‘A Divina Comedia de Oscar Wilde’, retrato gris dun xenio

Autor
Javier de Isusi
Ano
2019
Editorial
Astiberri
Idioma orixinal
Castelán
Our Score
4

Se ben o Premio Nacional de Banda Deseñada non é o galardón con máis fama do mundo, observando os premiados na súa historia contamos algunhas das obras españolas máis reseñables dos últimos anos, afastándose do clientelismo deste tipo de premios, con cómics tan especiais como o Ardalén do galego Miguelanxo Prado, As Meninas (Santiago García e Javier Olivares, 2015) ou A Arte de Voar (Santiago Altarriba, 2010).

Desta volta, o gañador foi A Divina Comedia de Oscar Wilde, do vasco Javier de Isusi,
un nome que xa leva bastantes anos soando na escena independente española, e que xa traballara sobre o autor irlandés ao ilustrar a adaptación d’O Retrato de Dorian Gray
(2012). Agora, Isusi en solitario demostra un coñecemento biográfico moi profundo do escritor irlandés, abordando esta popular figura nos últimos anos da súa vida, onde se mestura unha decadencia tardía coa grandilocuencia e carisma que mantivo durante toda a súa vida.

Oscar Wilde é o protagonista absoluto da obra. A complexidade do autor ten un transfondo
realista moi documentado, e a medida que se introducen os feitos e temas máis reseñables da súa vida, ímonos facendo unha idea do que foi este artista. A súa biografía explícase a través da súa relación cunha serie de amigos e figuras culturais importantes, que avanzan cunha serie de conversacións retrospectivas sobre a vida do escritor, á vez que discuten sobre unha ampla variedade de temas ligados á estética, o arte, a sociedade da época ou a penosa situación do autor.

Máis aló destes diálogos inclúese unha técnica narrativa moi fresca e orixinal, xa que estes personaxes (entre os que se atopan Manuel Machado, Andre Gide ou o seu amante Bosie), teñen uns apartes propios, onde á maneira dun “confesionario” ou dunha entrevista, contan directamente ao autor as súas consideracións sobre o escritor. É dicir, o traballo de Isusi chega ao estudo das persoas máis achegadas a Wilde, achegando novos puntos de vista para unha construción máis ceñida á realidade. Esta narrativa é aludida no propio título da banda deseñada, xa que estas pequenas audiencias funcionan á maneira das figuras que lle ían falando á Dante na súa traxectoria a través do inferno na Divina Comedia de Dante Alighieri.

A caída social de Wilde é acompañada polas súas amizades, tocando diferentes temas que case funcionan como os círculos do inferno, aínda que o central é sen dúbida o tratamento
do amor que sinte polos demais
, que pasa do sexual ao cariño e incluso ao intelectual, centrándonos no ser homosexual, que afecta de forma definitiva a súa obra e vida. Onde
unha tormentosa relación con Alfred Douglas “Bosie”, estando Wilde casado e con fillos, levouno a estar no cárcere e á pobreza no exilio. E así a escribir a súa última obra, publicada postumamente, De Profundis (desde o abismo), que vertebra e explica dalgunha maneira a dificultade dos últimos anos do autor. Tamén se tratan as súas relacións de dependencia cos rapaces que se prostituían no París da época, ou o seu alcoholismo, que inclúe saídas nocturnas con Henri Toulouse – Lautrec.

No apartado máis técnico, o relato intégrase nunha coidada acuarela en tons grises,
marróns e sepias
, que articulan unhas viñetas non regulares e sen límites estritos. Estas preséntannos sobre todo conversacións en fondos planos, cun ritmo fixo que se vai desbocando segundo chega o final da obra. Hai unha longa primeira parte na que se (re)constrúe a vida, obra e carácter de Oscar Wilde. Unha vez xa o coñecemos, o cómic entra nunha fase máis onírica e emocional, ilustracións a toda páxina, sen diálogos e onde se desenvolven metáforas visuais que referencian directamente ás obras do escritor. Neste senso, o relato fidedigno vaise mesturando con elementos de fantasía, como os encontros coa pantasma do poeta Arthur Rimbaud, todo de cara a desentrañar a vida do escritor.

A Divina Comedia de Oscar Wilde non é unha banda deseñada para todos os públicos, xa que trata un tema moi concreto cunha profundidade excepcional, polo que é aconsellable ter coma mínimo curiosidade (se non algún coñecemento) sobre o escritor irlandés. É un relato minucioso, case historicista, ao que se pode aludir como “café para moi cafeteiros”. Pero cun envoltorio artístico coidado con moito agarimo e un ritmo sorprendetemente áxil para o que se está a contar, polo que o lector motivado poderá entender a importancia de chamarse Oscar Wilde.

Reader Rating0 Votes
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.