Thomas Dylan Harris

Mundo Prestigio: “Temos un dos últimos baterías de Europa”

Mundo Prestigio vén de editar o seu segundo EP. Los Vengadores chega nestes tempos post-apocalíticos para salvarnos do aburrimento e da amargura, como un impulso de frescura fugaz. Creando formas e cores, o estilo converxente da música negra instrumental de Brais (samplers), Julián (baixo), Fer (teclado) e Fiz (batería) é desta vez máis bailable que nunca.

No confinamento, a música non para. Así que nos reunimos con eles por videochamada para falar de Los Vengadores, das tres colaboracións -con Grande Amore, Cibrán de Boyanka Kostova e Guille de Bifannah- que o vertebran e do proceso creativo de Mundo Prestigio. Pero tamén dos Avalanches, de Eminem e do pracer de facer música cos teus colegas.

Como se pasa do noise-rock de Jay ao urbano instrumental de Mundo Prestigio?

Brais: O último disco de Jay [Los Colegas no te Olvidan] xa era un paso cara esta dirección, máis popero e con algún sampler; fixo un pouco de ponte. A formación de Mundo Prestigio somos os catro que estabamos nese último disco, así que os temas de primeiro EP [Mundo Prestigio] poderían ter sido un cuarto disco de Jay.

Fiz: Houbo unha transición un pouco paulatina, porque ao final no último disco que sacamos co nome de Jay, aínda que igual non se nota moito, baixamos xa un par de marchas no que se refire á distorsión e á caña en xeral. Creo que fomos derivando un pouco cara este rollo dun xeito bastante natural. Pero ao final si que foi bastante brusco, co cambio de nome e deixar a guitarra de lado.

Foi o desmantelamento de Jay e a creación de Mundo Prestigio un paso natural no camiño que está a tomar a música galega nos últimos tempos?

Fer: Talvez vímonos un pouco inversos, directa ou indirectamente, neste tipo de música. Quizais Mundo Prestigio sexa un pouco o resultado desa ondada de música urbana que acabas atopando no teu entorno, sobre todo nesta época.

Brais: Iso e mais a película de 8 Millas. A primeira vez que a miramos flipamos, queriamos empaparnos de toda esa escena do hip hop. Queriamos ser todos como Slim Shady [Eminem] (risas).

Sodes unha mestura de moitas cousas: hip hop, jazz, electrónica… Moita música negra metida con samplers, coa decisión case inédita de meterlle batería. Como se construíu o concepto musical de Mundo Prestigio?

Brais: The Avalanches foi a primeira referencia. Cando estabamos facendo música con Jay escoitabámolos moito, e chamábanos a atención como construían as cancións con capas de samplers que ían superpoñéndose. Foi un pouco o detonante para comezar a traballar desta forma e ir deixando de lado as guitarras.

Fer: Nese momento xa coñeciamos a forma de construír bases de hip hop mediante samplers. Pero certos artistas en particular, como Avalanches, J Dilla, Pogo -que é un artista de Youtube que fai versións con cancións Disney-… Foi moi revelador á hora de descubrir que se podía traballar co sampler coma se fose un instrumento orgánico e sacarlle moito máis partido. Todos eses nomes influénciannos moito máis que calquera produtor de electrónica ou de hip hop.

Fiz: Estabamos descubrindo os samplers en 2019, e realmente chegamos un pouco tarde. Pero para nós era un rollo totalmente novo, e aínda que se leve explotando isto en todos os xéneros musicais posibles, para nós é completamente fresco; unha nova forma de compoñer e de chegar á creación.

Thomas Dylan Harris

A vosa música materialízase en estouros cromáticos que crean formas. Foi isto un propósito ou unha casualidade?

BrIais: Foi casualidade. O 90% do que pasa no grupo é casualidade, quedou ben como podería ter quedado moi mal.

