10 bandas deseñadas con alma galega para viaxar sen saír da casa

Se algo deberiamos celebrar cada día do ano é que, do noso país, saíron algunhas das artistas máis marabillosas de banda deseñada xa non so do Estado español, senón do mundo. Artistas cuxo talento tanto para o debuxo coma para o guión son excelentes, e que nos permiten unha e outra vez soñar e revivir experiencias a través de historias diferentes, con maneiras de debuxar que resulta difícil incluso imitar.

 Nestes momentos duros, dende Balea Cultural volvemos traer outra lista máis, onde destacamos dez obras de banda deseñada cuxos autores son galegos. Obras diferentes entre elas, que nos levan tanto a mundos imaxinarios como a lugares que son familiares para moitas de nós pero que, sen dúbida, nos darán un cálido agarimo nos nosos fogares.

Micro Algas, o mundo oculto

Xulia Pisón

Se algo chama a atención do traballo de Xulia Pisón, é coma o seu traballo é capaz de ser divulgativo ao mesmo tempo que atractivo. Atopamos en Micro Algas, o mundo oculto unha historia de aventuras para un público novo, adolescente, pero desfrutable para calquera que se decida a abrir as páxinas do cómic.

Cores vívidas e viñetas dinámicas serán as encargadas de facernos desfrutar dunha historia de fantasía da que non poderemos saír ata o final.   

Aventuras dun oficinista xaponés

José Domingo

Gañadora do premio á mellor obra dun autor español no Salón do Cómic de Barcelona, deberían incluso sobrar as palabras para explicar por qué José Domingo consegue en Aventuras dun oficinista xaponés unha das obras máis divertidas e que mellor aproveitan o medio dos últimos anos.

Aínda que a frase anterior semelle unha verborrea estúpida, realmente ten senso dicir que sobran as palabras nunha obra que, directamente, non as precisa: José Domingo lévanos viñeta a viñeta a ver como o personaxe central da historia se move dun lugar a outro, cun resultado tan esperpéntico como gracioso. Única.

Mirror

Emma Ríos e Hwei Lim

Non é a primeira vez que falamos en Balea de Mirror, e é que xa nos atopamos con ela no pasado, descubrindo polo camiño unha obra incrible. Tamén co-autorizada, esta estará firmada pola malaia Hwei-Lim e a coruñesa Emma Ríos.

Mirror fala, dunha maneira poética que é capaz de abraiarnos unha e outra vez, de identidade. De quen somos, de como nos vemos e de como nos ven, sempre dende un punto aberto que non busca a resolución, senón a reflexión.

O salón de té do oso malaio

David Rubín

Alá por 2006, David Rubín publicaba O salón de té do oso malaio da mán de Astiberri, seguindo á súa ópera prima O Circo do Desánimo. En 2019, coeditado por Demo Editorial e Komic Librería, chegaba unha re-edición especial da obra, esta vez en galego, sendo así a primeira obra do ourensán publicada na nosa lingua.

O Salón de te do oso malaio é unha colección de relatos curtos, cuxo fío conector resulta o local que da título á obra. Polo salón pasarán diferentes personaxes que atoparán alí consuelo ante a pena e a perda, pero dende a esperanza. De maneira honesta e forte, achegámonos a un universo único no que o autor puxo todo o seu corazón.

Duerme, pueblo

Nuria Tamarit e Xulia Vicente

Nuria Tamarit, de Vila-real, e Xulia Vicente, de Cariño, firman nesta obra o seu debut oficial tras participar e fundar fanzines como Nimio ou Sacoponcho. Quen debuxa quen dilúese nun cómic marabillosamente debuxado onde ambas autoras fan que os seus estilos propios non choquen, senón se combinen á perfección, deixando ver un talento descomunal.

Meigas e homes lobos conflúen entre inocencia, costume e tradición para crear unha historia que bebe unha e outra vez en cada viñeta do que as debuxantes son capaces de expresar cos seus debuxos para crear unha historia bonita e, cando o precisa, arrefiante.

Griza Zono

Andrés Magán

Griza Zono, de Andrés Magán, serviu de escaparate inicial a Fosfatina, unha das máis magníficas e interesantes editoriais que podemos atopar no noso país. Tal vez, se atendemos ao resto da lista, esta será a obra que máis nos chame a atención sexa para ben ou para mal.

Se te chama a atención e decides darlle unha oportunidade para ben, atoparás episodios protagonizados por diferentes personaxes nunha historia na que non fan falla palabras para crear unha historia tan enigmática como imposible de deixar de ler, unha e outra vez, ás veces incluso tentando entender o que está a pasar. Todo un xeroglífico que ninguén debería deixar pasar.

Trazo de Xiz

Xulia Pisón

A día de hoxe, Trazo de Xiz é xa todo un clásico da nosa banda deseñada, e tal vez unha das experiencias máis únicas que podemos atopar no medio grazas ao seu autor, Miguelanxo Prado, e o seu estilo verdadeiramente inconfundible.

Tan complicada como aparentemente simple, Trazo de Xiz lévanos a unha illa case abandonada cuxo único punto de interese é un faro, que non funciona. Amor, misterio e fantasía dilúense na historia para crear unha obra inqueda e melancólica, pero fermosa como poucas.

¡Socorro!

Roberta Vázquez

Comestibles humanizados protagonizan as pequenas historietas que conforman ¡Socorro!, a última obra da compostelá Roberta Vázquez. Verémonos reflexados en vexetais, froitas ou pizza, e a pesar do que poida parecer, isto axudaranos a empatizar coa historia mellor do que poderiamos imaxinar.

A historia é real. Tan real que ás veces, incluso, pode doer dentro do gracioso que resulta. Historias de traballos mal pagados, de cobros que nunca veñen e de relacións persoais, de amor e de amizade forman as historias deste grito de vida.

A causa do crime

Tokio

Publicado no ano 1987 no xornal A Peneira, Tokio (Alfredo López) lévanos en A Causa do Crime ao Vigo de 1984, onde coa primeira folga xeral galega, os cambios na sociedade do noso país foron enormes e as consecuencias daqueles tempos aínda nos tocan a día de hoxe.

Co thriller policial como vehículo, Tokio conseguirá dunha forma impresionante retratar aqueles tempos de movementos sindicais, terrorismo e política institucional, todo baixo o manto da Movida Viguesa, con estrofas dos seus artistas aparecendo nas viñetas.

Operario

Jano

Jano é, tal vez, unha das caras máis coñecidas da nosa banda deseñada con obras como Nacho Camacho ou Permanezcan en sus asientos ás súas costas. Xunto a elas destaca, tamén, Operario, unha obra que tampouco precisa verbas para facer que as viñetas nos leven unha e outra vez aos lugares precisos.

Operario, en branco e negro, evocará nas súas páxinas a loita de clases dunha maneira evocadoramente triste e dura, facéndonos ver nas súas páxinas o duro que pode ser o traballo, o individualismo e, sinxelamente, a vida da clase traballadora. E todo nun silencio macabro, pero necesario.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.