Marta Porto: “Non se quere ver que os palestinos son fortes”

Marta Porto é unha das máximas responsables de que a curta documental Os que non sinten sexa unha realidade. Xunto coas súas compañeiras da Universidade de Málaga Carlota Mojica, Alba Cantero e Débora Vargas firma esta peza que conta a historia de Tamarr Fawaz, unha rapaza palestina que conta en primeira persoa a situación que vive.

Os que non sinten é destas obras que aparecen de cando en vez cun orzamento moi baixo pero onde prima unha gran idea. Proba disto é a importante repercusión que está a ter no circuíto de festivais de cine, con Biznaga de Plata en Málaga incluída.

Cítome con Marta Porto nunha das terrazas máis bonitas de Compostela. Ela chega tarde porque foi recoller o seu título na USC. Os que estudamos alí sabemos que esa tardanza non foi pola súa culpa. Se tivera que definir dalgún xeito á entrevistada é como unha das persoas máis humanas coas que falei nunca. E iso é moito.

Teño entendido que Os que non sinten é unha curta que xurdiu no ámbito académico.

Si, a cousa xurdiu na Universidade de Málaga na materia de Documental que leva Alejandro Alvarado. El sempre me di que o mencione e a min encántame facelo. Xuntámonos antes de cursala e propuxéronnos o proxecto con Tamarr, pero dende que iso pasou ata que comezou o proxecto pasaron moitos meses. Cando no documental ela fala dunha viaxe en autobús, refírese a que fixo a España.

Se algo chama a atención a nivel formal da curta é que se prescinde totalmente de rodar material aquí, son imaxes case na súa totalidade gravadas co móbil da protagonista.

Nun primeiro momento puxéronnos enriba da mesa a idea de facer unha comparativa España-Palestina. Estaba claro que iso non ía funcionar e eu íame sentir fatal porque non me interesa un documental feito para dar pena. Non quería facer algo que a ela non lle valera para nada.

Cando quedamos con ela, contounos toda a súa vida, todo o que sentía ante nós e saín de aí chorando. Sentíame fatal porque pensamos que podemos falar de calquera cousa colonizándoo. Saín de aí cunha mentalidade moi cambiada.

As miñas compañeiras si que querían facer algo que chocara máis, algo de máis sangue, pero eu dixen que se era así saía do proxecto. Ao día seguinte fun a clase e o profesor preguntoume que tal o levabamos. Díxenlle isto e respondeume que aquí tiña o documental.

Celia Eiras

Porén si que está incluído un plano dese día no que precisamente saes chorando. É un exercicio de exposición non moi habitual por parte dos cineastas.

Foi o punto no que quero que a xente se dea conta de que nós sentiámonos avergonzadas. É o momento no que creo que a xente di “hostia, que realmente todo isto nolo está a dicir a nós”. Quería mostrarme o hipócrita que me sinto porque enriba de que me está a contar algo horrible da súa vida, tenme que consolar. Non tiña por que consolarme a min, ela é a que sofre.

Entón foi complicado ese facer o documental a catro mans?

Non, en realidade confiaron bastante en min. Cando me pronunciei coa miña idea, o profesor deume a razón e as miñas compañeiras dixéronme que para adiante. A miña compi Carlota fixo a montaxe mentres eu facía o guión. Íalle dicindo que plano me interesaba máis para cada momento porque se non eu soa volvíame louca. O resto, ao ser unha cousa de clase, ocupáronse máis das tarefas de produción e eses temas.

Como foi a captación do material por parte de Tamarr? Descoñezo como é a situación concretamente, pero podo imaxinar que o traslado do material dende Palestina é, canto menos, complexo.

E que non nolo trouxo, soamente un pen drive que escondeu. O resto que se pode ver é material que nos enviou antes de poder saír. Vídeos que nos enviaba por Whatsapp, eventos familiares que gravaba… e todo o material da viaxe son fotos que conseguiu agochar.

Hai dúas formas de saír de Gaza. Unha é por Israel e mátante, e a outra é por Exipto subornando e tendo sorte de que non te maten. Ela pasouno moi mal nos aeroportos porque che rexistran todo, pero conseguiu esconder o pen. Foi unha sorte, por así dicilo, pero moi complicado para ela. Arriscouse moitísimo facendo iso.

Toda a voz en off do documental é desa conversa ou fixéchedes varias reunións?

Só nos reunimos unha vez. Foron tres horas de conversa e íamos traducindo e subliñando o que nos parecía importante.

Interésanme falar tamén das implicacións que tivo para ti como autora contar isto desta forma. Eu intento poñerme nese lugar como xornalista e seríame bastante complicado. Como foi esa experiencia?

Horrible. A min doeume moitísimo. Dende que coñecín a Tamarr soamente lembro estar a chorar e sentíndome mal todo o rato. Non sabía como facer para non sentir que me estaba aproveitando dela. Tampouco como demostrarlle que me dera conta do que sufría aínda que non o puidera vivir e que ía respectar ao máximo o que me estaba a contar.

Sentinme unha hipócrita por pensar que podía facelo todo, por pensar que podía tratar o conflito palestino sen habelo vivido. Isto cambioume completamente. Gañarme o respecto de Tamarr e que me dixera que podía confiar en min foi tamén un grande paso.