Fer: Non reflexionamos previamente sobre o que temos que traballar ou o que temos que facer. É un proceso moito máis espontáneo.

Fiz: Eu creo que se pode resumir en que facemos a música que nos molaría escoitar. Se a fixese outra peña, a todos nos molaría escoitar estes temas.

Fer: Mencionaches antes a batería, que para nós é moi importante. Visto o panorama de grupos emerxentes de electrónica e hip hop que deixaban de lado este instrumento, nós queriamos conservalo e quizais poder presumir de que temos un dos últimos baterías de Europa.

Brais: O último batería vivo de Europa, porque mortos hai miles. Pero vivos, Fiz e o “bataca” de U2 (risas). Fiz é un artesán, el traballa os metais. Chegamos aos bolos e nós enchufamos os nosos instrumentos, pero el está traballando a madeira, o metal, cargando unha a unha as engrenaxes… E isto e un oficio que se está perdendo.

Notades que con Mundo Prestigio estades a colleitar máis éxito que con Jay?

Brais: É que levamos moito menos tempo, e tamén é distinto como se moven a día de hoxe as bandas que cando empezamos. Este EP [Los Vengadores], desde logo, si que está tendo boa acollida.

Fer: Era outro dos motivos polos que queriamos cambiar de grupo e de nome. É o máis estimulante. Comezas desde cero e todos os pequenos pasiños que deas son ben acollidos, a xente faiche máis caso. Ao final se sacásemos un cuarto disco de Jay podiamos rascar un bolo grande, pero igual non nos prestarían tanta atención coma se decidimos comezar de cero.

Mundo Prestigio era autoeditado, e Los Vengadores vén da man de La Melona. Como foi unirse a esta nova familia?

Brais: Era cuestión de tempo, xa estabamos na Melona sen estalo. Somos amigos e xa tocamos xuntos moitas veces.

Fer: De feito o anterior EP xa estaba para sacar con eles, pero por temas de axenda non puido ser. Era algo que inevitablemente ía pasar.

Quero falar un pouco do concepto de Los Vengadores. Na crítica ao disco dixen que o último corte, Kes, recordaba ao caos dunha cidade en chamas que debía ser salvada por superheroes. Apuntei ben o tiro?

Fiz: Os temas en principio non teñen concepto. Nós non pensamos en nada concreto; ao rollo conceptual non lle damos moito. O noso proceso adoita ser colectivo: Brais trae algo sampleado de casa e logo xuntámonos todos e poñémolo todo en común. Aí é cando se crean as cousas, e realmente non lle estamos aportando ningún significado.

Fer: Pero é moi guai que se saquen outras lecturas. Despois de ler a vosa crítica, esa concepción do tema pareceume totalmente axustada.

Fiz: A interpretación forma parte do proceso que leva a cabo un músico á hora de crear. Cando chega ao público, péchase un círculo que conclúe coas interpretacións e lecturas que cadaquén lle queira dar.

Vemos tamén un lixeiro abandono do jazz e moita máis influencia do disco.

Brais: Temos bastantes máis cancións sen publicar das que están neste EP, pero foi como xuntar unha combinación de cancións que tiveran sentido entre si. Hai pouco aínda fixemos unha canción moito máis jazzística, pero non tiña moito sentido metela. Así que igual máis adiante si que sacamos un EP con catro temas moito máis jazz. Pero isto é, do que tiñamos, o que mellor encaixaba. Os temas teñen esa cohesión un pouco máis disco, un pouco máis bailonga, un pouco máis soul. Pero logo seguiremos facendo temas coma antes.

Tres dos seis cortes que conforman este novo EP conteñen pistas vogais. Por que decidistes dar máis cancha á voz?

