temos: xente que nos apoia, que lles gusta a nosa música. E nun proxecto como este, é algo dificilísimo.

Tal vez sexa imposible ser galego e non coñecer O Son do Ar, pero ás veces semella que é por casualidade. É difícil chegar ao público máis novo?

Temos un público moi variado, de moi diferentes gustos e de moitas idades. Eu o vexo nos concertos que damos, sendo o oitenta por cento deles fora de Galicia. Enchemos teatros. Moitísimos fora de Galicia, e dentro tamén.

O folk tivo e ten horas baixas, pero a pesar diso segue tendo un público moi variopinto. Hai moitos novos que están a renovar a música folk galega, e creo que isto é moi interesante. Eu dígoo polo que vexo. Hai xente da nosa idade, que xa non son novos, e xente moi nova que ten moitas ganas de meterse neste mundo.

O estilo de música ten os seus momentos de alxidez e de retroceso. Neste momento estamos nun punto de recuperación de novo, tras un baixón moi importante que foi a “Gran Caída” da música en Galicia, da música galega, da música folk, pero creo que pode estar recuperándose e con moita forza.

Que opinades desta nova ondeada de artistas novos, como poden ser Tanxugueiras e Baiuca, e da súa aportación á música de raíces tradicionais?

A min paréceme fantástico. Todo o que se faga e que estea feito en chave de país, en chave de territorio paréceme marabilloso, e se son propostas de calidade máis aínda. Non chego a coñecelo todo, pero eu fago radio dende hai 18 anos en Radio Voz, e chégame moita música e poño toda aquela música que me chega na medida das miñas posibilidades. Pincho todo.

Pero non teño información de todo o que hai porque hai moitísimo. Antes abarcabas todo, pero hoxe en día é imposible coñecer todas as propostas que saen. A música galega nunca estivo nun mellor momento de creatividade e de músicos coa calidade que hai. Nunca. O paradoxal é que estamos nun dos peores momentos da música nos últimos anos.

Se hai moitas propostas de calidade, pero moita cantidade de propostas, non hai posibilidades. A xente non é capaz de profesionalizarse porque non hai medios suficientes e non é rendible. Hai propostas impresionantes, sorprendentes, pero é un momento moi duro.

A música galega ten que saír de Galicia, e apenas consegue saír. O gran reto é traspasar fronteiras, mostrarlle ao mundo o que temos e o que somos. Son cousas que hai que ir mellorando co tempo. Hai que ter unha industria musical galega forte para ter sentido e potencia.

Falando con Triángulo de Amor Bizarro, comentáronme algo similar. Comentábanme que cando un grupo galego saía de aquí tiña que dar un concerto á altura de Queen, sen puntos medios.

Como che dicía, o oitenta por cento dos nosos concertos son fora de Galicia, pero tamén veñen abalados por un traballo feito durante moito tempo de expansión, de querer saír das nosas fronteiras, que teñen os seus límites. Nós estamos ben, e se nós funcionamos como proxecto é porque os estadios se enchen.

Si é certo que a música galega ten moitos problemas para saír, e que cando o fai faino irregularmente. As propostas non acaban de consolidarse para saír con regularidade. E por iso nese sentido Luar na Lubre nunca deixou de actuar ano tras ano, e afortunadamente o público segue vindo aos nosos concertos. E pagando! Ese é o noso gran tesouro, o noso gran valor, e o que permite a Luar na Lubre seguir vivo.

Pero é complicado. E máis nos tempos que corren, que tes que traballar todo coma se estiveses nunha canteira. Antes aínda tiñas un apoio, e agora, por desgraza, xa nin iso.

Se Luar na Lubre tivera quedado en Galicia, seguiría existindo?

Probablemente, pero en parámetros totalmente distintos. Creo que cando decidimos dar o paso á profesionalización, o feito de facer promos en Madrid, Barcelona, Sevilla ou Bilbao foron vitais para nós. Creo que aproveitamos ben un momento de bonanza que houbo para esta música para expandirnos.

Tocamos xa en máis de trinta e seis países, absolutamente en todas as provincias do estado, e o seguimos facendo con regularidade tódolos anos, aínda que agora se parara todo e non saibamos o que vai acontecer a partir de mañá mesmo, pero tiñamos xa unha xira duns sesenta concertos pechada. Veremos como se resolve toda esta papeleta.

A día de hoxe, tal e como está a situación, é incrible. Pero tamén ten unha carga moi potente de traballo detrás. Pero sobre todo, o público. Se vas a Sevilla e vante ver 50 persoas non podes volver, pero se vas e enches o Teatro Lope de Vega coma no último concerto que dimos alí, probablemente volvas, e a xente que te foi ver probablemente volva tamén, e o boca a boca fará que outra xente veña a verte.

Se quedaramos aquí, este territorio ten os seus límites e as súas taras neste sentido. Sabemos que a música, sobre todo este tipo de música, a xente non paga por vela. Sempre foi gratis. Músicas subvencionadas. Pero as institucións deixaron fai moito de subvencionala. As Obras Sociais de CaixaGalicia e todo iso desapareceron. A xente non é moi dada a pagar pola música, como tampouco o é a comprar libros. A aposta pola cultura é un problema. Non é gratuíta.

Entón, a culpa é do público ou das institucións?

É un problema xeral. Como a pescadilla que se vai mordendo a cola. As institucións moito non fan, e o público cando ten que estar non está.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.