‘A nai de Frankestein’: Unha diagnose psiquiátrica da sociedade franquista

Ano
2020
Editorial
Tusquets Editores
Idioma orixinal
Castelán
Our Score
4

O nove de xuño de 1933, a ferrolá Aurora Rodríguez Carballeira dispara catro tiros á súa filla mentres esta durmía na súa propia cama, ao considerar que fracasara no intento de crea-la muller que liberaría ao resto da humanidade. Mais esta historia non nace do maxín de Almudena Grandes. Trátase dun dos asasinatos máis mediáticos acontecidos no Estado español, á vez que dos cimentos sobre os que a escritora madrileña constrúe a súa última novela.

  A nai de Frankenstein, é o quinto dos Episodios dunha guerra interminable, ciclo que aborda o período da Guerra Civil e o franquismo. Do mesmo xeito que Benito Pérez Galdós co século XIX nos seus Episodios nacionais, narra a Historia dende os feitos cotiáns das persoas que a viviron. E o certo é que a influencia galdosiana da autora é visible a primeira vista. Como se consistise nun exercicio de transparencia literaria, ademais dunha homenaxe neste ano que sinala o centenario da morte de Galdós.

Nesta ocasión, Almudena Grandes aborda a psiquiatría: un dos aspectos máis agochados dunha sociedade, especialmente cando nos situamos nun manicomio feminino no nacionalcatolicismo dos anos cincuenta. Germán Velázquez volta de Suíza a Madrid co propósito de probar unha nova medicación que trata os síntomas da esquizofrenia -clorpromazina- nas usuarias do sanatorio feminino de Ciempozuelos. Aquí reencóntrase coa famosa asasina Aurora Rodríguez Carballeira e coñece a María, unha peculiar e entrañable auxiliar de enfermaría.

Como xa mencionei, os feitos máis estrambóticos e, en apariencia, irreais, son históricos, mentres que os personaxes cunha vida máis verosímil son os ficticios. E na fonda documentación é onde podemos intuír a formación da escritora, titulada en Xeografía e Historia.

A narración corre por conta destes tres protagonistas, a quen a autora dá voz dun xeito moi acertado, tendo presente o nivel sociocultural, o estado psicolóxico e as preocupacións propias de cada un. No personaxe de Aurora evidénciase o afastamento xeral dos clixés na obra: Grandes retrata á interna de Ciempozuelos dende o respecto, a comprensión e, incluso, a fascinación, logrando que as lectoras cheguen a terlle cariño a unha muller que asasinou á súa filla a sangue frío.

Se ben os personaxes están moi traballados, creo que trala súa complexidade se agocha un desenvolvemento máis ben estanco. Coñecemos aos personaxes dende a súa propia perspectiva e dende a dos outros dous protagonistas, ao que hai que engadir saltos temporais mediante os que os imos descubrindo en diferentes épocas da súa vida, dando lugar á sorpresa ao coñecermos o insospeitado. Porén, os personaxes non sufren tantos cambios no transcorrer das súas aventuras, senón que teñen unha evolución bastante plana pero disimulada na narración. O que si é verdadeiramente complexo -aínda que non tanto coma noutras obras da autora, como n’O Corazón xeado– é a relación entre os personaxes, principais e secundarios. Chegan a superar o centenar, sen ser isto un problema na súa identificación e seguimento. De feito, algúns son tan peculiares que poderían resultar anacrónicos de non recoñecer as súas propias excentricidades no seu contexto.

Algúns dos temas que imos atopando ao nos mergullar nestas páxinas son a euxenesia -que a autora ten calificado coma “unha ideoxía criminal”-, o “gen rojo” de Vallejo-Nájera ou a influencia da Igrexa católica no progreso científico. Mais tamén atopamos outros menos esperados pero inevitables para retratar aquela época. Un deles é a liberdade -ou mellor, a falta de liberdade- das mulleres como indicador do progreso social acadado, unha constante na obra da escritora. Pero Grandes non se limita a expoñer a represión exercida sobre as mulleres. Remata por relacionar a psiquiatría con tódolos aspectos da vida, facendo especial fincapé na diferenza de clases e na homosexualidade para, pouco a pouco, irnos amosando a diagnose do Estado español coma un país que, de ser unha persoa, remataría achicharrada a electrochoques en Ciempozuelos.

Reader Rating7 Votes
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.