Fiz: Canto máis, mellor; cantas máis colaboracións mellor. No primeiro EP quizais non o tiñamos tan claro, pero como vimos que funcionou bastante guai con Cibrán [Boyanka Kostova], simplemente foi dar o paso de seguir chamando… Ao final son todos colegas, porque a Nuno [Grande Amore, Oh! Ayatollah] coñecémolo desde hai pouco pero levámonos moi guai con el, e Guille de Bifannah tamén é amigo de hai bastante tempo. Ao final queda todo na casa.

Julián: E porque están tamén de moda as “colabos”, joder.

Thomas Dylan Harris

As tres colaboracións supoñen alianzas con tres dos mellores músicos do panorama galego, e ao mesmo tempo, moi diferentes entre si. E vós conseguíchedes darlles cabida e unha unidade dentro do traballo.

Brais: Porque realmente as cancións que lles pasamos xa as tiñamos, e eles souberon adaptarse moi ben. Por exemplo, Nuno púxose a rapear, e é algo que eu non esperaba. Pensaba que ía facer algo máis pop e flipounos. Cada un adaptouse dentro do seu rollo.

Fer: E creo que nesa diferenza de estilos representan moi ben os nosos intereses musicais. Aínda que sexamos un grupo etiquetado como música urbana, que facemos bases instrumentais de hip hop, é evidente que hai influencias de moitas outros cousas. De pop e rock entre elas. Como dicía Brais, nun principio a colaboración de Nuno non se contemplaba coma un tema de rap, senón que cantase algo estilo Oh! Ayatollah ou Grande Amore.

Con Cibrán hai moi boa química porque é o irmán de Fiz, e antes de gravar e de ter un setlist completo de Mundo Prestigio xa tiñamos claro que ía ser un rapeiro recorrente nos nosos traballos. O caso de Guille foi unha proposta que tivo el no noso primeiro concerto e que quizais non tiñamos contemplado nun primeiro momento. Pero pénsalo e é guai poder acoller artistas que representen unha gama máis completa de estilos.  

En Los Vengadores pódese recoñecer facilmente un sampleado das Bolas do Dragón, pero hai moitos máis. De onde xorden as ideas de recollelos e transformalos?

Fer: A maioría é música que escoitamos habitualmente e que ten seccións que a nós nos resultan moi evidentes para samplear. Son cancións que mesmo escoitamos no coche cando imos tocar por aí. E inmediatamente sabes cando unha sección é perfecta para un sampler, porque non ten batería, ten poucos elementos, ou agudos como violíns ou voces… que non entorpecen o traballo a posteriori para tocar por riba. E xa está feito.

Fiz: O bo dun sampler guapo é que cando comezas xa tes case o tema enteiro. Senta mal ás veces porque dis: “Tremendo temazo, e que pouco custou”.

Brais: Iso pasou en Quen Quere Falar, que sampleamos o violín e en 15 minutos a canción estaba feita. Collémolo todo de YouTube, pero non sei como de legal será o que facemos. Penso que os Avalanches, por exemplo, teñen avogados de sampler. Igual mañá chéganos un mail de renuncia. Nós a “caraperro”, sen permiso, sen pedirlle nada a ninguén.

Julián: Entón sacaremos Los Abogados EP.

Brais: Pero basicamente si, frikadas en YouTube co cacharro aí, dándolle a REC; e logo ao local de ensaio.

Os dous EPs foron mesturados polo Hevi. Como é traballar cunha das grandes mentes da música galega?

Brais: Bastante de Hevi hai. Foi máis no primeiro EP, porque en Los Vengadores xa tiñamos bastante establecida a forma de traballar. Por exemplo, o primeiro día que entramos ao estudio, Fiz levaba os timbais e Hevi díxolle: “Os timbais non van estar neste grupo, son de rock”. E desde ese día xa non hai timbais. Hai moitas máis cousas que están aí sen que nos deamos conta, pero ese é o detalle máis perceptible.

Estudades sacar un álbum de longa duración ou preferides seguir apostando polas pequenas doses?

Fer: Polo de agora, sacar un diso de longa duración está lonxe. Estamos moi cómodos con este formato, e eu creo que a xente tamén o está.