Eu non son un experto en Gaza nin moito menos, pero na miña experiencia sempre escoito falar disto e doutros sucesos similares. Case sempre son terceiras persoas describindo os feitos e non persoas implicadas. Non sei nin que dicirche. E que para min foi un proceso tan difícil e tan duro… A min encantaríame que a xente falara con Tamarr, porque toda experiencia que vivín eu quero que a viva todo o mundo. Eu non quero poñerme a reivindicar Palestina, eu quero ser o medio para que ela teña a capacidade de falar.

Celia Eiras

A día de hoxe onde está Tamarr?

En Gaza. Tivo que volver porque aquí non atopou traballo. Conseguir papeis está aínda máis difícil no sur porque hai máis racismo. Agora está intentando volver saír pero interrompéronse todas as comunicacións de matrícula que hai con España e vai intentalo en Estados Unidos. Eu axudo en todo o que podo, pero está fodido vaia.

Hai múltiples visións sobre a forma de tratar os conflitos bélicos, pero á hora de representalo no audiovisual unha das críticas máis habituais é en que se cae na espectacularización da violencia.

Sempre se cae niso, todo o mundo. Porque ao público o que lle interesa é algo que lle faga chorar cinco minutos. Non se quere ver que os palestinos son fortes. Eu o que quería demostrar é que Tamarr é forte. Que toda a xente de alí segue loitando e que non queren dar pena. Porque dando pena non conseguen nada.

A película triste remata cando chegas á túa casa e te esqueces, e iso non vale de nada. Eu creo que isto aplica tamén a cousas de aquí, como o tema das fosas comúns. Pécase moito de vitimizar e creo que é un erro. Tendemos a facelo xente en vez de contar de verdade a súa mensaxe. Tamén supoño que é por iso polo que funcionou este documental, porque facíamos outra cousa diferente ao habitual.

Aquí Os que non sinten son os gazatíes, pero tamén se pode facer a interpretación de que tamén é o público o que está anestesiado por esa clase de filmes.

Poden sentilo, pero ata que o punto o senten de verdade? Cando chegas a casa nada cambiou na túa vida, todo segue igual. Aínda que tampouco quero dicir que a xente é malísima, porque evidentemente de 100 persoas que o vexan, unha parte si que pode tomar en serio o tema.

A nivel individual que pensas que se pode facer por Gaza dende aquí?

Nós intentamos mandar medicamentos dende aquí e ningunha organización nos respondeu… Ou dicíannos que eles non actuaban nesas zonas. Ingresar cartos é imposible. Non sabemos nin que facer xa.

Eu sei o que podo facer individualmente, que é seguir traballando todos os días na distribución do documental para que máis xente o escoite e se soa a frauta gañar diñeiro que vaia para Tamarr. Haberá quen diga que temos cousas peores, pero iso é agora e nin sequera son tan malas. Porque imaxínate pasar o coronavirus en medio dunha guerra.

En realidade, non lle quero dicir ao resto o que ten que facer, porque ademais o activismo está un pouco confundido. Organizacións que o único que suben son nenos en camas para dar pena. Eu creo que a xente imaxina Gaza como casas derruídas, un lugar onde a xente vive na rúa e non. Si, moitos edificios están bombardeados, pero a xente segue construíndo iso para que non se caia. Hai que mostrar a vida en vez de toda a morte. Hai que dar datos, pero non esquecernos da xente que vive aí.

Celia Eiras

Hai uns dias gañáchedes a Biznaga de Plata no festival de Málaga á mellor curta documental e a obra está a ter un grande percorrido no circuíto. Como valoras o alcance que está a ter?

Temos presuposto 0, así que imaxínate. Para nós xa conseguir que a premiere fora en Bilbao foi incrible. Non sabiamos que facíamos nun festival tan grande nós que somos un proxecto de universidade competindo con xente que ten millóns de euros investidos. A partir de aí fomos de festival en festival e non o cremos, de verdade.

A nivel persoal si que me crece un pouco porque está servindo para algo. Tamarr está contenta e a súa familia está contenta. Moléstame non poder celebralo con ela, fódeme moitísimo. Sempre teño que dicir que Tamarr está en Gaza e que ninguén se esqueza. E se ela non pode estar aquí é pola nosa culpa, por culpa dos nosos gobernos que non a deixan entrar.

En diversas ocasións durante o documental, varias das persoas agradecen a España pola existencia de becas a estudantes palestinos, nese caso da Universidade de Málaga. Valoras isto como algo positivo?

Si. Para eles é un respiro. E quizais unha oportunidade de intentar conseguir saír de alí ou ter un ter unha fonte de ingresos para poder mandar. Tamarr non tivo esa sorte. E iso que ten estudios, idiomas e de todo. Pero creo que nós non estamos preparados. Van sufrir moitísimo racismo e eles sábeno. Pero si que é unha oportunidade, aínda que o pasen mal porque non saben se ao día seguinte a súa familia vai morrer.

Tes algún proxecto activo para o futuro?

Eu para o meu Traballo de Fin de Grado entreguei un proxecto co que non rematei moi conforme. Era sobre o abandono rural e a memoria en Galicia, concretamente na miña aldea. Estou retomándoo e vendo como avanzou dende o 2015 que comecei a gravalo.

Quero mostrar a miña relación coas miñas avoas, a xente que foi morrendo durante este tempos e os desamparados que están alí. Ese é un tema que quero tratar: o abandono que ten a xente maior no rural.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.