Fiz: Si, ao final trátase de ser constantes e estar aí. Tamén é máis fácil para nós, porque como temos distintos tipos de temas… Uns tirando para o jazz, outros tirando para o rap, disco… Para nós tamén é máis fácil agrupar.

Thomas Dylan Harris

Nunha entrevista recente, Fer comentou que os cortes de Los Vengadores xa levaban un tempo sendo tocados en directo, e que se gravaron e editaron para manter un rexistro. Para vós é máis importante o feito en directo que o feito en estudio?

Fer: Si. Sinto que levamos tocando estes temas de Los Vengadores levamos en Vigo e en Santiago en diversas ocasións. Non son temas novos para a xente que vén aos nosos concertos, senón para quen vaia descubrir á banda. Vai de cara abrirnos horizontes e tocar noutros sitios. Como rexistro, era importante que aínda que levamos tempo tocándoos, que quedaran aí e formasen parte da nosa discografía, e non se perdan como outros temas que estamos tocando e probablemente nunca vaian ser gravados. A experiencia en directo non ten nada que ver con escoitalos na intimidade na túa casa, e a xente tamén ten dereito a poder relacionarse coa nosa música desa forma.

Como vos está sentando a corentena? Está a estimular a creación?

Fer: Estamos noutro punto deses discursos de aproveitar a corentena para facer cousas orixinais e crear. Eu polo menos hai semanas que non collo un instrumento. Tes que facelo cando che apetece ou cando che sae. O primeiro día de corentena, montei un tinglado no salón. Levei todos os meus “sintes”, puxen o ordenador na tele e dous altofalantes. Pasaron catro horas, estaba a piques de estouparme a cabeza. É a presión de facer o que cres que debes facer. En realidade hai que estar tranquilo, mirar pola ventá, comer, mirar series… O que che apeteza.

Julian: Home, a vida é “tranqui”.

Brais: Quitei agora o ordenador para facer a videochamada e tiña unha capiña de po enriba. Está conectado o sampler o sinte, todo aí cheo de po.

Fiz: É o que diciamos de que o noso proceso case sempre é colectivo, entón ao estar así separados… Normalmente xuntámonos e tampouco botamos toda a tarde tocando. Botamos unhas partidas, bebemos unhas birras, e entre medias tamén tocamos. Se se perde iso, Mundo Prestigio está perdido.

Fer: O que si notamos nesta corentena é que temos moitísimas ganas de poder ensaiar os catro xuntos. O impulso creativo si que está aí, porque estás desexando ver aos teus colegas para seguir facendo algo. Sobre todo cando acabas de sacar un EP, ves que ten bo feedback e estás motivado para seguir facendo cousas.

E como vedes o devir do sector musical tras esta crise, ao longo dos próximos meses para o mundo dos concertos e festivais?

Brais: Cada día lese unha cousa diferente por aí. Prefiro non darlle moitas voltas porque se non vólvome tolo.

Fer: Pero si é unha cousa que parece que a xente está botando moitísimo de menos, e quero pensar que si se vai notar unha resposta moi favorable do público.

Fiz: Home, é que a escena musical viguesa está un pouco dispersa. Agora mesmo, non sei se hai unha Movida viguesa, e se a hai, hai moitas Movidas. Está o trap, o rollo underground, o metal…

Que lle depara o futuro a Mundo Prestigio entón?

Brais: Esperemos que cousas boas.

Fer: Esperamos volver do verán e de toda esta situación cun bo pulso de cancións novas. En canto poidamos saír ás rúas, pensamos meternos en casa de Julián a compoñer todo o que poidamos. Que cando volvamos aos escenarios para presentar este EP, teñamos un setlist ben nutrido de cousas novas e esteamos listos para o seguinte xa.

Julián: Cando nos vexamos outra vez imos gravar uns temazos.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.